25 razóns para non votar ao BNG nas vindeiras eleccións xerais
Posted in Galiza on 09/08/2011 11:46 p.m. by Xosé Antón
1.- Por defender que Galiza, como nación, ten dereito á autodeterminación e ao exercicio da soberanía nacional.
2.- Por ser a resposta necesaria contra unha situación de dependencia económica, opresión cultural e política de Galiza.
3.- Pola súa defensa da cultura e do idioma propio de Galiza.
4.- Por fomentar a industria cultural galega.
5.- Por ser unha organización política que posibilita a transformación e benestar da sociedade.
6.- Por desenvolver un programa para a gran maioría da sociedade galega, facendo propostas que amosan lealdade á defensa de Galiza.
7.- Por propugnar un modelo social que promova un desenvolvemento socioeconómico contrario á dependencia e a prol do benestar de todo o pobo.
8.- Por requirir o reforzo do autogoberno como vía para adoptar as solucións máis acaídas a cada pobo, como antídoto a unha globalización económica xerarquizante e discriminatoria. Dese xeito, o BNG manifesta a importancia de avanzar no autogoberno de Galiza, e con iso no deseño de políticas propias no ámbito social e económico, pois só dese xeito se pode controlar e coordinar democraticamente a economía desde as nosas institucións e a través de políticas propias.
9.- Por aclarar que a crise económica que estamos a padecer ten a súa orixe na aplicación das doutrinas económicas neoliberais que construíron unha economía dominada polo capital financeiro, guiada por criterios de investimento de carácter predominantemente especulativo, cada vez máis desconectada da economía real e das necesidades reais dos pobos e das persoas.
10.- Porque afirma que para criar emprego en Galiza é imprescindíbel apoiar os sectores produtivos, dando solucións, por exemplo, á crise do naval, ao sector lácteo ou gandeiro; facer unha reforma fiscal xusta e progresiva, impulsando a función de redistribución da renda e riqueza como instrumento activo na corrección das desigualdades sociais ; xunto á necesidade de criar unha banca pública que garanta o crédito á pequena e mediana empresa.
11.- Por fomentar a participación pública nos proxectos de aproveitamento eólico e criticarlle ao PP que, con decisións como a paralización do concurso eólico, ten convertido a Xunta de Galiza nunha máquina de producir paradas e parados.
12.- Por solicitar reformas estruturais no marco europeo a favor do sector pesqueiro galego.
13.- Por estar en contra da modificación do artigo 135 da Constitución española, impulsada polo PSOE-PP, con présa e sen sometela a referendo, como exemplo do modelo económico, social e político neoliberal que sustenta á Unión Europea, o que provoca graves desigualdades sociais dentro de cada estado e afonda as diferenzas económicas entre eles en contra dos intereses da cidadanía.
14.- Por manifestar rotundamente a súa oposición ao recorte do gasto público, as reformas laborais involutivas, a eliminación de protección social, a total inacción para impulsar a economía produtiva.
15.- Por pretender modificar o réxime das relacións laborais, retomando unha regulación máis equitativa co fin de asegurar a estabilidade no emprego e o establecemento claro de límites á flexibilidade na contratación temporal e a tempo parcial.
16.- Pola súa esixencia de garantir e reforzar o sistema público de pensións, e insistir na vixencia do sistema de repartición interxeracional.
17.- Por querer reducir o gasto en atencións protocolarias, parque móbil, gastos de desprazamento, publicidade institucional en todas as administracións, empresas e entes públicos, altos órganos consultivos, así como a Casa Real.
18.- Por impulsar, tanto a nivel institucional como social, unha defensa activa das caixas galegas, das competencias de Galiza no sector financeiro, e da canalización do aforro galego a través de institucións financeiras propias cunha clara compoñente social .
19.-Por defender uns servizos fundamentais como o ensino público de calidade, gratuíto e en galego e estar en contra da aplicación das políticas extremistas liberais de redución de gasto ou desvío de fondos públicos cara centros privados.
20.- Por demandar o afianzamento do modelo sanitario público onde a protección da saúde debe ser considerada un dereito fundamental que as administracións e poderes públicos deben garantir.
21.- Por procurar o afortalamento dos servizos públicos sociais como medida para corrixir as desigualdades sociais, crecentes nesta época de crise. Entendendo o BNG que a política de servizos sociais debe estar baseada nos principios de universalidade, igualdade de oportunidades, non discriminación, normalización social, cohesión e reequilibrio territorial, diálogo institucional e suficiencia financeira.
22.- Por impulsar a vivenda de protección oficial así como o impulso á rehabilitación e á eficiencia enerxética dos edificios.
23.- Por esixir a execución de infraestruturas estratéxicas para o desenvolvemento de Galiza.
24.-Por promover a solidariedade, o antiimperialismo, a paz e desarme no concerto internacional.
25.- Por reafirmar a súa aposta pola soberanía dos pobos e por unhas relacións internacionais baseadas na xustiza e na igualdade que primen a resolución pacífica dos conflictos e non a través de intervencións militares que responden á defensa de intereses económicos e xeoestratéxicos imperialistas.