Imaxes da concentración de Queremos Galego en Bergantiños

Imaxes da concentración diante do edificio administrativo do concello de Carballo

Artur Trillo e Silvana Castro,  portavoz  e  coordinadora da plataforma Queremos Galego na comarca, explicaron, diante das persoas  da comarca de Bergantiños concentradas na praza do concello de Carballo, os motivos do rexeitamento á imposición do decretazo antigalego presentado polo goberno de Alberto Núñez Feijóo.

Ao final da lectura do manifesto reclamaron a retirada do decretazo.

A razóns son as seguintes: 

1- Porque non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego. 

2- Porque as nenas e os nenos das cidades e principais vilas non terán ningún contacto co galego até cumpriren os seis anos. Toda a escolarización en educación infantil será na chamada “lingua materna” maioritaria das familias. 

3- Porque é unha proposta feita de costas á sociedade galega. Non coñecemos outro goberno democrático do mundo que conte cun rexeitamento unánime a unha reforma educativa e que siga adiante a pesar de ter en fronte a todos os sindicatos, todas as asociacións estudantís e –excepto unha- todas as asociacións de nais e pais. 

4- Porque aplicar este decretazo vai supor enfrontamentos nos centros. A Xunta fai deixamento das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas. 

5- Porque estas consultas parciais ás familias son pura propaganda da Xunta, pois en infantil preguntarase pola lingua familiar para que o ensino só se imparta no idioma da maioría e en primaria preguntarase cada catro anos por cal bloque de materias se pode impartir en galego. Neste disparatado deseño non se tiveron presentes nin criterios pedagóxicos nin o dereito a unha educación en igualdade. 

6- Porque este decretazo vulnera leis básicas (a Lei de normalización lingüística), acordos unánimes do Parlamento (o Plan xeral de normalización da lingua galega) e tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos (a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias). 

7- Porque este decretazo estabelece que a Consellaría de Educación pase a fomentar a edición de libros de texto en español e en inglés, a pesar de contaren cun mercado editorial fortísimo. A Xunta diminuirá así os fondos económicos para a promoción de material pedagóxico en galego, a pesar de ter serias carencias aínda en moitos ámbitos. 

8- Porque abre as portas a que se expediente ao profesorado que imparta en galego algunhas materias, como matemáticas, física e química e tecnoloxía. 

9- Porque con esta norma pasamos a ser a única comunidade do Estado español na que se limita que algunhas materias non poidan ser nunca impartidas na lingua propia e na que se posibilitará que os nenos e as nenas non o escoiten na escola (salvo como actividade extraescolar) até faceren os seis anos. 

10- Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país. 

Ante esta situación, cómpre continuarmos cunha mobilización intensa, á cal está chamada o conxunto da sociedade, tanto falantes de galego como falantes de castelán. O goberno de Núñez Feijóo quere acelerar a extinción do galego, levándonos a un marco legal preautonómico. De nós depende evitalo!

 PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO!

 

Deixa unha resposta