Día da Clase Obreira Galega na sete cidades galegas. Imaxes da manifestación da Coruña

Imaxes da manifestación da Coruña 

Arredor de 20.000 persoas participamos nas manifestacións organizadas pola CIG (Confederación Intersindical Galega) no Día da Clase Obreira Galega, nas sete cidades de Galiza, baixo o lema «O emprego, os salarios e as pensións deféndense loitando”

Este pasado 10 de marzo as traballadoras e traballadores mobilizámosnos pola rúas galegas en defensa do emprego, dos salarios e das pensións, ameazados hoxe como consecuencia da crise económica e das políticas neoliberais que se están a promover desde os gobernos.

Na manifestación á que asistín, a da Coruña, o Responsábel Comarcal da CIG, Paulo Carril, denunciou que as deslocalizacións están a producir un forte incremento nos despedimentos. Púxose como exemplo o caso  de SYKEs, cunhas  450 persoas para o paro, deixando reducida á mínima expresión o cadro de persoal desta empresa na cidade.

E que dixeron os medios de comunicación das manifestacións do sindicato nacionalista?

Pois nada.  Como publica a Web da CIG, xornais como La Voz de Galicia, El País ou o Xornal ocultaron ou deformaron a realidade conculcando o dereito fundamental a recibir información veraz. A CIG expresou que lamenta esa actitude e advertiu que, lonxe de acadar o seu obxectivo de silenciar ou distorsionar a realidade, o único que conseguen é que cada día se poña máis en cuestión a súa credibilidade, alén de agravar, aínda máis, a xa escasa saúde democrática deste país.

Para eses medios de información a convocatoria de manifestacións en sete cidades de Galiza careceu de interese informativo. A mesma CIG non cuestiona o dereito dos medios de comunicación a manter unha determinada liña editorial, nin a que, como empresas, defendan reformas laborais, recortes salariais ou reformas da seguridade social. O que si cuestiona é que estes medios de comunicación pretendan presentarse como plurais, obxectivos e profesionais. Estas cabeceiras atenden aos seus intereses e a CIG non está entre eles.

 

Deixa unha resposta