A entrevista de Evo Morales en Dossier
Publicado en Mundo o 20/03/2010 02:56 por Xosé AntónEscoitar a Evo Morales sempre resulta enriquecedor. Convídote a ver esta interesante entrevista concedida ao programa Dossier, do xornalista Walter Martínez, transmitido por teleSUR, onde o presidente do Estado Plurinacional de Bolivia, Evo Morales, fala das vindeiras eleccións a celebrar o 4 de abril no seu país.
O xefe do estado boliviano argumentou noutras ocasións que sen Estados Unidos e sen o Fondo Monetario Internacional (FMI) estase mellor en todos os aspectos, especialmente económicos. Comparando a situación económica do seu país, desde que asumiu o poder (en xaneiro de 2006) coas épocas anteriores dos gobernos neoliberais, os datos danlle a razón. Hai que lembrar que desde a década do 40 até 2006, Bolivia arrastrou un déficit fiscal permanente, situación que cambiou ao final do seu primeiro ano de xestión, cun superávit histórico que se mantivo nos últimos catro anos.
O gobernante boliviano, usando unha política similar á do presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez, nacionalizou os hidrocarburos e como consecuencia os ingresos polo gas subiron substancialmente, o mesmo que o investimento público e as reservas internacionais, que alcanzaron os 8.700 millóns de dólares.
Bolivia e Estados Unidos manteñen distancia nas súas relacións diplomáticas, que se agudizaron en setembro de 2008 cando o presidente boliviano expulsou ao embaixador estadounidense Philip Goldberg, acusándoo de inxerencia e de apoiar un complot civil en contra do goberno.
Morales xa manifestara na presentación do libro Evo en la mira. CIA y DEA en Bolivia que o imperio ten dous métodos de eliminar aos líderes que loitan polos seus pobos, un deles é excluílos do escenario político acusándoos de sediciosos e o outro eliminalos fisicamente. Só hai que reflexionar sobre o que os chamados medios de comunicación, altofalantes do Imperio, están a facer cos seus referente políticos, Fidel Castro e o presidente Hugo Chávez, para comprobar o acerto nas palabras do presidente do Estado Plurinacional de Bolivia.