Archive for Marzo 14th, 2010

Queremos galego: Onte en San Caetano e mañá luns nas comarcas do País na defensa do noso idioma

Imaxes da concentración en San Caetano

Arredor de 2.000 persoas, convocadas por Queremos Galego,  estivemos o sábado, 13 de marzo, ás portas da sede central da Xunta,  en San Caetano,  para amosar o noso rexeitamento á imposición do decreto anti – galego do PP. Un PP que mantén a brigada de demolición no goberno en posicións frontais de asalto.

Como sinalou o voceiro da plataforma, Carlos Callón, con  este decreto seremos a única comunidade autónoma do Estado, con lingua propia diferente do castelán,  na que se poñan topes para a presenza do idioma propio, se impida a súa presenza en determinadas materias e se posibilite que haxa nenas e nenos que non o escoiten na escola até cumprir os seis anos.

Mais, Carlos Callón asegurou que a presentación do decreto non sinala o fin das mobilizacións e asegurou que Queremos Galego organizará mañá,  luns 15 de marzo,  concentracións en todas as comarcas de Galiza para rexeitar a imposición do decreto. A da nosa  comarca, Bergantiños – A Costa da Morte,  será ás 20:00 h. na Praza do Concello de Carballo.

Outras localidades nas que haberá concentracións contra o decretazo que pretende acabar co galego: Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña, Lugo, Pontevedra, Ferrol, Vilagarcía de Arousa, Noia, Foz, Carballo,  A Estrada. Á dA Pobra do Caramiñal será ás 20h30´.