Ucraína en eleccións: da revolución das cores a un coherente xiro político
Publicado en Mundo o 07/02/2010 03:07 por Xosé AntónAproveito que hoxe abrirán os colexios electorais para celebrar a segunda volta dunha das máis interesantes
eleccións presidenciais ucraínas (entre o líder do Partido das Rexións, Vítor Yanukóvich, e a actual primeira ministra Yulia Timoshenko) para subir un artigo (despois de recompilar suficiente información) sobre un posíbel xiro polítivo no país ex – soviético, como resultado das eleccións deste 7 de febreiro.
Tanto Yanukóvich como Timoshenko aproveitaron até o último día de traballo. Antonte, á tardiña, no centro de Kiev foi presentado na Praza de Mihailovsk un concerto de gala de apoio ao líder do Partido das Rexións, coa participación de famosos intérpretes ucraínos. Mentres que na praza veciña, de Santa Sofía, tivo lugar a actividade denominada “Pregaria por Ucraína”, coa participación de Timoshenko, e a presenza de prelados de igrexas cristiás.
En contra dos rumores que circulaban sobre as provocacións que se fraguaban, as actividades de fin de campaña transcorreron sen excesos. A pouco da medianoite, os candidatos á presidencia lanzaron un último chamado á cidadanía pola televisión. Cada un expresou a súa seguridade máis absoluta na vitoria, e esa mesma noite as cuadrillas municipais retiraron das rúas toda a propaganda electoral, entre panos, pancartas e outros para que os electores poidan, sen presións algunhas, reflexionar e determinar a súa opción.
Lembremos que na primeira volta electoral, Yanukóvich acumulou o 35,32% dos votos, e Timoshenko, o 25,05%. E, aínda que ninguén se atreve a aventurar resultados, diversos comentaristas políticos falan desde 5,10 ou máis puntos de vantaxe de Yanukóvich, até un posible empate técnico entre ambos os dous contendentes. Esta última posibilidade complicaría a formación de goberno. Yanukóvich xa gañou outras eleccións, pero un acordo entre os partidos de Yulia Timoshenko e Vítor Yúschenko arrebatoulle a posibilidade de alcanzar o poder.
O actual presidente, Vítor Yúschenko, un dos dereitistas líderes da, financiada polo Imperio, revolución laranxa – xunto a Yulia Timoshenko – non conseguiu revalidar o mandato, ao obter menos do 6% dos votos na primeira rolda das eleccións presidenciais, o pasado 17 de xaneiro. Con Yuschenko, a débeda estatal chegou a 37.750 millóns de dólares a finais de 2009, ou un 60% maior que un ano antes.
Os resultados da xestión do réxime de Yuschenko evidencian que non chega con culpar á Rusia dos males de Ucraína para revalidar o mandato. Tampouco negándolle o dereito de administrar os propios recursos ás comunidades do Leste do país, nen “endiosándose” como salvador do pobo diante dos “efectos calamitosos” do comunismo - dun xeito similar á do presidente xeorxiano, Mijaíl Saakashvili, outro monicreque do Imperio- nen elevando aos altares (vexando ao seu propio pobo) aos cómplices do nazismo que loitaban contra o bolchevismo, chega para perpetuarse no poder.
As accións do goberno do actual residente non son respectadas polo ucraínos. Todo o contrario, desalentaron a unha sociedade que o actual presidente abandonou á súa sorte para deixarse arrolar pola man estadounidense.
Todos os analistas concordan que ao novo presidente agárdalle unha tarefa diplomática complicada. Pasaron os tempos da “revolución laranxa”. O novo líder terá que procurar, non só que se entendan o Leste e Oeste do país, senón que, ademais, melloren as relacións cos veciños, en particular con Rusia – coa que está unida por unha historia común- e outros Estados da CEI.
Varios analistas rusos consideran que Ucraína renovará a súa participación nos programas económicos e sociais da CEI e, en determinadas condicións, podería comezar o proceso de ingreso na Alianza Aduaneira de Rusia, Bielorrusia e Kazajstán. É, probablemente, os contactos políticos, militares e técnicos coa Organización do Tratado de Seguridade Colectiva, da que non é membro.
Cabe tamén esperar que, coa chegada do novo presidente se reduzan os contactos nos marcos do denominado GUAM e doutras asociacións e alianzas interestatais, cuxa participación non contribúe ao melloramento da seguridade no espazo post-soviético nen as relacións con Rusia.
É evidente que, coa chegada do novo presidente pode ser definitivamente neutralizada a idea do ingreso na OTAN, que non ten perspectivas políticas e económicas reais algunhas, e que é rexeitada pola maioría da poboación do país.
Queda claro que despois de falar o pobo, e independentemente dos resultados electorais Ucraína pode cambiar considerablemente en varios dos aspectos sinalados.
A maioría da poboación esixe cambios. Un signo inequívoco de que o actual modelo político e económico foi rexeitado pola poboación foi o escaso apoio obtido polo presidente Yuschenko. E iso, como sosteñen a maioría dos especialistas, non ten nada de estraño, pois a ausencia dunha lóxica coherente no desenvolvemento económico, social, cultural e político levaron ao país, practicamente, á catástrofe, sobre todo económica. E este é o primeiro e principal problema do País. Da solución deste problema depende, en grao decisivo, o futuro da nova administración que saia das eleccións ucraínas.

Sinálase que a mala situación económica foi debida á emisión de obrigas do Estado, os créditos tomados no Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial e a subida do tipo de cambio de divisas estranxeiras con respecto á grivna (moeda ucraína). Por iso a débeda externa do Estado e a avalada polo Estado alcanzou 24.600 millóns de dólares en Ucraína a finais de 2009.
Con Yúschenko, un líder da revolucións de cores que o imperialismo creou no espazo post – soviético, non só a situación económica camiñou cara o abismo, tamén a xestión partidaria: a administración apoiou, co beneplácito occidental, aos movimentos que pretenden facer unha falsa lectura da historia. Un exemplo diso é a construcción, na cidade ucraína de Ivano-Frankovsk, dun museo, con monumento incluído, de cara ao centenario do natalicio do líder nazi ucraíno Stepán Bandeira. Yúschenko asinou, ademais, un decreto que o proclama heroe nacional.
Nota: Quen é Stepán Bandera:
