Os voitres occidentais á caza de África
Publicado en Mundo o 01/02/2010 02:38 por Xosé Antón
Polo menos, sería desexable que o XIV cumio da Unión Africana (UA) que se inaugurou o domingo en Adis Abeba (capital de Etiopía) para discutir o desenvolvemento das tecnoloxías da información e comunicacións (TIC) no continente, entre outros temas, fose tratado dignamente polos medios de comunicación. Os medios de comunicación occidentais non fan máis que reproducir prexuízos, estereotipos previamente construídos por motivos económicos, políticos e ideolóxicos. Esa imaxe non naceu hoxe, comezou hai séculos para lexitimar a trata de escravos.
Durante o cumio de tres días, agárdase que os xefes de Estado e de goberno de máis de 50 países membros da UA intercambien ideas sobre os desafíos e perspectivas do desenvolvemento do sector TIC en Africa, como unha parte crucial do desenvolvemento da infraestrutura do continente.
Así mesmo, os líderes discutirán asuntos de gran interese en Africa, incluíndo os conflitos rexionais, a integración rexional e o cambio climático, entre outros temas.
No cumio tamén se considerará unha serie de informes, entre eles informes sobre o Ano da Paz e a Seguridade en África, cambios inconstitucionais dos gobernos, ou a Nova Alianza para o Desenvolvemento de Africa.
Non deixa de ser grotesco que, sendo convidado de honra ao cumio como representante da Unión Europea, o presidente do Goberno español Rodríguez Zapatero solicitase este domingo aos países africanos, desde un extremo eurocentrismo, que sexan máis “contundentes” para facer fronte á piratería ou o terrorismo. Iso debe ser o que máis lle preocupa a un continente tan diverso como África, e que soporta as accións e consecuencias da piratería e o terrorismo das potencias colonizadoras!!!
E que non o ten moi doado o continente Africano. Como publica no seu blogue HablemosdeAfrica , Jorge Luis Rodríguez González (xornalista do diario Juventud Rebelde e profesor adxunto da Facultade de Comunicación da Universidade da Habana), os voitres coloniais, á espreita, agardan a que a súa presa (África) estea feita un cadáver para descarnala por completo. A famosa e dura imaxe vénlle como anel ao dedo a un grupo de investidores que nos últimos tempos adicáronse a mercar as débedas dos países pobres, para logo recuperar o seu investimento co embargo de bens, as demandas xudiciais e coa presión política e a chantaxe, nun monto moi superior ao que pagaron pola débeda externa.
Segundo a ONG Jubilee Debt Campaing, polo menos 54 compañías, a maioría radicadas en paraísos fiscais, iniciaron procesos legais nos últimos anos contra 12 dos países máis pobres do mundo, por un monto total de 1 500 millóns de dólares.
Exemplos hai tantos que xa non se poden enumerar. O caso do Congo que puxen na proxección é un exemplo actual do desprezo absoluto de Occidente. E hai máis. Un que está de actualidade nos xulgados é o xuízo colectivo que involucra a vítimas do apartheid en Sudáfrica.
Estas vítimas demandan a empresas que, segundo eles afirman, colaboraron co réxime que gobernou até 1994. Algunhas das empresas multinacionais acusadas son IBM, Fujitsu, Ford, General Motors e as xigantes do sector bancario UBS e Barclays. A demanda acusa ás empresas de complicidade e/ou participación consciente en crimes cometidos durante o apartheid: execucións extraxudiciais, tortura, detención ilícita prolongada e trato cruel, inhumano e degradante.
Novas xeracións de dirixentes políticos africanos e organizacións civís dispostas a loitar – fartos dos voitres que sobrevoan África – tentan plantarlle cara á colonización e a represión actual que pretende, eliminando os elementos de autogoberno, facerse coas riquezas do continente.
Pode que, dependendo tamén do ditame xudicial, algo comece a cambiar na actuación das empresas no continente africano. Mais, atendendo aos precedente e aos os humillantes intereses da débeda externa por pagar aos seus acredores internacionais, a loita non será doada.