No camiño dun silencioso e paulatino apartheid cultural e económico?
Publicado en Galiza o 11/02/2010 00:44 por Xosé AntónO BNG explicou con clareza suficiente que, desde Madrid, pretenden que Galiza claudique e renuncie a ter unha gran
caixa galega. Afirmou, en múltiples ocasións, que a Lei Galega de Caixas de Aforros é unha iniciativa parlamentar do BNG coa pretensión de democratizar as mesmas e que estean ao servizo da economía galega, ao servizo do noso País.
Mentres, servís seguidores PSOE na Galiza, organizan unha manifestación (non representativa da vontade maioritaria da sociedade viguesa) para apoiar o comportamento discriminatorio do goberno e doutras forzas políticas estatais para impedir que o noso País conte cunha caixa ao servizo de Galiza que potencie o desenvolvemento da economía produtiva do País
O Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nunha entrevista radiofónica na Ser en Madrid lembrou que a sinatura do manifesto “Galiza ten dereito” en defensa da Lei de Caixas, subscrito polo BNG e todos os sindicatos, CIG, CC.OO., UXT, PP e a patronal, representa á inmensa maioría social galega que saben que, se non temos esa caixa galega, provocarase o espolio do aforro galego, xa que teremos unha sucursal doutras caixas foráneas fusionadas, cun centro de decisión fóra de Galiza.
Así, os 80.000 millóns de euros en activos desaparecerían de Galiza e pasarían a seren controlados por centros de decisión con sede en Madrid.
E agora, seica o Goberno galego abre agora unha vía de negociación con Madrid para que o Goberno central retire o seu recurso. Mais, ten algún sentido que as leis dun Parlamento se negocien despois de ser aprobadas ou pretenden negociar ese dous partidos centralistas co aforro das galegas e galegos?
O PP e PSOE teñen intención de negociar algunha presunta inconstitucionalidade da lei?
O que semella é que o PP e PSOE teñen en mente é negociar o reparto de poder interno na caixa resultante da hipotética fusión.
Temos claro que o BNG non vai participar nese cambalache. Sabemos que o BNG continuará a defender o autogoberno e continuará a defender os contidos esenciais dunha lei tan constitucional como a basca, a catalá ou a andaluza.
As leis dun parlamento non se negocian noutro estamento foráneo. A este paso o poder central vainas enviar xa feitas desde Madrid!
O Goberno galego, en todo caso, ten que exercer a súa responsabilidade e defender con maior enerxía o autogoberno. Debe apresentar xa un recurso contra o FROB, como afirmou hoxe o BNG no Pleno do Parlamento Galego, a través do portavoz parlamentar , Carlos Aymerich.
O que se pode visualizar de xeito obvio é que na Galiza temos un mapa político parlamentar no que, agás da verdadeira e inesgotábel posición do BNG na integral defensa colectiva dos intereses da cidadanía galega, existen dúas forzas políticas centralistas que están montadas nun continuado ataque á dignidade galega.
Unha quere, co exterminio da Cultura Galega, converternos nunha sociedade culturalmente subordinada. E a outra pretendeo economicamente, impedindo una axeitada orientación económica que dea pulo ás potencialidades produtivas do noso país.
Non estamos no camiño dun silencioso apartheid cultural e económico de incremento paulatino, para que a sociedade, cun sistema de alerta preparado só para os cambios bruscos, non o detectemos ?