A resolución no «pleno – espectáculo» da eurocámara contra Venezuela amosa a escalada agresiva do imperialismo contra América do Sur e o Caribe

O pleno- espectáculo do Parlamento Europeo aprobou onte, quintafeira, unha resolución non vinculante na que amosan a súa «fonda preocupación» pola  “deriva autoritaria» que a maioría dos eurodeputados da dereita (en todas as súas formas políticas) consideran que emprendeu o presidente, Hugo Chávez. Nesa iniciativa conservadora instaron a restituír as licenzas dos medios que o goberno da República Bolivariana de Venezuela inhabilitou o pasado mes de xaneiro por estar fóra da normativa aprobada por Conatel. Trátase da cuarta vez que se pronuncia a Eurocámara para condenar as “violacións das liberdades fundamentais”  en Venezuela.

O embaixador venezolano en Bruxelas, Antonio García, afirmou que se o Parlamento Europeo tivese unha «verdadeira preocupación» polas supostas violacións dos dereitos humanos en Venezuela «votaría polo menos a metade dos preto de 600 eurodiputados» que participaron no proceso.

Nunha entrevista para a axencia cubana Prensa Latina, o diplomático cualificou a votación como «unha groseira manipulación para converter o tema administrativo da emisora RCTV Internacional nun caso   político, cando precisamente o luns RCTV Internacional presentou a documentación esixida pola administración …Venezuela repudia que a dereita e a extrema dereita utilicen o procedemento do voto de urxencia contra a orde constitucional e a democracia en Venezuela».

 Dese xeito a eurocámara, controlada pola dereita, ultradereita e liberais, apoiou a iniciativa presentada polo grupo parlamentar do PP europeo no mesmo senso que o fixeron os gobernos de Estados Unidos e Canadá.

Fago meu os argumentos do   embaixador Roy Chaderton na OEA, cando expresa que con esa medida o que fan realmente é  incitar a RCTV á desobediencia da lei. A RCTV realizaba unha programación mediocre, racista, violenta e vulgar afeita transmitir programación de adultos en horarios infantís.

Unha RCTV inocente que pula pola liberdade de expresión?

 Porén, durante o golpe de estado contra o Presidente Chávez en 2002 transmitiu programación infantil (O Libro da Selva, Tom e Jerry, etc.) en horario de adultos, para ocultar a rebelión da cidadanía venezolana contra o golpe militar en contra do goberno do presidente Venezolano, o cal salvou a vida por pouco.

 Cinco anos despois non se lle renovou a concesión propiedade do Estado e pasou a transmitir por cable. Hoxe, con noventa por cento da súa programación venezolana, disfrázase de televisora internacional para non clasificar a súa programación con corrección. Outras emisoras suspendidas volveron ao aire ao cumprir coa lei. Por exemplo, a Tv Chile bastoulle rexistrarse e comprobar que non é venezolana; igual pasou coas emisoras vinculadas ao foráneo grupo privado Televisa.

O que non lle din, desde a cámara europea, á cidadanía que din representar é que RCTV é unha cadea de televisión de tradición criminal mediática. Desde 1984 liderou o castigo contra ex Presidente Luís Herrera Campíns nos medios privados por prohibir a publicidade de licores e cigarros nos medios e por impor na radio unha peza musical venezolana por cada unha importada. Esa sanción(total silencio mediático do ex – presidente) durou até o día da súa morte en 2007.

Como dato curioso a televisión de oposición radical, Globovisión, transmite libremente porque acepta a normativa. RCTV séntese a nena consentida da escoria mediática internacional e non acata a lei.

Pode entón a RCTV contar co apoio de El Nacional e Globovisión en Venezuela, co de Fox News, Glen Beck, Rush Limbaugh, Pat Robertson, o Miami Herald, CNN en español, o Grupo de Diarios América, El Tiempo da familia Santos, El Universal da familia Ealy, El País de Madrid, La Voz de Galicia, a Asociación Interamericana de Radiodifusión, a Sociedade Interamericana de Prensa, os representantes do terrorismo mediático, o Comando Sur e a IV Flota neste aquelarre das tebras interamericanas.

 Quen participa neste circo da ultradereita?

Participa unha CIDH que calou ante a masacre do “Caracazo” en Venezuela e apoiou o golpe contra o Presidente Chávez xunto coa mafia interamericana de burócratas dos dereitos humanos que se infiltrou na OEA, coa complicidade da súa máis alta autoridade, así como unha Relatoría da Liberdade de Expresión que cre que a iniciativa privada para difamar, censurar e desestabilizar é unha liberdade que merece a súa protección.

 Como rematou  a intervención do Representante Permanente da República Bolivariana de Venezuela ante a Organización dos Estados Americanos (OEA), o embaixador Roy Chaderton Matos, ese medios e o Imperio, a comezos do bicentenario da primeira independencia venezolana  e rumbo á a segunda independencia, non poderán deter a  avanzada Bolivariana pola xustiza social, a democracia e a paz en Venezuela .

O ataque a un goberno que pula pola independencia, tamén mediática, é outro chanzo agresivo do Imperialismo para recuperar o espazo perdido no seu anterior patio traseiro

Como afirman na Rede de Redes na defensa da Humanidade, os plans do imperio son claros para as forzas do progreso e invisibles para os grandes medios. A hexemonía mediática serve ao imperialismo para enganar á opinión pública, confundila e utilizala para os seus fins de dominación.

Os pobos de América do Sur e o Caribe queren a paz para traballar e crear sociedades máis xustas e máis equitativas. A agresión imperialista obriga a esforzos que distraen destes obxectivos.

Fronte á escalada agresiva do imperialismo, faise imprescindible a mobilización dos escritores e os artistas, dos profesionais, dos medios alternativos de comunicación, das organizacións e movementos sociais e de todos os homes e mulleres de boa vontade, que estean dispostos a loitar pola paz e pola supervivencia da especie humana.

Chamamos a todas as persoas e ás organizacións articuladas na Rede de Redes En Defensa da Humanidade, a denunciar por todas as vías posibles os plans belicistas do imperialismo, a adherirse a esta convocatoria e a dala a coñecer ás organizacións internacionais, aos gobernos, parlamentos e partidos políticos.

 

Deixa unha resposta