A ILP procura parar o apartheidtazo lingüístico do PP

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, despois de  presentar no rexistro do

Plenario da plataforma Queremos Galego na que se debateu sobre a presentación da ILP

 Parlamento a ILP en defensa do noso idioma,   pediulle á cidadanía, mais especialmente  aos votantes do PP, aos defraudados coa política de galegofobia do goberno de Núñez Feijóo – o do odio contra a nosa cultura, o do desmantelamento da oficialidade da nosa lingua -  que apoien a Iniciativa Lexislativa Popular da plataforma Queremos Galego  co obxectivo básico de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía do noso país. 

 Callón Callón, nas declaracións aos medios de comunicación, afirmou que a Iniciativa  non vai contra ninguén  senón que incide,  desde a base social,  na  defensa do conxunto da cidadanía e dos consensos  alcanzados  pola sociedade e os colectivos que a representan. O goberno ultra – conservador da Xunta de Galiza, como lembrou Callón, “debería estar á cabeza das políticas de defensa e promoción da lingua, pero…está impulsando o proceso de desmantelamento”.

É certo que esta iniciativa lexislativa non vai contra ninguén, mais  calquera  pode lembrar que outros, collidos da fúnebre man de Galicia Bilingüe, si tomaron a iniciativa de ir contra a nosa cultura e o idioma propio de Galiza. E que eses outros crearon o innecesario conflito co decretazo antigalego. E que do conflito extremo, creado desde o poder da dereita, pásase con facilidade – como obxectivo - ao exterminio cultural dun pobo.

É ben certo o que afirman distintos colectivos na defensa do Galego, integrados na plataforma Queremos Galego: na Xunta de Núñez Feijóo están á procura do exterminio da Cultura Galega e alimentando o auto-odio na sociedade galega co obxectivo de facer dela unha submisa cidadanía de segunda categoría, subordinada cultural, económica e ideoloxicamente ao ditado do centralismo ultraconservador (do mesmo xeito que o recurso do goberno do PSOE, no seu máis puro liberalismo,  contra a Lei de Caixas Galegas. Neste caso,  un ataque á dignidade, institucións e autogoberno de Galiza, como ben cualificou o líder do BNG).

 O goberno da Xunta, en mans do PP, debería  cumprir o mandato estatutario sobre a defensa do idioma galego – como subliñou o Portavoz do BNG, Guillerme Vázquez –  e, polo tanto, da nosa cultura e da nosa identidade nacional como pobo diferente.

Mais o goberno (anti) galego está traballando á contra. Todas as actuacións promovidas dende a Consellaría de Educación tiveron como función limitar os ámbitos da lingua galega.  Unha actitude  similar á do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, quen, nunha  intervención no Fórum da Coruña,  integramente en castelán, dixo que a cultura galega estaba ensimesmada e acomplexada.

Como asegurou Agustín Fernández Paz, ‘hai motivos evidentes para o cese de Varela’. Pero entendo que  tamén doutros persoeiros do PP e do PSOE que están na mesma tarefa anti galega.

Desde distintos ámbitos do (des)goberno galego tentan que o uso do noso idioma sexa – a través  dunha planificada campaña de agresión contra o galego- residual, senón é exterminado. Por iso Roberto Varela debe considerar axeitada a formulación “se non hai lectores que demanden libro galego a industria nacional dificilmente sería viábel”.

 Non será iso precisamente o que desexa o ultraconservadurismo?

A cruzada contra o galego continúa desde que Feijóo levantou a bandeira do odio contra a nosa lingua, pero Queremos Galego - a plataforma cívica na que se integraron máis de 600 entidades culturais, políticas e sociais do noso País – pretende, a través da recollida de sinaturas da ILP, que a creativa lingua galega non sexa proscrita polo manto do apartheidtazo lingüístico do PP.

 

Deixa unha resposta