Tiña que subilo
Posted in Varios on 02/18/2010 01:13 am by Xosé AntónUltimamente non dou abasto co traballo (suma da xornada laboral, xunto coas tarefas que teño ecomendadas na A. C. Quinta Feira e as familiares) polo que deixarei, como nestes días pasados, de actualizar a miúdo o blogue até o remate das actividades pendentes de desenvolver en QF)
Déixovos o vídeo de Tosar na gala dos Goya que tanto dou que falar en tantas páxinas electrónicas. Tivo que ser duro para os creadores do innecesario e conflitivo decretazo antigalego, presentes no acto, escoitar falar a unha persoa (que non resulta ser precisamente modelo para o retrato dun colonizado) no idioma propio de Galiza, esa Nación cunha cultura tan ensimesmada e acomplexada!!!
Ao visionalo lembreime da intensidade das recentes actividades da plataforma Queremos Galego contra a política de galegofobia do goberno de Núñez Feijóo (o primeiro goberno do chamado periodo democrático que, amosando o seu odio contra o noso idioma e a nosa cultura, tomou iniciativas políticas que provocan o apartheid do idioma e da cultura galega)
Esas accións da plataforma asolagáronnos outra vez de Dignidade, de Vida.
Mais non debemos esquecer que, se as medidas antigalegas adoptadas polo PP saíron da campaña electoral, tamén debemos lembrarlles aos ultraconservadores que prometeron pórlle fin á crise económica nos primeiros 45 días de goberno. E case un ano despois de facerse co goberno do noso País, o desemprego aumentou na Galiza un 15%, onde moitas pequenas e medianas empresas pechan todos os meses e/ ou presentan concursos de acredores para intentar saldar as súas débedas.
E a actitude deste goberno antigalego coas empresas que realizan ERE sen xustificación? Pois esta Xunta concédelles créditos, dese xeito financian a deslocalización da produción e, por conseguinte, a destrución de emprego no noso país.