Outra de racismo antigalego
Posted in Galiza on 02/26/2010 01:46 am by Xosé AntónSemella que agora todos os representantes partidos políticos da cámara galega, até o presidente da Xunta, están molestos coa actitude da extremista Rosa Díez, que, como ben dixo Pilar García Negro, é igual de racista que os nazis.
Mais non me parecen cribles as declaracións dalgún dos partidos políticos. E logo, non nos lembramos dunhas asociacións foráneas que apoiaron unha manifestación antigalega aplaudida por Feijóo e duramente criticada desde posicións nacionalistas?
Non foi acaso Feijóo, o do decretazo antigalego, o que se manifestou a favor das ideas que defende Galicia Bilingüe e considerou adecuado e razoable que membros do seu partido acudiran á manifestación, organizada polo colectivo comandado por Gloria Lago, porque está dentro das súas ideas lingüísticas.
Á manifestación convocada Galicia Bilingüe acudiron, ademais da líder do UPyD, Rosa Díez , os membros do PP Afonso Roda, Ana Pastor, Corina Porro, Carlos Negreira e Ignacio López Chaves.
Estes políticos do PP compartiron a pancarta que encabezaba a marcha coa presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, a líder do UPyD, Rosa Díez, Miguel Cancio ou representantes de Cidadáns como Albert Rivera e Antonio Carballos.
Xa o BNG afirmara, naquel intre, que a manifestación baseábase na mentira de que o castelán está en perigo en Galiza e considerou que esta convocatoria estaba protagonizada polo sector máis reaccionario españolista. Agora, diante da resposta social á actitude racista de Díez, algúns no PP non queren salpicarse na lameira antigalega. Mais na pancarta da manifestación si que estaban. E o decretazo antigalego é cousa deles, en exclusiva.
E o silencio que consinte, do realizador da entrevista, Iñaki Gabilondo, amosa que o termo pexorativo non foi eliminados da mente dalgún famoso persoeiro do periodismo, aínda que xa non exista no dicionario da RAE grazas ao traballo político do BNG.