Sistema Global de Navegación por Satélite: do fillo único á familia numerosa
Publicado en Mundo o 03/01/2010 03:18 por Xosé Antón
Igual que hai anos se lle chamaba xerocopias ás copias realizadas desde unha máquina copiadora, ao receptor do sinal
do sistema de navegación por satélite chámaselle GPS.
A primeira copiadora existente (polo menos no estado español) era da casa Xerox, por iso á impresión dun documento se lle chamaba xerocopia. Hoxe en día, diante da variedade de marcas de copiadoras e impresoras, ninguén lle chama así, quedándolle o nome común de fotocopia ou simplemente copia.
O mesmo pasa hoxe co Sistema de Posicionamiento Global “Global Positioning System” (máis coñecido polas siglas GPS, aínda que o seu nome correcto é NAVSTAR-GPS) que era até hai pouco o único Sistema Global de Navegación por Satélite do planeta (funciona mediante unha rede de 27 satélites). Deste sistema tecnolóxico de comunicación depende o resto de países. Unha alternativa moi interesante ao sistema estadounidense, e que xa está á volta da esquina, é o sistema ruso GLONASS (Global’naia Navigatsionnai Sputnikovaia Sistema).
Un Sistema Global de Navegación por Satélite (as súas iniciais en inglés GNSS) é unha constelación de satélites que transmite rangos de sinais utilizados para o posicionamento e localización en calquera parte do globo terrestre, xa sexa en terra, mar ou aire. Estes permiten determinar as coordenadas xeográficas e a altitude dun punto dado como resultado da recepción de sinais das constelacións de satélites artificiais da Terra para fins de navegación, transporte, xeodésicos, hidrográficos, agrícolas, e outras actividades de comunicación sofisticada.
Un sistema de navegación baseado en satélites artificiais pode proporcionar aos usuarios información sobre a posición e a hora cunha gran exactitude, en calquera parte do mundo, as 24 horas do día e en todas as condicións climatolóxicas. Necesitan de estacións terrestres e os terminais receptores para que o usuario reciba a información.
A dependencia tecnolóxica actual do sistema estadounidense GPS que sufre a totalidade dos países do noso planeta abre moitos interrogantes, sobre todo no aspecto de seguridade, de carácter estratéxico, posto que ese sistema utilizado está baixo control do goberno e militares dos EE.UU. de Norteamérica. Xa que logo, o reto para o resto dos países (sobre todo para os que o Imperio considera o inimigo, ou os países integrantes do imperio do mal) consiste en garantir as súas necesidades, tamén estratéxicas, en materia de política exterior e de seguridade común, sen custos nin riscos excesivos.
O GPS foi durante trinta anos unha ferramenta fundamentalmente militar baixo control do Pentágono. De feito, o sistema -gratuíto- só ofrece un servizo exacto ao seu propio exército e, en función das prioridades militares en Washington, pode facerse inaccesible ao resto do mundo.
De feito, co fin de evitar que os seus aliados desenvolvesen un sistema rival, o Pentágono brindou acceso gratuíto ao mesmo. Mais, para asegurarse o monopolio da información de valor militar, chegou a distorsionar os sinais enviados, falseando, cando militarmente lle interesaba, as informacións do sistema GPS para desorientar aos países que considera inimigos. O exército estadounidense resérvase a facultade de desactivalo cando o xulgue oportuno, como sucedeu en varias ocasións .
Por outra parte, un sistema de navegación baseado por satélite , ademais do interese militar e do prestixio na conquista dos logros tecnolóxicos, volveuse imprescindible para facer ciencia en case todas as áreas que inclúe, engadido a que os que dominan esta tecnoloxía logran beneficios económicos importantes.
Para o usuario a utilización interoperable dos diversos sistemas GNSS permitirá aumentar considerablemente as prestacións dos Sistemas de Navegación por Satélite: a precisión, o acceso, a integridade e continuidade dos servizos de navegación.
- O Glonass faise adulto
Creado en tempos da Unión Soviética, entrou en servizo en Rusia no ano 1.993. O sistema de satélites GLONASS determina en tempo real con gran exactitude as coordenadas de localización e os parámetros de movemento (velocidade e altura) de obxectos que se atopen en aire, terra ou mar.
Do mesmo xeito que outros sistemas análogos, o GLONASS ruso pódese utilizar para a observación de desastres naturais, efectuar operacións de rescate, e ten aplicacións comerciais como a seguridade de estradas, entre outras.
Unha vez adquirida a cobertura global (un mínimo de 24 satélites en órbita) o sistema GLONASS perfilarase como unha alternativa ao sistema estadounidense NAVSTAR e a un GALILEO neonatal.
En 2007, o entón presidente e actual primeiro ministro de Rusia, Vladimir Putin, estableceu por decreto que os servizos de navegación civil proporcionados polo sistema GLONASS fosen gratuítos e o seu acceso ilimitado para todos os habitantes do mundo.
O decreto tamén estableceu que Glonass fose de emprego obrigatorio para todas as entidades públicas do país e facultou á axencia espacial rusa RosKosmos administrar a comercialización doutros servizos de posicionamento por satélite que poida proporcionar o sistema ruso.
O sistema Glonass conta actualmente 16 plenamente operativos. Coa recente introdución de tres satélites (mes de decembro do 2.009) serán operativos na órbita 19 aparellos espaciais. Ao fin do presente ano a agrupación orbital rusa do sistema GLONASS de navegación constará de 24 aparellos espaciais, segundo informou Anatoly Perminov, xefe da axencia Federal espacial da Federación Rusa.
Este ano Rusia planea lanzar outros nove aparellos para que adquirir cobertura global ( anteriormente estaba proxectada esa cobertura para 2.015 pero o Kremlin solicitou acelerar o programa) .
Acordos
Nova Deli e Moscova asinaron un acordo para a participación da India no sistema de navegación baseado nos satélites rusos Glonass dispoñible para usos civís e militares (o Galileo da Unión Europea, no cal a India está investindo, estaría dispoñible para a India soamente para propósitos civís, o uso militar sería só para a Unión Europea). Os acordos formais, asinados entre a Organización de Investigación India do Espazo (ISRO) e a Axencia Federal do Espazo (ROSKOSMOS) permite lanzar os satélites Glonass-M e desenvolver en conxunto os satélites de navegación Glonass-K. As autoridades da comunidade científica dixeron que o acordo polo sistema Glonass dará lugar a que a India dea un gran salto na navegación satelital e a Rusia abaratar custos e a modernización do Glonas (K).
Por outra banda, o voceiro da axencia Espacial de Rusia (Roskosmos), Alexandr Rodin indicou que o programa de cooperación entre Rusia e China, para os anos 2010 e 2012, asinado no marco da visita a China do primeiro ministro ruso, Vladímir Putin, o ano pasado (outubro do 2.009) supón a cooperación na fabricación de receptores para o sistema global de navegación por satélite (GLONASS) e en investigación de Marte, Fobos, Lúa, xunto a elaboración de sistema de telecomunicación para os países de Organización de Cooperación de Xangai
Ademais, Rusia está interesada en cooperar con China na sondaxe da Terra desde o espazo para crear un sistema de prevención de desastres naturais e industriais.
Rodin non descartou a posibilidade de cooperar tamén no programa da Estación Espacial Internacional, se esta prolonga o seu traballo até 2020 e China decide participar no proxecto.
Tamén Ucraína e Rusia planean fundar empresa mixta en materia de navegación satelital sobre a base do Instituto ucraíno de Medicións Radiotécnicas e o de Instrumental para Naves Espaciais de Moscova.
- Outros Proxectos en camiño:
Galileo
Tamén a UE está a traballar nun proxecto propio que buscan non depender de terceiros ( dependencia europea do sistema GPS estadounidense, tanto tecnolóxica como militar de EE UU) e rematar co atraso que vai acumulando a UE neste campo. O lanzamento dun foguete portador Soyuz-FG desde o cosmódromo ruso de Baikonur (Kazajistán) con dous satélites experimentais forma parte da “fase de validación en órbita”, na que está previsto o lanzamento de dous máis, para o futuro sistema Galileo.
Distintos responsábeis políticos consideran que Galileo permitirá que a UE sexa soberana en materias estratéxicas como as telecomunicacións e a industria aerospacial, e deixar de ser un mercado subordinado do seu amigo americano. Cun orzamento de 3.000 millóns de euros, Galileo está planificado inicialmente para soportar 21 satélites (extensibles a 30) a 23.000 quilómetros de altura, apoiados opcionalmente por satélites GEO (xeoestacionarios) como mecanismo para complementar o sistema.
Desde un principio, funcionará baixo control civil e, do mesmo xeito que GPS, proporcionará un servizo básico gratuíto no punto de utilización, aínda que se cobrará pola subministración doutros servizos máis elaborados que proporcionen un valor engadido. China, participante tamén deste proxecto, achegou 200 millóns de euros do total de 3.200 millóns, a pesar das reticencias dalgúns membros europeos por transferirlle tecnoloxía. A U.E. asinou contratos con varias compañías chinesas para desenvolver aplicacións comerciais para Galileo. Existen, ademais da participación da India e China, outros acordos con países como Israel, Ucraína, Brasil…
O Compass chinés
Do que menos se sabe, até de agora, é do proxecto chinés COMPASS, que contempla o lanzamento dun total de 30 satélites de órbita xeoestacionaria antes do ano 2015, considerando o lanzamento dos primeiros 10 satélites antes que finalice o ano 2010.
O primeiro satélite do proxecto Compass foi lanzado en abril de 2007, aínda que con anterioridade lanzáronse outros satélites que formaron parte do proxecto orixinal denominado Beidou, cos cales China afirmou que contaba cun sistema de navegación que cubría o país na súa totalidade.
