Onde remata a manifestación contra o Decretazo?
Publicado en Galiza o 20/01/2010 23:02 por Xosé Antón
Subo ao blogue unha última nova que a Coordinadora da Plataforma Queremos Galego en Bergantiños e A Costa da Morte nos comunica sobre a manifestación de mañá xoves. Perante a previsión de que a de mañá sexa unha xornada histórica na defensa da nosa lingua, e a cantidade de autobuses que xa están confirmados desde as diferentes comarcas do país, a organización decidiu acabar o percorrido no OBRADOIRO e non en San Caetano, como inicialmente estaba previsto.
A MANIFESTACIÓN CONVOCADA POR QUEREMOS CONTRA O RASCUÑO DE DECRETAZO CONTRA O GALEGO REMATARÁ NA PRAZA DO OBRADOIRO.
Santiago 20 de xaneiro de 2010. A plataforma cidadá Queremos Galego, decidíu modificar o percorrido da manifestación, inicialmente previsto con saída da Alameda cara San Caetano.
O motivo deste cambio está no forte incremento da participación que se agardaba desde a organización, así como na imposibilidade de situar unha megafonía e palco en San Caetano. A mobilización masiva que se producirá mañá aconsella ademais mudar o percorrido cara un lugar que ofreza mellores condicións para o desenvolvemento e a seguranza da manifestación, polo que finalmente o remate será na Praza do Obradoiro, mantendo o inicio na Alameda compostelana.
Xa que logo, o percorrido será o seguinte: 11.30 h. Saída da Alameda cara a Senra, Praza de Galiza, Doutor Teixeiro, Hórreo, Porta da Mámoa, Praza do Toural, Rúa do Vilar, Praza das Pratarías e Praza do Obradoiro.
Plataforma cidadá Queremos Galego
