O PP da Laracha e o do (des)goberno da Xunta atacannos porque Queremos Galego
Publicado en A Costa da Morte, Galiza o 20/01/2010 23:47 por Xosé AntónPois si que debe ter pánico o PP do noso concello e o do (des)goberno da Xunta ao máis que probábel éxito da folga
de mañá, tendo en conta as acusacións falsas e os insultos contra as asociacións da nosa localidade, integradas na plataforma Queremos Galego, e contra o BNG. Mais o mellor é que reflexionasen e escoitaran á sociedade, en vez de adoptar medidas ultra dereitistas, radicais, en contra da lingua do noso país, contra toda a sociedade galega.
Digo isto debido ao comunicado feito público polo PP da Laracha contra un grupo de nais e pais da Laracha. Porque nos atacan? Por repartir dípticos informativos e autocolantes informativos (moi bonitos, por certo) sobre o decreto contra o galego á saída dos centros de ensino da localidade. Nós, como nais e pais (membros da comunidade educativa) e como responsábeis das asociacións Quinta Feira e A Cutareira (integradas na plataforma Queremos Galego) participamos nas actividades informativas da folga xeral do 21 de xaneiro para informar á comunidade educativa da Laracha da razón da convocatoria do paro xeral no ensino, e animando a que se unan á folga e á manifestación que sairá mañá ás 11,30 h da Alameda de Santiago de Compostela.
O suxo comunicado do PP dicía que “unha serie de persoas afíns á plataforma Queremos Galego! e representantes do BNG da Laracha dedicáronse a repartir propaganda na saída da escola á xente que alí se atopaba, incluídos rapaces de entre 3 e 12 anos de idade, que marcharon para a casa con cromos e panfletos que tiñan por título paremos o decretazo contra o galego».
O PP tachou o noso lexítimo dereito de loitar, como país e nais para que ás nosas fillas e fillos non se lles vulnere o dereito a unha educación de calidade e en galego de “claro e grave intento indecente de manipulación política» y acusaron a Queremos Galego! de tratar de «imporlle á sociedade, incluídos os nenos, as súas ideas, e crear un conflito onde non o hai”.
Vaia! que os creadores do innecesario e conflitivo decretazo antigalego, co obxectivo de obter un miserábel rédito electoral, acúsannos aos da foto, igual que a moitas nais e pais, ao BNG e outros colectivos na defensa do noso idioma e cultura do noso País, de ser un perigo para a sociedade. Case daría a risa se non pretendesen eles, co ataque ao galego, o exterminio da Cultura Galega alimentando o auto-odio, e converter á sociedade galega nunha submisa cidadanía de segunda categoría, subordinada cultural, económica e ideoloxicamente ao ditado do centralismo ultraconservador
