Haití (parte 2): do cruel terremoto á invasión militar estadounidense

cubainformacion.tv

Falei  hai uns días, nun artigo titulado  Haití: da maldición dos golpes de estado ao cruel terremoto, da situación da chamada primeira República Negra, onde unha enorme catástrofe humanitaria superpúxose a outra, deixando  centos de miles persoas sen fogar e un número enorme de falecidos: 150.000 cadáveres foron os recolleitos en Porto Príncipe e o goberno aclarou que a cifra podería aumentar polos corpos que aínda permanecen baixo os cascallos e os que foron queimados nas rúas tras comezar a descomporse.

Nesa situación os gobernos e institucións internacionais falaron  de axudas, que a día de hoxe seguen sendo claramente insuficientes  para a aterrada, pero  valerosa  poboación. Haití pedía   axuda humanitaria e cada país respondeu segundo o seu xeito de concebir o mundo:

O primeiro en chegar foi un avión venezolano con axuda material, o seguinte, trinta minutos máis tarde, un avión cubano con axuda de emerxencia (os medios de comunicación silenciaron esta información).

Pola súa banda, EE.UU mobilizou  a día de hoxe  20.000 militares  en Haití e unha flota de naves da mariña de guerra  comandada polo portaavións USS Vinson.

 Mentres o Imperio ocupaba militarmente o país caribeño, outros países de todos os confíns do mundo tiñan outro concepto de solidariedade:  Bolivia, Venezuela, Cuba, Ecuador, Brasil, México, Arxentina e outros países, tamén europeos, africanos, China ou Rusia, enviaban miles de toneladas de alimentos e efectivos de rescate para axudar a unha sociedade moi pobre (o 80% da poboación sobrevivía antes do terremoto por baixo da liña de pobreza) e castigada polo cruel terremoto. As protestas pola estratexía xeopolítica USA (a invasión militar) non se fixeron agardar por parte dalgúns países. 

E cal é a imperialista razón da invasión estadounidense?

O académico canadense e experto en xeoestratexia, Michell Chossudovsky explícaa no seu artigo “A militarización da axuda de urxencia a Haití: é unha operación humanitaria ou unha invasión?, publicado no sitio web Global Research.

 Afirma que esta renovada presenza militar estadunidense en Haití será utilizada para establecer un punto de apoio no país e tamén persegue os obxectivos estratéxicos e xeopolíticos de Estados Unidos no Caribe, que están en gran medida dirixidos contra Cuba e Venezuela. Lembra no comezo do artigo que o intervencionismo estadounidense contribuíu á destrución da economía nacional de Haití e ao empobrecemento da súa poboación desde a caída da ditadura de Duvalier. O designio de EEUU foi ir gradualmente desmantelando o estado haitiano, restaurar os modelos coloniais e poñerlle trabas ao funcionamento dun goberno democrático.

 Niso coincide o analista Manuel Freytas, quen considera que para EEUU a catástrofe de Haití é unha polvoreira, e non pola ameaza que representaría un posible estalido social para o seu sistema de seguridade, senón pola localización estratéxica que reviste o país devastado, dentro do seu dispositivo imperial de control e dominio en América Central e o Caribe. A decisión de Wáshington de despregar unidades e tropas especiais e unha flota nuclear (invocando «axuda humanitaria») implica unha virtual ocupación militar de Haití, entre cuxos obxectivos hai un que sobresae: Substituír aos Cascos Azuis da ONU e constituírse en única autoridade militar cun control directo sobre o goberno de Haití. Noutro xogo de pezas EEUU (utilizando Haití) busca afianzar a súa hexemonía de potencia nuclear no Caribe e en Centroamérica coa vista fixa nun obxectivo de máxima: Chávez e a súa alianza estratéxica co eixo Rusia-China-Irán.

 E cos dous analistas tamén coincidimos, neste tema,  moitas outras persoas que nin de lonxe  somos expertos en xeoetratexia.

Exemplo disto é a enquisa realizada por TeleSur, onde o 86.3% dos usuarios da súa web considera que Estados Unidos está aproveitando a traxedia que vive o pobo haitiano para terminar ocupando militarmente ese territorio.
E que, e cadra, algúns  sabemos que Cuba mantivo unha brigada médica en Haití durante once anos, que no momento do terremoto atendía pacientes en 227 das 237 comunas, apoiada con recursos de alta tecnoloxía achegados por Venezuela. En universidades cubanas formáronse 548 médicos haitianos; cos seus colegas cubanos suman uns mil integrantes, que agora realizan o seu labor principalmente en Porto Príncipe.

 E, se cadra, algúns temos coñecemento que mentres o pescozo de botella no aeroporto non permitiu a chegada de axuda, os hospitais de campaña cubanos, o continxente de médicos e paramédicos cubanos integrado por 417 profesionais, que reciben o apoio de 247 haitianos formados en Cuba, atendeu cunha eficiencia que sorprendeu ao mundo, a miles de feridos de todo tipo. Mentres, a Unidade médica flotante estadounidense só atendeu 10 pacientes.

 E que cada país ten uns obxectivos diametralmente distintos!

A axuda a Haití desde a república bolivariana de Venezuela e de Cuba é considerable. A Illa desenvolve outros programas de cooperación, tamén sen custo algún para Haití, entre eles un de alfabetización. Venezuela fornécelle petróleo en condicións moi favorables a través de Petrocaribe, baseándose nos principios de solidariedade da Alianza Bolivariana para Los Pueblos da Nuestra América(Alba).

Precisamente hoxe, domingo, o mesmo día que chegou a Haití un continxente de 64 médicos cubanos especializados en epidemiología (co obxectivo de contrarrestar o ambiente de insalubridade acentuado tras o sismo do pasado 12 de xaneiro) os países que integran a Alba reúnense para debater un plan para a reconstrución de Haití que estea en sintonía cos valores de respecto á soberanía da nación caribeña: “O Alba xa está en Haití pero agora imos cara a un novo plan estratéxico específico no curto e o mediano prazo (…) Temos que reconstruír hospitais, instalar plantas potabilizadoras e, máis aló, estimular a agricultura…” afirmou o ministro de Relacións Exteriores venezolano, Nicolás Maduro.

Críticas internacionais aos EE.UU pola ocupación militar

Desde que Estados Unidos instalou as súas tropas na aniquilada nación caribeña foi branco de críticas internacionais. Países do continente americano, asiático e europeo argumentan que a administración do presidente, Barack Obama, aprovéitase da traxedia para invadir militarmente o país.

O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, insistiu en que Estados Unidos usa a  dura situación que vive Haití para instalarse sobre os cadáveres e as bágoas dun pobo:
«Neste momento o imperio está tomando a Haití, sobre os cadáveres e as bágoas dun pobo, diante de todo o mundo, descaradamente. Ten o control dos aeroportos comezaron polo aeroporto (de Porto Príncipe)  xa chegaron ao Palacio Presidencial», denunciou o mércores o mandatario.

Así mesmo, advertiu que o Exército estadounidense ingresou a Haití sen consultar á Organización das Nacións Unidas (ONU) nin á de Estados Americanos (OEA).  O embaixador venezolano denunciou ante a ONU a pretensión do goberno de EEEUU de impor os seus control político e militar na vulnerable Haití.

Nicaragua, Bolivia, Uruguai e Francia uníronse ás críticas pola presenza armada da potencia, que consideran excesiva.

O xefe de Estado nicaraguano, Daniel Ortega, o primeiro en pronunciarse, mantén unha postura similar á do seu par venezolano: «Estase manipulando un drama para instalar tropas norteamericanas en Haití, e que xa foron tomando o control militar do aeroporto en Porto Príncipe e isto é preocupante».
«Quero pensar que ao presidente de EE.UU., Barack Obama, estanlle creando unha situación de feito, os intereses militares nos Estados Unidos, que están vinculados ás grandes transnacionais da guerra que se enriquecen coa guerra e o armamentismo», engadiu Ortega.

Bolivia, pola súa banda, teme que a nación caribeña se converta nunha base militar máis de Estados Unidos:»Temo que Haití, de non haber un rexeitamento continental rápido, se converta noutra base norteamericana», manifestou o vicepresidente de Bolivia, Álvaro García Linera.

Mentres que o primeiro mandatario, Evo Morales, expresou o «rexeitamento e indignación do pobo de Bolivia pola decisión do Goberno estadounidense de enviar tropas en lugar de axuda a Haití».

Neste sentido, Morales, pediu á Organización das Nacións Unidas (ONU) unha reunión de urxencia para rexeitar a ocupación militar estadounidense en Haití. Dixo que agarda o pronunciamiento dos pobos e as forzas sociais do mundo para repudiar o despregamento destas tropas.

O vindeiro ministro da Defensa de Uruguai, Luís Rosadilla, mostrouse «profundamente preocupado» pola situación haitiana e sumou ao seu país ás voces do mundo que sinalan que o país latinoamericano non necesita armas senón insumos médicos, alimentos e auga potable. «Non se poden descartar os riscos» dunha invasión militar do país caribeño por parte de EE.UU, pois considera que esa nación é «un país con vocación case xenética de imperialismo e colonialismo».

A misión médica francesa, denunciou que a falta de loxística no terminal aéreo de Porto Príncipe provocou atrasos na distribución de axuda humanitaria (EE.UU. saboteou a aterraxe dun avión francés que transportaba un hospital móbil). Tamén unidades de rescate humanitario de Venezuela denunciaron que as tropas norteamericanas obstaculizaron os labores de rescate dos bombeiros venezolanos cando salvaban sobrevivientes en Haití.

Así mesmo, o secretario de Estado de Cooperación francés, Alain Joyandet, sinalou a principios de semana que a ONU debe tomar unha decisión e precisar o papel de Estados Unidos na axuda humanitaria a Haití.

«Non se trata de ocupar o país, senón de axudarlle a que recobre a vida. A ONU está traballando pero que se tome unha decisión (…) Espero que as cousas sexan precisadas sobre o papel de Estados Unidos», expresou o diplomático francés.

A xustificación de Rodríguez Zapatero

Mentres o exército de invasión gringo, que  non salva vidas,  non leva alimentos,  non levanta os cascallos, non recolle cadáveres, encontrou en Rodríguez Zapatero un dirixente que xustifica a enorme presencia militar de EEUU en Haití. O presidente do goberno español defendeu a actitude de EE.UU. ante a crise que sofre Haití no pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo (Francia). Afirmou que puido ver helicópteros, ver marines que levan alimentos, poñer orde e salvar vidas: “a min persoalmente – dixo-paréceme un feito a aplaudir…”.

Non coinciden con Zapatero a Rede de redes en defensa da humanidade, que  alerta sobre a política hostil da administración estadounidense e o incremento das súas ameazas á integridade territorial e soberanía latinoamericana e caribeña. Difundido na páxina en Internet porlapaz.info, cen  intelectuais de América Latina e Europa denunciaron o incremento da escalada agresiva de Estados Unidos contra a rexión. Rubrican o documento destacadas figuras internacionais da cultura e o pensamento como oo escritor uruguaio Eduardo Galeano, o dramaturgo español Afonso Xastre, e o sociólogo belga François Houtart, entre outros.

Alarma da poboación haitiana

A crecente presenza militar estadounidense en Haití, coa correspondente  expulsión da prensa do aeroporto, causou alarma na poboación, pois Estados Unidos non acepta o mando da ONU :

O exército de Estados Unidos ordenou aos xornalistas estranxeiros desaloxar o aeroporto de Porto Príncipe sen dar explicacións «de ningún tipo», segundo informaron os propios medios de comunicación afectados.

«Os soldados estadounidenses decidiron expulsar aos xornalistas do aeroporto de Porto Príncipe onde nos instalamos decenas de informadores sen dar explicacións de ningún tipo», informou o enviado especial de Radio Televisión Española, Fran Sevilla, na páxina de Internet . «Hai enormes problemas de aloxamento en Porto Príncipe onde os poucos hoteis que funcionan e con precariedade de medios están abarrotados», precisou.

Centenares de haitianos, como se pode observar no programa Dossier -do pasado día 19/01/2010 (recomendo velo)  asistiron,  entre a resignación e a ira, á perda de soberanía do seu país por culpa da ocupación estadounidense mentres continúa o descontrol: a  Unicef denuncia raptos de nenos en hospitais de Haití.

«Non os vin distribuíndo comida no centro da cidade, onde a xente necesita urxentemente auga, alimentos e medicamentos. Isto parécese máis a unha ocupación», comenta un estudante haitiano no momento que se introduciron  un centenar de soldados estadounidenses da 82 división aerotransportada no o interior do recinto do derruído Palacio Presidencial (símbolo da soberanía haitiana), ante a mirada atónita de centenares de haitianos, que perderon as súas casas no sismo e viven como refuxiados nos xardíns que rodean o Palacio.
Cando as tropas de EE.UU. saíron do Palacio para custodiar o hospital xeral de Haití, desbordado polos feridos, ao seu paso moitos gritaban «váianse a casa» e «non nos ocupen».

 
Funcionarios estadounidenses deseñaron plans de urxencia para controlar unha migración masiva de Haiti e están preparando para colocar aos haitianos que insisten saír do seu país no polémico centro de detención na base naval de EEUU en Guantánamo, Cuba, segundo reporta TeleSur sobre unha nova do xornal  telegraph de Inglaterra. Pois resulta que os buques de Guerra de EEUU ameazan con deter aos haitianos que intentan saír, pero autoridades de EEUU levaron a 53 nenos haitianos do seu país, adopcións express ou tráfico de nenos?

A operación aérea, marítima e de terra, chamada «Sentry Vixiante», foi lanzada polo Pentágono e o Departamento de Estado, baixo a supervisión da Secretaria de Estado Hillary Clinton. O portaavións USS Carl Vinson, xunto cunha flota de buques militares estadounidenses, están preparados para interceptar aos haitianos que intenten saír do seu país con destino a Miami.

Para todos os movementos militares estratéxicos de ocupación é necesario contar con suficientes recursos, para iso son os 100 millóns de dólares en suposta axuda humanitaria do exército naval e de infantería do EE.UU en Haití

 

Deixa unha resposta