O «Decretazo», algo máis que un ataque ao galego no sistema educativo

Pancarta realizada por Carlos Fernández, Muxía

O “decretazo” do (des)goberno (anti)galego de Núñez Feijóo   está  a producir rexeitamento  na  nosa sociedade. E, parafraseando a Francisco Rodríguez, a sociedade concienciada está a dar resposta – cunha oposición activa, organizada –  ás intencións de exterminio do idioma galego e  de inoculación de odio e de desprezo por nós mesmos.

Somos moitos galegos e galegas que, por varias razóns, imos mobilizarnos coa plataforma Queremos Galego. Se cadra, a primeira razón é porque queremos expresarnos con clareza contra o exterminio da Cultura Galega, contra a discriminatoria política cultural e educativa do PP, que incide no auto-odio, que pretende converter á sociedade galega nunha submisa cidadanía de segunda categoría, subordinada cultural, económica e ideoloxicamente ao ditado do centralismo ultraconservador.  Por iso, como lembra a Mesa,  a defensa do galego no sistema educativo é algo que non só compete á comunidade educativa, senón ao conxunto do pobo galego.

 Non deixa de ser triste esta inédita situación, neste chamado período democrático, na que un goberno que foi votado por unha parte considerábel da poboación galega pretenda levar a cabo un ataque desta magnitude contra a nosa lingua. Contra o galego, a lingua propia de Galiza, como recoñece o noso estatuto.

O PP quere descoñecer que Galiza,  Comunidade Autónoma no estatuto aínda vixente, a través de institucións democráticas, asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galiza e dos seus intereses e a promoción de solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego.

Varias veces se dixo que o PP creou o conflito da lingua para que nos esqueceramos dos incumprimentos de Feijóo desde que chegou á Xunta de Galiza e da súa incompetencia política. Poder ser, pero tamén, como afirmou Bieito Lobeira, porque o  galego é en si mesmo un elemento político, e o PP e os sectores antigalegos  máis reaccionarios son conscientes de que o pobo que usa o galego sen complexos exerce os seus dereitos e faino con dignidade. Se conseguen exterminar o galego,  eliminarían a concienciación nacional da sociedade galega,  eliminaríannos como pobo diferente.

Seriamos, como dicía Manuel María, uns ninguén, unhas cantas galiñas desplumadas.

 

Deixa unha resposta