Contraataque imperial sobre América Latina e o Caribe
Publicado en Mundo o 29/01/2010 02:22 por Xosé Antón![]() |
Unha expresa manifestación do contraataque imperial sobre América Latina e o Caribe corresponde a unha triangulación fatal que se xesta, nunha estratexia diabólica, en Colombia coa instalación das 7 bases estadounidenses; en Honduras coa consumación do golpe de estado contra o presidente constitucional, Mel Zelaya, a pesar da resistencia heroica da poboación; e en Haití coa ocupación militar do seu territorio por parte do exército estadounidense, aproveitando o enorme terremoto.
Obxectivo: recuperar canto antes o patio traseiro.
Por outro parte, están tentando repetir, como no ano 2.002, o golpe de estado en Venezuela. Aínda que saben da dificultade do fin desexado, agardan que, creando violencia na rúa, se incremente o descontento social, aumente a sensación de medo e iso repercuta nas eleccións á asemblea Nacional con perda de votos para os partidos que apoian ao goberno bolivariano de Venezuela. Os falsimedia participan no golpe mediático, tanto en Venezuela como no resto do planeta, para desgastar o liderado de Hugo Chávez até a a data de celebración das eleccións ao parlamento venezolano. Se conseguen ese obxectivo, o imperialismo dá un paso máis en firme, unha das xogadas clave, na nova estratexia colonial en Indoamérica.
É vital que América do Sur e o Caribe se manteñan no proceso revolucionario e de cambio social, onde se asentan as transformacións necesarias en base aos sectores máis necesitados dos países integrantes. O inimigo común é o neoliberalismo e a corrupción dos que queren que o mundo sexa só duns poucos.
En Colombia o goberno monicreque dese país deulle a venia a USA para instalar 7 bases estadounidenses. E que máis neocolonialismo que un goberno que asinou con USA un tratado segundo o cal militares USA non poderán ser perseguidos ante o TPI (Tribunal penal internacional), polos seus crimes cometidos ou a cometer en Colombia?
Afirma Azalea Robles que Colombia é un dos dez países máis ricos en recursos do mundo, con xacementos minerais de ouro, cobre, manganeso, petróleo, níquel, carbón, esmeralda; é o cuarto país do mundo en riqueza hídrica, país amazónico e andino coa bifurcación de 3 cordilleiras, e cunha biodiversidade das máis abundantes do mundo.
Pero é que a riqueza de Colombia significa que a cobiza recae sobre ela coa brutalidade máis desapiadada característica da lóxica capitalista: tal como ocorre con países como Nixeria ou o Congo, a súa riqueza significa para as súas poboacións, a instalación de ditaduras funcionais aos intereses do gran capital.
Ante a situación arrepiante de empobrecemento xeneralizado da poboación, que causa analfabetismo, delincuencia, epidemias, insalubridade, exilio económico, e unha infinidade de sufrimentos tanxibles para os empobrecidos de cada día, cabe preguntarse se é posible cambiar as cousas. Lamentablemente a historia en Colombia demostrou unha evidente imposibilidade de cambiar as cousas pola vía política e civil: coa “democracia” en Colombia desapareceron máis de 50.000 persoas nos últimos 20 anos, o que, lamentablemente, xa supera até as ditaduras asumidas como a de Pinochet en Chile. Hoxe en Colombia, estímase que de 7 a 12 desaparicións diarias de persoas son perpetradas, tanto polo exército como pola súa Ferramenta paramilitar.
![]() |
En Honduras consumouse o golpe de estado contra o presidente constitucional, Mel Zelaya, a pesar da resistencia heroica da poboación. Máis de corenta líderes destes movementos e organizacións foron asasinados desde o momento do golpe de estado do 28 de xuño, co silencio e ambiguedade dos EE.UU. A mesma actitude imperial que cando se produciu o golpe de estado.
O dirixente da resistencia hondureña ao golpe de estado, Rafael Alegría, recoñeceu que un dos obxectivos que non se puideron alcanzar foi o “non poder restituír a Zelaya no poder”.
“Iso non foi posible a pesar da mobilización do noso pobo e o apoio da comunidade internacional, debido á posición dos Estados Unidos”, salientou Alegría. O presidente lexítimo de Honduras, Manuel Zelaya, foi obrigado a saír de novo do país, exiliado á República Dominicana en calidade de “Invitado”. Trescentas mil persoas acompañárono até o aeroporto, amosándolle o seu cariño e respecto.
Engadiu que sete meses despois do golpe, “a herdanza do Goberno golpista de Micheletti é un país esnaquizado economicamente, polarizado socialmente e dividido politicamente”.
Pola súa banda, Alegría tamén afirmou que se deixa “dous proxectos de nación, o dos grupos de poder que son a continuación do golpe”, impulsado por Lobo, e “o proxecto económico, social e político da resistencia popular”.
Considerou que pasarán “moitos anos para reconstruír o país”, pero que “xamais volverán os golpes de estado enHonduras porque o pobo xa se perfila cara á toma do poder político para refundar o novo Estado”.
“O que falta para refundar ese novo Estado é o próximo proceso electoral”, nos próximos catro anos, expresou Alegría para quen “o positivo do golpe é que trouxo o espertar da conciencia do pobo”.
Engadiu que a Resistencia Popular “está convencida de que non volverá ser o mesmo país de antes do 28 de xuño”, ademais de ver “bastante difícil unha reconciliación nacional, porque iso non significa a repartición de postos no Goberno, como pretenden os políticos”.
“A reconciliación pasa por unha Asemblea Nacional Constituínte para facer unha nova Constitución na que caibamos todos, porque neste modelo que están impulsando os golpistas só caben uns, os mesmos de antes”, dixo.
En Haití, onde unha enorme catástrofe humanitaria superpúxose á pobreza da sociedade, o Imperio aproveitou o terremoto para ocupar militarmente o país, a pesar das protestas de distintos países.
É moi importante que América do Sur e o Caribe se manteñan, tamén para seguir alumeándonos a nós o camiño, no proceso revolucionario e de cambio social, onde se asentan as transformacións necesarias en base aos sectores máis necesitados dos países integrantes. O inimigo común é o neoliberalismo e a corrupción dos que queren que o mundo sexa só duns poucos.
