As vindeiras eleccións á Asemblea Nacional provocan fortes ataques contra o Proceso Revolucionario Bolivariano en Venezuela
Publicado en Mundo o 27/01/2010 03:12 por Xosé AntónDixen nalgunha ocasión que os grandes medios de comunicación están de gardacostas, cando non lles marcan o
camiño ao liberalismo radical, á dereita máis rancia e ao fascismo internacional. Experimentaron tamén coa manipulación global, importada do Imperialismo, deturpando a realidade con masivos ataques mercenarios pseudo – periodísticos desde as páxinas e as pantallas de distintos medios de (in)comunicación.
Hoxe coincidiume ver unha parte do informativo de mediodía da TVE, no que se estaba a terxiversar a realidade venezolana de xeito vergoñoso e inmoral. Aseguraban na súa pseudo – información, igual que outros medios estatais e internacionais, que a saída do aire da emisión da golpista Radio Caracas Televisión Internacional (RCTVI) debíase a un peche por parte do Goberno Bolivariano de Venezuela e non a unha suspensión temporal polo incumprimento da Lei que a cadea protagonizou en reiteradas oportunidades. E que ese peche levou a protestar ao estudantes venezolanos.
Na protesta producíronse mortes e feridos entre os estudantes, nun proceso similar ao que as potencias estranxeiras fixeron nos Países do Este coas retrógradas “revolucións Laranxas”.
A realidade é que estes sectores, que historicamente quixeron dominar ao país, están utilizando a unha parte da mocidade, por pequena que sexa, como carne de canón e muro de contención para unha política de volta ao pasado, onde só os ricos existían para os gobernos da IV República.
Supoño que a oposición liberal – conservadora pretende, cunha serie de accións similares a aquelas que precederon o golpe de estado do ano 2002, gañar (co apoio do Imperio) ás eleccións á Asemblea Nacional para volver controlar Petróleos de Venezuela e privatizala para concretar o seu plan neoliberal, convertendo ás Forzas Armadas en órganos represivos privados ao servizo da oligarquía.
Que ocorreu na realidade e que os mercenarios da incomunicación non contan?
Comezo lembrando as palabras do presidente da Subcomisión de Dereitos Humanos da Asemblea Nacional Venezolana , deputado Reinaldo García, quen alertou sobre a posible actuación de grupos armados que buscan desestabilizar ao país, diante dos recentes feitos de violencia ocorridos en Venezuela.
García dixo que estes grupos aproveitan as mobilizacións estudantís para matar inocentes que son manipulados para asistir ás marchas. Os sectores da ultraconservadora oposición ao Goberno Bolivariano exerceron durante os últimos dous días unha serie de accións similares a aquelas que precederon o golpe de estado do ano 2002, ao momento que o guión estase repetindo novamente e ten aos mesmos protagonistas de fai oito anos.
Así o denunciou hoxe o deputado á Asemblea Nacional (AN) Earle Herrera ao referirse aos feitos violentos xerados no país esta semana e as repetitivas declaracións que os actores mediáticos e golpistas deron tras a saída da canle Radio Caracas Televisión Internacional (RCTV) da grella de programación das cableoperadoras, por incumprimento das leis nacionais:
“A oposición sempre utilizou calquera pretexto para organizar as súas “guarimbas”, sexa a auga, a luz, a enerxía e agora RCTV”, manifestou o parlamentario.
Nese sentido, referiuse aos dous mozos mortos o día luns na cidade de Mérida, en plena manifestación pública.
Lembrou que sendo a cúpula opositora a ideóloga de todo, sempre son uns novos estudantes quen resultan agraviados. A oposición venezolana só coñece ese guión, sempre bañado de sangue”, aseverou.
Do mesmo xeito que no 2002, Herrera sinalou que sempre persiste a denuncia da actuación nestes feitos violentos de francotiradores pagados pola oligarquía.
“Xa intentaron incursionar de novo nos estadios de beisbol, interrompendo o goce de todos os venezolanos (…)
Mentres, o editorial do Wáshington Post di este martes: “Derrúbase a revolución de Hugo Chávez’. De igual xeito fixérono outros medios internacionais”, detallou.
Tamén argumentou que en horas do mediodía deste martes pronunciouse oficialmente en rolda de prensa a Federación de Cámaras e Asociacións de Comercio e Produción de Venezuela (Fedecámaras), tamén o fixo a Conferencia Episcopal Venezolana e a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos.
Todas estas institucións recoñeceron publicamente o golpe de estado do ano 2002 contra o presidente Hugo Chávez, até algunhas delas foron protagonistas.
“Hai que entender que o caso RCTV non é un problema de legalidade, senón duns señores que se cren estar por encima do Estado, do Goberno e da sociedade venezolana (…) Eles cren que a lei é para todos os venezolanos, excepto para os poderosos de sempre”, salientou o deputado.
E que fai a cúpula dos dirixentes políticos ultraconservadores de Venezuela?
Pódese presentar un exemplo esclarecedor:
Antonio Ledezma, dirixente do partido contrarrevolucionario Alianza Bravo Pueblo e alcalde metropolitano, quen o domingo “anunciara xornadas de protestas nacionais” para esta semana, estará entre os invitados á toma de posesión de Porfirio Lobo ( presidente elixido nas fraudulentas eleccións hondureñas, dirixidas polos golpistas que sacaron coas armas o pasado 28 de xuño de 2009 ao presidente constitucional do pais, Manuel Zelaya) mañá mércores en Tegucigalpa, segundo nota do diario hondureño A Prensa. Iso é un exemplo dun político da oposición que ten o proceso da Revolución Social Bolivariana en Venezuela
Mais, como nos chegou aquí a información do ocorrido?
Como nas recentes campañas anti – Chávez orquestradas pola oligarquía venezolana e o Imperio (a última foi a campaña mundial en contra de Hugo Chávez Frías a través dos medios e redes sociais como diferentes blogues, foros en liña como YouTube, Twitter ou Facebook, que intercambian datos e información de millóns de usuarios por todo o mundo. Pero a virtualidade como non se leve á práctica queda niso, na virtualidade, e a campaña resultou un fiasco para o Imperialismo), a estratexia dos medios de comunicación da contrarrevolución venezolana, tanto internacional como á da dereita golpista venezolana, foi facer uso de fontes difusas, vinculación de feitos sen relación para arremeter contra calquera medida que emprenda o Executivo de Hugo Chávez para facer cumprir as leis aprobadas no parlamento do País.
A información saíu manipulada dos medios do retrógrado conservadurismo caraqueño e reproducida ao momento polos grandes medios de comunicación internacionais (en covarde complicidade co Imperio) utilizando como argumento unha suposta violación da liberdade de expresión para tapar o verdadeiro problema: o funcionamento ilegal de varias televisoras, entre elas RCTV Internacional.
Pero o feito é que Radio Caracas Televisión incumpriu a Lei Orgánica de Telecomunicacións, Lei de Responsabilidade Social en Radio e Televisión (Resorte) e á Constitución da República. O certo é que podería perfectamente regresar ao ar se se apega ao esixido polas leis venezolanas. Tamén é casualidade que, de 105 canles estatais que hai en Venezuela, todos cumpriron a normativa menos unha soa canle: RCTV
Os falsimedia mesturan, como comprobei ao longo do día, o anteriormente subliñado coas protestas dos estudantes contra – revolucionarios (de dereitas) pola desconexión temporal de CRTV do cable, por múltiples incumprimentos da lei (aguilloados polos partidos conservadores) coa dos estudantes das xuventudes bolivarianas do PSUV (chavistas), a favor de que os poderosos tamén cumpran a lei.
As protestas por RCTV son un chanzo máis nas accións violentas para crear crispación social. Suponse que non se contentarán co conseguido.
Agora vai actuar o Ministerio Público, quen designou catro fiscais, dous deles con competencia estatal, para investigar as mortes de dous estudantes, seguidores do proceso revolucionario Bolivariano e as feridas por impacto de balas e lesións de 16 persoas (funcionarios de policía), durante disturbios suscitados este luns 25 de xaneiro no estado Mérida.
Nota a ter en conta:
Un estudo de EE.UU. case dobra o cálculo de reservas de petróleo de Venezuela. Na Faixa do Orinoco de Venezuela existen 513.000 millóns de barrís de petróleo extraíbles, case o dobre que o estimado anteriormente, segundo un estudo publicado este venres polo Servizo Xeolóxico de Estados Unidos (USGS, en inglés).
Trátase da maior acumulación de petróleo avaliada por esa axencia estadounidense.
A empresa estatal Petróleos de Venezuela S.A. (PDVSA) calcula que existen 1,3 billóns de barrís de petróleo nesa área de 50.000 quilómetros cadrados ao leste do país, pero tan só uns 280.000 millóns de barrís poderían ser explotables, segundo o cálculo anterior.
O estudo do USGS, o primeiro en avaliar exactamente canto é posible sacar coa tecnoloxía actual, case dobra esa cifra, o que coloca a Venezuela moi por diante das reservas oficiais de Arabia Saudita, que ascenden a 266.000 millóns de barrís.
O Goberno de Venezuela iniciou o proceso de explotación da Faixa Petrolífera do Orinoco, no que participan case 20 petroleiras estranxeiras.
O obxectivo do Imperio axudando á ultra conservadora oposición semella clara, non?