60.000 persoas, noutra masiva manifestación na defensa do galego, ateigan a praza do Obradoiro. Un éxito de Queremos Galego, un paso adiante para Galiza.
Publicado en A Costa da Morte, Galiza o 22/01/2010 00:00 por Xosé AntónGalería fotográfica da manifestación: 102 imaxes.
A maior mobilización no ensino, nunca vista na historia deste país – en palabras de Guillerme Vázquez, Portavoz
Nacional do BNG – amosa como o extremista PP, no (des)goberno da Xunta de Galiza, atópase só na defensa do seu decretazo contra o galego. A sociedade dille, manifestación tras manifestación (e xa van catro en menos dun ano de lexislatura) a Núñez Feijóo que deixe de atacar un dos sinais de identidade máis importantes do país.
Centos de persoas da comarca de Bergantiños e da Costa da Morte, igual que noutras comarcas de Galiza, desprazámonos en transporte colectivo e particulares á capital de Galiza. A de hoxe foi a cuarta manifestación na defensa do idioma propio do noso País, de Galiza. E, segundo portavoces da plataforma Queremos Galego, xuntou ao redor de 60.000 persoas (a CIG cifra a participación nunhas 80.000) que ateigaron a praza do Obradoiro. O portavoz da plataforma Queremos Galego, Fran Rei, asegurou que a súa entidade levará aos tribunais a quen mente e a quen difame, en clara alusión ao PP sobre a defensa do idioma.
Rei destacou tamén a participación especial do presidente da Asociación Internacional de Estudos Galegos, Craig Patterson, quen acusou ao PP de utilizar o inglés propagandisticamente para atacar o idioma propio de Galiza.
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüiística, Carlos Callón, afirmou que “sempre nos din (os do PP) que somos uns radicais, que coaccionamos ao profesorado e estudantado”. Ao respecto, dixo que “a realidade vexe hoxe nas rúas de Santiago”. Hai unha “mobilización unánime por parte da sociedade galega, especialmente por parte da comunidade educativa”, rexeitando este decretazo contra o galego.
Para o secretario xeral da CIG-Ensino, Anxo Louzao “estamos ante unha das manifestacións con máis participación e máis seguimento da historia do ensino na Galiza”. Segundo os datos que achegou, un noventa por cento das e dos mestres e alumnado secundou a folga en todo o país. “Estamos ante unha folga co apoio do estudantado, de pais e nais hoxe e hoxe as aulas están valeiras en repulsa e rexeitamento a unhas bases que queren rexeitar o galego do ensino.
O (seica)presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso debe parar nesa teima. E non lle vai quedar outro remedio.
Nota:
- A primeira manifestación o Día das Letras: 40.000 persoas.
- A segunda 18 de outubro de 2.009: 50.000 persoas.
- A terceira (manifestación – sorpresa) á porta de San Caetano, 5.000 persoas a través de SMS, na reunión da Xunta para aprobar o borrador de decreto.
- A cuarta manifestación, do sector do ensino,hoxe e en un día laboral: 60.000 persoas.
Parabéns á CIG (un dos grandes colectivos integrantes de Queremos Galego) polo traballo organizativo tan ben realizado. Se sempre foi necesario para as clases traballadoras poder dotarse dun sindicato nacionalista, hoxe demostrouno ser para o colectivo do País.