A guerra do coltán ou como os móbiles se converten en cadaleitos
Posted in A Costa da Morte, Mundo on 01/08/2010 01:04 a.m. by Xosé AntónPregunteille a María Rei, presidenta de Quinta Feira, a razón pola que non subía á rede a presentación que realizou sobre a guerra interminábel do Coltán. Respondeume que xa o ía facer, pero debería adaptala a un tamaño axeitado, pois como a tiña facíase moi “pesada” para subila, ademais había suficiente información en Rebelión e noutra páxinas de información alternativa sobre a República Democrática do Congo e as grandes cantidades cobre, cobalto, estaño, uranio, ouro e diamantes, casiterita, wolframita e sobre todo coltán que posúe.
Nunha conversa posterior con diversas persoas, na que falabamos sobre as distintos xeitos dos que actúa o imperialismo no mundo para facerse coas riquezas ou eliminar os elementos de autogoberno, a conciencia social ou o dereito á autodeterminación dos pobos, chegamos a falar do Congo. Ninguén coñecía que a maior reserva do coltán (80% das existencias deste raro mineral no planeta) está na República Democrática do Congo (RDC).
Do coltán extráese o tantalio (posúe unha gran resistencia ao calor e excelente conductividade) que é imprescindible para a fabricación de novas tecnoloxías. Desde o móbil que usamos até as naves espaciais, pasando polos computadores portátiles e as videoconsolas. Todas levan coltán e precisamente atópase na zona en conflito onde desde 1998 morreron case cinco millóns e medio de persoas.
O Congo ten tanta riqueza que coa súa explotación debería nadar na abundancia, mais non é así. Desángrase por un conflito económico de gran alcance onde a existencia do coltán e as trasnacionais ten moito que ver, xa que o mundo occidental semella que non pode vivir sen ese preciado mineral. Diso pouco sabemos a través dos medios de información xeral. Por iso convídovos a ver a presentación “alixeirada” que María Rei subiu á rede.