Un inxusto orzamento precariza os servizos sociais na Laracha (1ª parte)
Publicado en A Costa da Morte o 14/12/2009 00:51 por Xosé AntónNon sería inxusto, atendendo á información que se publica na Web do BNG da Laracha, catalogar a aprobación do orzamento do
2.010 como un acto simbólico no cal se expresan as malignas condutas a desenvolver por parte do Partido Popular no goberno municipal. É dicir, a imposición, por parte dun enfebrecido goberno municipal, de conceptos economicistas disecados con considerábeis efectos perniciosos para a maioría da sociedade larachesa.
A falla de sentidiño do orzamento do 2.010 pásalle como ao universo: é infinito e en expansión. E realimentándose da anulación dos dereitos e da igualdade de oportunidades. Mentres as necesidades das maiorías sociais se incrementan, as gañas do goberno da Laracha en buscar solucións tenden a cero.
Os cartos non recaen en cubrir as necesidades educativas, culturais e socias evidentes neste concello e buscar novas metas para a promoción nun positivo entorno socioeducativo. O nulo compromiso social do Partido Popular queda demostrado ao adicar unha ridícula partida de 10.000 euros para emerxencia social (a metade que para publicidade e propaganda).
O orzamento debería ser un instrumento que favorecese claramente á sociedade como colectivo e aos seus membros como individuos. Aínda que, vendo o informe do grupo nacionalista non semellaba transitar cara ese fin, o orzamento do 2.010 (nunha época de crise económica) debería ofrecer as condicións para unha necesaria comunicación, entre os partidos con representación municipal, directa e colectiva. Pero, por parte do PP como soporte do goberno municipal, viuse cero predisposición ao diálogo e ao consenso para a elevación do presuposto ao pleno. Todo o contrario, só existiu pola parte do PP un imperativismo impositivo e compulsivo
Iso si, o Partido Popular presumiu de aforro e puxo como exemplo a total eliminación da asignación orzamentaria (2.200 euros ao ano) dos grupos municipais, que lle afecta sobre todo aos partidos da oposición. Eses cartos usábanse para o traballo administrativo de cada grupo municipal (fotocopias, material funxible, boletíns para manter informada á poboación da Laracha, comunicacións e correo). Os grupos teñen que xustificar, no departamento de Intervención Municipal, eses gastos co aporte de facturas correspondentes, pois non son cartos para dietas ou similares.
Iso non lle afecta ao PP?
Non, claro que non. Esa falsa austeridade nos gastos dos grupos municipais, que nos pretenden vender ao pobo da Laracha, contrasta cos considerábeis gastos que manteñen os altos cargos do goberno (PP) nas súas adicacións exclusivas e persoal de gabinete. É o maior de todos os concellos da comarca de Bergantiños (8 membros no concello da Laracha). Cos gastos na súa comunicación non hai problema, ademais da famosa plataforma mediática que tanto apoiou ao PP na campaña ao Parlamento Galego, o conservador goberno municipal aprobou para o seu apartado de publicidade e propaganda 20.000 euros. Perfecto, non?
O mesmo pasa na Xunta de Galiza. A austeridade, estandarte do PP na Xunta, sobre todo no ámbito social, non se aplicará ao polémico plus de altos cargos. O PP e PSOE aliáronse na defensa do complemento no Parlamento.
A Cámara debateu unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) contra o sobresoldo avalada por 19.000 sinaturas. Só o BNG rectificou a súa postura da pasada lexislatura e apostou por retirar o sobresoldo.
Publicou hai uns días A Nosa Terra que os parlamentares galegos tiveron que escoitar esta forte acusación dende o estrado do Pleno do Parlamento da boca do secretario xeral da CIG, Suso Seixo: Se a demagoxia estivese prohibida habería moitos deputados que deberían ter renunciado ao seu escano.
Segundo o BNG significa un gasto de tres millóns ao ano para a Administración O nacionalista Suárez Canal alertou á Cámara que unha parte importante da sociedade entendeu que co plus os deputados lexislaban para beneficio propio. Para dignificar a política e gañar credibilidade cómpre corrixir o que foi un erro desta Cámara, especialmente porque moitos deputados son funcionarios.