Un inxusto orzamento precariza os servizos sociais na Laracha (2ª parte)

            Dicir que os orzamentos son moi malos é pouco; son peores, con diferenza, a outros anos. E non só por que as partidas orzamentarias sexan baixas, que o son, senón que a mala distribución por capítulos e as consecuencias derivadas de anos anteriores levaron a manter un  deseño dunha recadación irreal, fantasiosa. Isto indica o mal camiño seguido por José Manuel López Varela e resto de concelleiros do PP ao longo dos anos,  ao basear só os ingresos propios do orzamento municipal nas licencias urbanísticas.

Isto agrávase diante da actitude negativa do PP na Xunta de Galiza, xa que os principais recortes dos orzamentos galegos aparecen no capítulo 4, de gasto social, que baixan un 3,4% e no capítulo 6, de investimentos reais, un 14,4% menos, mentres que as transferencias aos concellos diminúen un 7,7%.

Un dos ridículos máis espantosos que se pode atopar en investimentos de toda a provincia da Coruña está no noso concello. Despois da experiencia acumulada das lexislaturas anteriores, aniñan  en min moitas dúbidas da eficiencia orzamentaria. Pero, aínda que tivera que crer no goberno municipal (tendo moita, moita fe), aínda así, serían uns investimentos pequeniños, máis que pequeniños, microscópicos.

Analizando globalmente o apartado de gastos deste presuposto para o 2010 (300.000 menos con respecto ao orzamento actual, polo que quedará ao redor dos 6,8 millóns de euros) temos que ao capítulo I, gastos de persoal, adican un 22 % (un 1,7 % máis que no 20009), aos gastos correntes (capítulo II) destínase o 38 % do total (un incremento do 0,7 %), ao capítulo IV, o de transferencias correntes, no que se cuantifican as subvencións a entidades, aportacións para emerxencia social, becas, entre outros apartados, adícase o 4 % do total orzmentado.

En cultura, servizos sociais, atención cidadá máis do mesmo:

O capítulo catro, é un apartado no que o concello debería amosar que é administración máis próxima aos cidadáns e plasmar nos orzamentos unha cantidade necesaria para cubrir parte das necesidades de acción social e cultural da poboación. Pero, igual que nos outros anos, así quedou o apartado de cultura, deportes, servizos sociais, educación, atención cidadá, orientación familiar e formación: nun irrisorio 4% do total orzamentado.

É prioritario demandar un incremento das partidas para gasto social, é evidente que no noso concello hai persoas que necesitan axudas de emerxencia social, e os servizos sociais municipais deben traballar precisamente o contacto con estas familias necesitadas e a axuda ás mesmas, pero iso hai que contar con orzamento. Pero o PP segue a amosar, como lembrou o BNG, a súa falta de sensibilidade, o seu nulo compromiso coas persoas máis necesitadas, igual que evidenciou tamén a súa falta de compromiso coas persoas discapacitadas ou con mobilidade reducida cando rexeitaron a proposta nacionalista de elaborar un plan de accesibilidade.

Ademais de adicar esta irrisoria porcentaxe do orzamento, que tipo de política cultural é aquela na que se manteñen pechadas as instalacións  sen  permitir o seu uso á parte das asociacións, cando temos que pagar uns mantementos tan altos (destínase o 37,79 % do total)?

 Onde están os orzamentos para cultura, deporte, servizos sociais, atención cidadá, orientación familiar, educación, participación cidadá e formación?. Só na propaganda, e non me soa raro… é a súa política, a política do PP…  como cartos para propaganda teñen moitos… seguen coa política de facer que se fai!

                Xa o decía un ex – concelleiro do PP.: non se vai investir cartos en formación e cultura, a xente espabilaría e perderiamos votos.

A discriminación por parte do goberno municipal a varias asociacións do concello é evidente, un claro exemplo son as asociacións de veciñ@s A Cutareira e Campo da Feira. Como unha administración municipal pode discriminar a un aos seus propios contribuíntes por ser membros de diversas asociacións?

Do visto nos orzamentos seguirase no 2.010 cunha xestión cultural e deportiva especialmente inadecuada, insuficiente. A falla de aproveitamento das instalacións repercute considerablemente no desenvolvemento das actividades culturais e deportivas asociadas ou individuais, funcionando en precario e por debaixo das súas posibilidades, infrautilizada. Non se xestionarán as instalación de forma que estas se convertan en servicios flexibles e asequíbeis a toda a poboación.

No orzamento para o ano 2.010  era  necesario visualizar economicamente unha pedagoxía do ocio e unha actividade cultural e xuvenil que non só cubra a demanda (que non cubre)  senón que debe crear públicos, incentivar a demanda na poboación.

A actualización das potencialidades do municipio en cultura require dunha profunda reforma orzamentaria e administrativa que combine unha triple estratexia:

Mellorar a xestión, Profundización da democracia e permitir a Participación cidadá

Era necesario, en beneficio dos habitantes do concello, que se levase a cabo unha política cultural, xuvenil e deportiva que se implique como factor económico e factor de integración social e de cidadanía.

E os orzamentos da Xunta de Galiza axudaría a paliar esta desfeita municipal?

 Pois semella que non, xa que son totalmente irracionais,  por ser contrarios  ao ciclo da crise económica, diminuíndo este ano  un 15%.

Xa houbo suficientes declaración nas que se incidía en que o orzamento da Xunta estaba   falto de realismo, era privatizador e antisocial e ía afectar aos concellos galegos. Advertía o BNG de que os principais recortes dos orzamentos galegos aparecen no capítulo 4, de gasto social, que baixan un 3,4% e no capítulo 6, de investimentos reais, un 14,4% menos, mentres que as transferencias aos concellos diminúen un 7,7%.

 Denunciaba o BNG que  a diminución do investimento público, tenta compensala o Goberno de Feijóo coa privatización de infraestruturas sanitarias e de comunicación, creando unha auténtica hipoteca para a sanidade pública galega. Tamén facían fincapé no descenso dun 20% do orzamento para normalización lingüística, do 14% en cultura, ou do 22,8% en políticas de vivenda, no recorte en políticas de atención á discapacidade, na loita contra a pobreza e exclusión social, ou nas políticas activas de emprego, que baixan un 9% xustamente nun ano no que vai medrar o número de parados.

Por primeira vez na historia do goberno autonómico, baixa a cantidade destinada aos gastos sanitarios e educativos.

Ademais de todo o anterior, os orzamentos supoñen unha baixada do investimento real de até un 14%.

Esta  liña política xeral do PP maniféstase claramente na nosa  bisbarra. As grandes liñas de equipamentos sociais postas a andar nos últimos anos de goberno bipartito (galescolas, centros de día…) sofren unha parada en seco.

 

Deixa unha resposta