Alba: unha integración sen precedentes
Publicado en Mundo o 06/12/2009 16:42 por Xosé Antón
A Alternativa Bolivariana para los Pueblos de nuestra América (ALBA) que pasou a chamarse Alianza en
lugar de Alternativa por decisión dos países integrantes, nun cumio extraordinario celebrado en Venezuela, xurdiu como alternativa á promovida por Estados Unidos de América, Área de Libre Comercio de las Américas (ALCA). Mais recoñezo que estaba entre os que, como sinala Nidia Díaz no seu artigo publicado en Granma Internacional Alba: una integración sin precedentes non alcanzabamos a valorar o profundo significado histórico que tiña o paso que estaba dándose naqueles momentos cando o 14 de decembro do 2004 o líder da Revolución Cubana, Fidel Castro Ruz e o líder da Revolución Bolivariana de Venezuela, Hugo Rafael Chávez Frías, subscribían na Habana a acta de constitución da entón chamada Alternativa Bolivariana para as Américas (ALBA)e que se estaba abrindo unha nova e moi interesante páxina de integración dos países de América Latina e o Caribe.
Alba está integrado por Venezuela, Cuba, Bolivia, Nicaragua, Dominica, Ecuador, San Vicente y las Granadinas e Antigua y Barbuda. Honduras desde o golpe de estado oligárquico – militar sae, por vontade do ilegal goberno de facto da alianza, da integración e a cooperación económica, desaparecendo nos corruptos dirixentes golpistas dese país a vontade común de avanzar cara o desenvolvemento humano e social.
Por iso, como lembra o artigo de Nidia Díaz, o Imperio e os seus asociados pretenden liquidar ou levar ao mínimo as posibilidades de integración e a influencia do ALBA e reducir o número de nacións incorporadas. Esa era a razón do golpe de estado oligárquico – militar contra o presidente constitucional de Honduras, José Manuel Zelaya, presidente que incorporara ao ALBA a ese país centroamericano ou unha das razóns da instalación das sete bases militares estadounidense en Colombia.
A autora do artigo afirma que o Imperio sabe que o ALBA é moito máis que un simple esquema de integración económica ou de intercambio comercial xusto e equitativo.O ALBA representa- cito literalmente a Díaz- como nunca antes se logrou até agora, a articulación da tradición intelectual latinoamericana e caribeña coas ideas do socialismo; partir do desenvolvemento concreto das sociedades e da tradición intelectual e política de América Latina e o Caribe para buscar e atopar de xeito creador as formas e vías máis adecuadas que abran definitivamente o camiño ás ancestrais aspiracións dos nosos pobos, facéndoas realidade.
Esta realidade é consecuencia do avance da Revolución Cubana, ademais de ser un espello da igualdade e xustiza social anticolonialista onde reflectirse. Esa Revolución resultou un paso moi importante, case 50 anos máis tarde, para a América Latina e o Caribe, no fundamental, pola consolidación e ampliación dos diferentes procesos de transformación social, política e económica que teñen lugar na rexión, caracterizándose, ademais, polas posicións independentes e de defensa da soberanía nacional dos gobernos de esquerdas xurdidos das urnas.
