Agresivo racismo lingüístico disfrazado de decretazo
Publicado en Galiza o 31/12/2009 01:17 por Xosé Antón
Pretendía o presidente anti-galego da Xunta de Galiza, Feijóo, evitar as protestas da oposición, dos sindicatos e de boa parte da comunidade educativa, adiantado a data do borrador do novo decreto do galego no ensino para este mércores 30, en plenas vacacións e dúas semanas antes de que o alumnado e os profesorado volten aos centros de ensino.
Mais non o conseguiu, xa que milleiros de persoas, convocadas pola plataforma Queremos Galego, concentráronse na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela contra o borrador de Decreto do galego presentado hoxe mesmo pola Xunta de Galiza. Feijóo, que amosou ser un “miedicas”, trasladou a reunión ao complexo administrativo de San Caetano mais, aínda así, tivo que oír a mensaxe enviada hoxe polas miles de galegas e galegos. A mensaxe era clara: o PP debe cumprir o mandato estatutario sobre a defensa do idioma galego e, polo tanto, da nosa cultura e da nosa identidade nacional como pobo diferente.
Como dixera Pilar García Negro, o obxectivo final do PP, coa súa política de racismo lingüístico contra o noso idioma, é cortar a cabeza do que non se quere que sexa un corpo adulto desenvolvido. Queren impedir que a grande capacidade simbólica que ten a lingua obre na dirección de reencontrarmos con nós mesmos. E logo que iso contribúa a poder ter un pobo manso, resignado e máis manexábel e reducido dentro do Estado.
O Decreto en vigor aprobada polo bipartito, co respaldo da práctica totalidade de asociacións de pais, profesores e alumnos fixa nun 50% o mínimo de clases en galego e o que pretenden impoñer os ultraconservadores estabelece que en educación primeira e secundaria, só un terzo das horas lectivas sexa en galego. Unha mostra clara do racismo lingüístico de Feijóo, o (seica) presidente da Xunta, que provocou moitas reaccións en contra. Entre elas a da CIG, sindicato que rexeita o borrador do novo decreto porque supón unha involución na normalización lingüística e unha agresión ao galego; da Mesa pola Normalización Lingüística, que advirte ao goberno autonómico de que calquera proposta que vaia por debaixo do 50% de docencia no idioma propio do país será nula de pleno dereito, xa que vulnerará a Lei de normalización lingüística; e do BNG a través das palabras do Portavoz Nacional .