As receitas do Goberno español e da Xunta perante a crise e as alternativas do BNG

Este sábado asistin a unha interesante xornada sobre os orzamentos da Xunta de Galiza e do estado español.Os relatores das xornadas de formación do BNG Abriu as xornadas o Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que apelou a un acordo nacional galego entre as forzas políticas da Galiza para blindar o futuro das caixas galegas, un pacto para que o BNG pon dúas premisas básicas: que os centros de decisión das caixas de aforros queden en Galiza e que se reforme a actual lei de caixas. Incidiu Vázquez en que non nos xogamos neste momento si hai unha caixa galega e outra do sul, unha ou dúas, senón se é galega ou non.

Despois do discurso de apertura do Portavoz Nacional comezaron as conferencias e posterior debate. Algo que en principio semellaba ser unha árida recepción de complexa información fiscal,  resultou ser un amena conferencia na que as didácticas explicacións dos relatores fixeron pasar axiña as horas.

Nesta xornada   denominada “As receitas do Goberno español e da Xunta perante a crise e as alternativas do BNG”, que foi organizada pola secretaría de Formación do BNG, participaron como conferenciantes  o ex-deputado do BNG e economista, Xosé Díaz; o catedrático de Economía da USC, Xabier Vence; o portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, e o portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera.

 

Despois da presentación de Francisco Rodríguez, comezou a intervención Xosé Díaz, quen fixo unha didáctica análise sobre de onde proveñen os recursos públicos. A todas as persoas que asistimos á conferencia sorprendeunos que a  maior parte dos ingresos  do orzamento  proveñen da clase traballadora:

Dos case  400.000 millóns de euros que o integran, 106.000 millóns de euros proveñen da renda do traballo a través do IRPF, que se gasta na política de pensións; 133.000 millóns proveñen das cotizacións sociais dos traballadores e traballadoras; 110.000 do endebedamento do Estado, e o resto de IVE, impostos especiais, de sociedades e transferencias da Unión.

 

Aínda así, Pepe Díaz considera os orzamentos do Estado  máis racionais que os da Xunta de Galiza, xa que son contrarios  ao ciclo da crise económica. Mentres os do goberno central medran un 10%, os da Xunta diminúen un 15%.

 

Neste aspecto, Francisco Jorquera criticou que “a política de tributos do Goberno Central está máis pensada en incrementar a recadación que no outro obxectivo que tamén deben ter: corrixir as desigualdades sociais e ter cun carácer redistributivo”.

Dese xeito, advertiu de que o incremento do IVE  proposto polo goberno do PSOE “ten un carácter inxusto porque castiga ás rendas medias e baixas, que porcentualmente, son as que teñen que destinar máis parte da súa renda ao consumo”. Por primeira vez en cinco anos os Orzamentos do Estado para 2010 diminúen o investimento en Galiza, un 5% o sexto maior descenso por Comunidades Autónomas”.

Rematou a súa intervención o portavoz do BNG no congreso dos deputados subliñando a necesidade fundamental de que o BNG sexa un referente alternativo ás políticas económicas que aplican o PSOE no Goberno do Estado e o PP na Galiza”.

En referencia aos Orzamentos do 2.010 da Xunta de Galiza, o portavoz do Grupo Parlamentar do BNG, Carlos Aymerich definiunos  como “faltos de realismo, privatizadores e antisociais”. Advertiu de que os principais recortes dos orzamentos galegos son no capítulo 4, de gasto social, que baixan un 3,4% e no capítulo 6, de investimentos reais, un 14,4% menos, mentres que as transferencias aos concellos diminúen un 7,7%.

 Carlos Aymerich denunciou que “esta diminución do investimento público, tenta compensala o Goberno de Feijóo coa privatización de infraestruturas sanitarias e de comunicación, creando unha auténtica hipoteca para a sanidade pública galega. Tamén fixo fincapé no descenso dun 20% do orzamento para normalización lingüística, do 14% en cultura, ou do 22,8% en políticas de vivenda, no recorte en políticas de atención á discapacidade, na loita contra a pobreza e exclusión social, ou nas políticas activas de emprego, “que baixan un 9% xustamente nun ano no que vai medrar o número de parados”.

 

Na súa  intervención, Xavier Vence denunciou que o modelo fiscal moderadamente progresista que se implantou en 1977 foise destruíndo nos últimos 15 anos de reformas neoliberais, e nelo colaboraron tanto o PP que practica ese discurso, como o PSOE que aplica a mesma filosofía fiscal que o PP.

No remate, antes do comezo do intenso debate cos asistentes ás xornadas, Vence salientou que o BNG non está a favor de que se suban impostos, pero si de aumentar os impostos aos ricos e ás grandes fortunas, e -perseguir- aos que non están a pagar impostos. Por iso  propuxo unha batería de medidas como unha política decidida na loita contra a fraude fiscal,  cambater a evasión fiscal e os paraísos fiscais, modificar a fiscalidade das SICAV e das sociedades de capital-risco, modificar o imposto de sociedades ou os tramos do IRPF.

 

 

 

Deixa unha resposta