Archive for Novembro 20th, 2009

Investimento social e comparativas

cubainformacion.tv

Días antes da avaría no servidor de internet, que produciu unha verdadeira desfeita neste blogue, falabamos dos  orzamentos para o ano 2.010 da Xunta de Galiza.

 Das declaracións dos responsábeis políticos que recollín aquí, podíase resumir que este presuposto estaba   falto de realismo, é privatizador e antisocial. Advertía o BNG de que os principais recortes dos orzamentos galegos aparecen no capítulo 4, de gasto social, que baixan un 3,4% e no capítulo 6, de investimentos reais, un 14,4% menos, mentres que as transferencias aos concellos diminúen un 7,7%.

 Denunciaba o BNG que  a diminución do investimento público, tenta compensala o Goberno de Feijóo coa privatización de infraestruturas sanitarias e de comunicación, creando unha auténtica hipoteca para a sanidade pública galega. Tamén facían fincapé no descenso dun 20% do orzamento para normalización lingüística, do 14% en cultura, ou do 22,8% en políticas de vivenda, no recorte en políticas de atención á discapacidade, na loita contra a pobreza e exclusión social, ou nas políticas activas de emprego, que baixan un 9% xustamente nun ano no que vai medrar o número de parados.

 Non me resisto a comparalo (e non pola cantidade económica, senón polo fins a que se adican as distintas partidas orzamentarias) co que aprobou o goberno bolivariano de Venezuela. Entre os obxectivos sociais, pode parecernos  rechamante que se busque garantir un proceso educativo propiamente indíxena: A Universidade Indíxena.

Desde a chegada ao poder da Revolución Bolivariana abríronse xuridicamente, por primeira vez en Venezuela, a porta a moitos procesos de corte revolucionario. Entre outros, o artigo 121 da Constitución bolivariana recoñece aos pobos indíxenas o dereito a unha educación e cultura propia. Este concepto de autonomía nace da necesidade indíxena de afirmarse culturalmente. O apoio económico para a creación da Universidade Indíxena non constitúe unha claudicación ao goberno, que é o que lles está pasando aos pobos indíxenas en moitos países.

 Dese xeito, e pesar da crise económica que golpea a gran parte dos países do mundo, o investimento social, dirixido á redución da pobreza e á mellora da calidade de vida dos venezolanos, representa 45,7% do orzamento para o exercicio fiscal 2010, cun monto total  de 159 mil 410 millóns de bolívares. Read the rest of this entry »