Posted in Galiza on 10/22/2009 02:36 a.m. by Xosé Antón
Estes días falouse da falla de ética periodística dos dirixentes da TVG pola escandalosa manipulación informativa na cobertura da manifestación da plataforma Queremos Galego.
Pois continúan nesa teima na televisión pública galega. Na entrevista do “periodista”, se así lle podemos chamar, Carlos Luis Rodríguez ao presidente da Mesa, Carlos Callón, visualizáronse catro vicios do xornalismo partidista: un, supor que fala desde a conservadora razón (irreflexiva) partidista, outro ser o mercenario de quen o puxo no sitio, o partido ou ideoloxía ao que se pertence. Outra máis, que para Rodríguez só ten virtudes o caudillo ao que lle rende pleitesía. E que a verdade do ocorrido na manifestación pasa polo filtro da ideoloxía do que o mantén no posto.
Nunha entrevista, o periodista debe permitir que a exposición do entrevistado predomine, mais intentou facer todo o contrario, quixo facer dela unha pelexa de fondo onde o ruído evitase a comunicación do seu interlocutor cos espectadores ou polo menos que se contradixese, cortándolle a palabra en case todas as ocasións. Certo é que en todos os tipos de entrevista persoais hai un xogo de confrontación, pero este xogo alcanzou un punto excesivo, case ao comezo, nun ataque continuo, tentando impedir, non só que Callón profundase na súa exposición, senón que non puidese rematar as frases. Unha agresión en toda regra na que non caeu Callón, respondendo con acerto e serenidade. Era un difícil papel o de Carlos Callón, pero saíu gañador do covarde ataque dun mercenario do poder reaccionario.
Nace a iniciativa Televisión Manipulación
Posted in Galiza on 10/21/2009 02:53 a.m. by Xosé Antón
Publica A Nosa Terra que Anxo Lorenzo, que o denominamos nalgunha ocasión o anxo exterminador do galego,
manifesta a súa vontade de reunión para que o portavoz da plataforma Queremos Galego poida transmitir directamente que accións e medidas do Goberno motivaron a manifestación do pasado domingo.
Pola súa banda, Rei lembra que Lorenzo coñece dabondo as peticións da plataforma Queremos Galego, xa que no pasado tivo reunións con varias organizacións que se integran na mesma.
Fran Rei asegurou que aceptarán reunirse co responsábel de Política Lingüística da Xunta de Galiza unha vez chegue a comunicación formal do goberno (anti)galego, xa que a vontade da plataforma é estar aberta a falar con todo o mundo.
Esta situación, salvando as diferenzas, sóame ao que está acontecer na Honduras do «dialogante» goberno golpista do empresario Roberto Micheletti, onde se ten coñecemento da presenza de mercenarios ex – paramilitares colombianos, os cales teñen como misión defender todo o aparello golpista, encabezado por Micheletti (tamén coñecido como Goriletti) e os militares que a golpe de fusil derrocaron ao presidente lexítimo Mel Zelaya. Read the rest of this entry »
Posted in Mundo on 10/20/2009 01:30 a.m. by Xosé Antón
Lembraba Bieito Lobeira que a meirande parte dos medios estaban a censurar a información previa á manifestación de Queremos Galego do día 18 e as actividades da plataforma que é a maior expresión en defensa do galego da historia.
Pois esa cousas non ocorren só na Galiza: hai menos dun mes que correron ríos de tinta nos medios de (in)comunicación sobre a discusión entre Miguel Bosé (coa silenciosa presencia de Juanes) e os organizadores cubanos do famoso concerto da Paz Sen Fronteiras na Habana pola suposta pretensión de colocar nos lugares preferentes do concerto a un grupo numeroso das mocidades comunistas. Nada había diso, mais a manipulación aínda continúa a día de hoxe.
Aproveitando a visita de Moratinos a Cuba, subo estes dous vídeos de Cubainformacion.tv que desmonta a manipulación mediática desde a súa orixe.
O seguinte aparece clicando en Read the rest of this entry »
Posted in Galiza on 10/19/2009 02:28 a.m. by Xosé Antón
Galería de fotos
Un exemplo que ilustra a magnitude da manifestación histórica a prol da defensa do galego en Compostela foi a cantidade considerábel de persoas
integrantes da marcha que se desprazaron ao Obradoiro, diante da dificultade de acceder á ateigada praza da Quintana.
Ao redor de 100.000 asistentes fixeron que esta manifestación duplicara á do Día das Letras Galegas. É ben certo, como subliñou a organización, que aínda había xente na Alameda cando o acto xa estaba iniciado na Quintana (punto final do percorrido). Tal é así que, como afirmaron integrantes de Quinta Feira e A Cutareira , varios asociados entraban na praza cando outros aínda estaban saíndo da alameda compostelá. Moitas persoas tiveron que agardar á segunda quenda para entrar, eran ás 14.30 e aínda estaban en pleno percorrido.
Read the rest of this entry »
Posted in Galiza on 10/17/2009 01:32 a.m. by Xosé Antón
O título deste artigo é o remate dunha noticia que publicou onte a MESA pola Normalización Lingüística na que
lamenta que haxa altos cargos da Xunta que presuman de ignorar o galego. Considera A Mesa unha mostra do racismo lingüístico que cada vez haxa máis altos cargos da Xunta de Galiza que presuman diso e que, aínda sabéndoo, se neguen a utilizalo. Estas actitudes de odio cara ao galego demostran a importancia de nos movermos na súa defensa en manifestacións como a convocada para o vindeiro 18 de outubro pola plataforma Queremos Galego.
Tamén desde Quinta Feira e A Cutareira convídannos a asistir á manifestación na defensa da nosa lingua. Publica Quinta Feira no seu blog que a política do goberno tardo-franquista da Xunta de Galiza pretende reducir a xa precaria presenza do noso idioma en todos os ámbitos, nunha planificada campaña de agresión contra o galego. Campaña contra a que diversos colectivos, integrados na plataforma Queremos Galego, mobilízanse co propósito de paralizar os ataques linguísticos deste goberno antigalego e ultraconservador.
Pola contra, será por apoiar ás políticas do PP, a meirande parte dos medios están a censurar a información previa á manifestación do día 18 e as actividades dunha plataforma que é a maior expresión en defensa do galego da historia. Así o afirma Bieito Lobeira, deputado do BNG no Parlamento Galego. Hoxe en día, xa están adheridas a “Queremos Galego” máis de 500 entidades e colectivos, máis as adhesións individuais.
Lobeira tamén lle lembra ao des-goberno de Feijóo que uns resultados eleitorais non son un cheque en branco, e non xustifican os ataques continuos contra a lingua galega que están a facer.