Os orzamentos presentados polo ultraconservador goberno galego non son austeros, non responden fronte á crise nin teñen carácter social. Os efectos negativos en Bergantiños

Carlos Aymerich_Vitor RecareiAsí analizaron hoxe en rolda de prensa o portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, e o responsábel comarcal, Vítor Recarei,  os orzamentos galegos para o ano 2010 que vén de presentar o actual goberno autonómico.

A comarca de Bergantiños sofre unha involución nos investimentos con respecto aos últimos anos, e as liñas de actuación postas en marcha son freadas polo  actual executivo autonómico sen ofrecer ningunha alternativa.

En palabras de Carlos Aymerich, os orzamentos non cumpren ningunha das tres premisas de que alardea o goberno. Ao contrario do que se di, non son uns orzamentos austeros, xa que se vai ao límite do endebedamento e se aumenta porcentualmente o gasto corrente.

Os orzamentos tampouco ofrecen solucións fronte á crise, asumen unhas altas taxas de desemprego e non deseñan ningún reforzo das políticas activas de emprego, ao tempo que baixa o investimento en solo empresarial.

E tampouco se pode dicir que sexa un orzamento social. Por primeira vez na historia do goberno autonómico, baixa a cantidade destinada aos gastos sanitarios e educativos.Baixada de todo tipo de investimentos: sociais, sanidade, educación...

Ademais de todo o anterior, os orzamentos supoñen unha baixada do investimento real de até un 14%.

A liña política xeral maniféstase tamén na bisbarra de Bergantiños. As grandes liñas de equipamentos sociais postas a andar nos últimos anos de goberno bipartito (galescolas, centros de día…) sofren unha parada en seco. Nada se sabe, nada se prevé, en canto aos comprometidos centros de día de Malpica de Bergantiños e Laxe nin das escolas infantís programadas en Carballo, Malpica de Bergantiños, Coristanco e Laxe. En materia de ensino, tan só se prevé un investimento claramente insuficiente no colexio Bergantiños de Carballo.

En materia de emprego, o PP esquece as súas propias promesas e non acomete a rebaixa de prezos de parcelas no polígono industrial de Bértoa. En materia empresarial, a comarca leva cero euros, e curiosamente cítase o parque empresarial de Coristanco, pero sen poñer ningunha cifra enriba da mesa.

As infraestruturas son outra das áreas onde é fácil constatar o paso atrás dado por este goberno galego. A variante de Carballo tiña orzamentado para este ano 2009 a cantidade de 1.400.000 euros (a metade para pagamento da expropiacións e a metade para execución de obra). O gabinete Feijoo, que xa leva seis meses á fronte do goberno, non executou nada do programado, e reduce o orzamento desta obra para o ano que vén a menos da cuarta parte.

Outras moitas áreas reciben na comarca de Bergantiños un investimento de cero euros. Por exemplo, as políticas de vivenda non traerán á comarca ningún investimento (nada hai programado en materia de vivenda protexida, despois de ter criticado esta área cando nós o BNG a xestionaba no goberno galego). O turismo na Costa da Morte tampouco verá ningún investimento (a pesares de ser o 2010 ano Xacobeo), e incluso a Xunta de Galiza retira o apoio que xa estaba comprometido ao Consorcio de Turismo da Costa da Morte. Nesta liña, o parque do megalitismo volve ser desprezado polo Partido Popular ao non aparecer tampouco nestes orzamentos.

Este é, pois, o compromiso do Partido Popular coa comarca de Bergantiños. Un compromiso cero en moitas áreas de goberno, un novo paso atrás e unha ausencia de planificación en clave de comarca.

O BNG traballa xa na presentación de emendas para remendar esta situación, emendas que irán destinadas fundamentalmente ás políticas sociais (escolas infantís comprometidas, centros de día xa proxectados…), educativas (necesidades do Colexio Otero Pedrayo da Laracha, orzamento insuficiente previsto para a ampliación do colexio Bergantiños en Carballo…) e pola reactivación económica e do emprego 

 

 

 

 

 

Deixa unha resposta