Os conflitocultores do PP queren empobrecer aínda máis aos pobres
Publicado en Galiza o 29/10/2009 02:20 por Xosé AntónAs últimas novas obríganme a deixar un tempo a colaboración nos preparativos do Samaín que Quinta Feira está a organizar para este venres na Laracha (a canda o magosto da Cutareira) para escribir no blogue, que tan descoidado teño estes días.
Hai tempo lin unha noticia relativa a uns estudos onde uns investigadores comprobaron que os peixes alteran o seu
esforzo reprodutivo para adaptarse ao ambiente. En ambientes hostís producían máis embrións no seu ciclo reprodutivo. Isto ten sentido porque con contrarios ao seu redor un non ten tantas oportunidades para reproducirse. En augas menos perigosas producían menos embrións por vez, xa que así a cantidade de recursos gastados para a reprodución é menor.
Iso lle debe pasar ao PP, que dada a dificultade manifesta para ocultar a aceptábel xestión do anterior goberno da Xunta (onde o BNG era o motor dos cambios estructurais), abre moitas frontes de conflitos cun considerábel esforzo reprodutivo para incrementar a posibilidade de supervivencia.
Aínda que isto semelle raro, encóntrolle certa “lóxica” a cantidade de irresponsábeis conflitos que abriu. A tensión provocada polos conflictocultores do PP satura ao especta – actor que somos todos os membros da sociedade que observamos participativamente a realidade do entorno. Chegado un tempo podes non reaccionar diante de tanto incentivo negativo. Éche o que hai, diremos encolléndonos os ombreiros.
Se lembramos que, grazas ás medidas adoptadas na lexislatura pasada, Xunta de Galiza quedáralle razoablemente saneada ao ultra – conservador goberno entrante, o que despexaba o horizonte sobre compromisos de investimentos reais a desenvolver polo goberno do PP, este paralizou proxectos interesantes para a maioría social. A herdanza deixada polo goberno composto por progresistas e nacionalistas galegos era a mellor en moitos anos. O Executivo, capitaneado por Feijóo, encontrouse con 351 millóns de euros, o que supuxo un 29 por cento máis das existencias líquidas do erario público do Goberno de Fraga a 31 de xullo de 2005, cando o bipartito (BNG- PSOE) se encontrou con 271,6 millóns. O nivel de endebedamento, a 31 de decembro de 2008, era do 6,9 por cento respecto do Produto Interior Bruto; fronte a esa mesma data de 2004 (último ano completo do Goberno do PPdeG), en que esta cifra se elevaba ao 7,6 por cento.
En definitiva, ao goberno entrante déronlle unha caixa chea de cartos, menos endebedamento e políticas integrais de desenvolvemento socioeconómico deseñadas con sentido e políticas agrarias e industriais aplicábeis ao momento. Mais comezou tirando ao río o herdado, eliminando as medidas que estaban facendo país e comezando dun xeito autoritario a recortar os dereitos e benestar social da poboación galega. As poucas medidas concretadas por Feijóo, que xa todos coñecemos, son totalmente negativas para o desenvolvemento cultural, social e económico do noso país, da maioría das galegas e galegos, pero benefician a uns poucos ricos e poderosos. As clases traballadoras perden dereitos, mais iso non lle preocupa ao PP que sabe a quen ten que defender, a pesar que cinicamente di que o que fai beneficia á xente que máis o necesita.
E, coa mesma inmoralidade e cinismo que gañaron as eleccións, cultivan outro conflito máis. Pretendían suprimir o complemento de 200 euros anuais para pensións non contributivas galegas aprobadas por Vicepresidencia do anterior bipartito. Aquí falloulles ao PP o éche o que hai!. O rebumbio creado obrigou, en contra do criterio do propio PP, a manter ese complemento, a pesar de que orzamentos de 2010 realizados polo goberno conservador non contemplan esas partidas.
Dentro duns días o esforzo conservador para reproducir conflitos continuará…