O Cumio de ASA visto pola Revolución Cidadá
Publicado en Mundo o 05/10/2009 01:18 por Xosé Antón| Cubainformación.tv |
Sempre que falo da nova revolución social que percorre gran parte de Suramérica, @s amig@s critícanme con agarimo que só falo do presidente Hugo Chávez.
Hoxe comenta (no vídeo insertado arriba) o Cumio América do Sur-África(ASA) – indicando o poder conxunto que teñen ambas as rexións para conformar unha nova orde mundial – outro bolivariano, o presidente de Ecuador, Rafael Correa (o presidente que, liderando a Revolución Cidadá, dixo iso de “…Estamos aquí polos pobres…xuntos fixemos historia…e dese xeito recuperar esa dignidade para que non volvan a caer nas trampas dos demagogos, dos poderosos de sempre…”)
Publica Aporrea que o Cumio América do Sur-África (ASA) reuniu a máis de 30 xefes de Estado en Venezuela – outros países estaban representados polos seus ministros de Relacións Exteriores ou outros altos funcionarios- duns 60 países de América do Sur e África que participaron no segundo cumio birrexional, co obxectivo de estimular acordos de cooperación Sur-Sur en diversos ámbitos.
Na axenda do encontro destacaban grandes temas como saúde, enerxía, ciencia e tecnoloxía, turismo e agricultura, problemas globais onde a cooperación entre países do Sur pode contrarrestar a grave crise mundial actual.
Imos conformar dous grandes polos de poder deste mundo pluripolar e multipolar que xa comezou a nacer, buscando un mundo onde non haberá máis imperialismo, onde os pobos seremos libres, uníndonos para saír da miseria, do atraso, da situación de subdesenvolvemento á cal fomos condenados polos imperios do norte», expresou o Presidente Chávez en referencia a Europa e Estados Unidos. «Por aquí, polo Sur, comezou o camiño cara á salvación do mundo e da humanidade».
Durante os dous días de discusión, os xefes de Estado expuxeron importantes formulacións que dan conta dos novos esquemas de relacións internacionais que están xurdindo.
«A liberación dos pobos africano e suramericano depende das capacidades, valores e a posibilidade de ser protagonistas do novo mundo que se está construíndo», afirmou Cristina Fernández, presidenta de Arxentina nunha das súas intervencións.
Pola súa banda, o presidente da República de Bolivia, Evo Morales, exhortou aos líderes e pobos do Sur a recuperar os recursos naturais e a tomar previsións para que o capitalismo non acabe co planeta. Tamén advertiu que «non soamente é importante liberarnos como seres humanos, senón liberar os nosos recursos naturais para resolver os problemas dos nosos países».
O presidente libio, Gadhafi, lembrou que «estivemos loitando pola nosa revolución, obtendo moito éxito nos países de América Latina, espero que poidamos obter resultados que consoliden os proxectos económicos alcanzados polos nosos pobos e así poder abrir os camiños na loita pola soberanía». Así mesmo, recalcou que «contamos cun potencial demográfico enorme e unha calidade humana insuperable e temos que estar representados como a Unión Europea, como Rusia, como os países do Norte».
O achegamento rexional é un dos grandes logros deste histórico encontro que tivo como sede a Venezuela, por iso o presidente ecuatoriano Rafael Correa sinalou que «estas reunións entre os pobres da Terra asegúranos lograr a segunda independencia. A presidencia da Unasur ten o compromiso de fortalecer o proceso de coordinación latinoamericana e construír o desenvolvemento equitativo dos nosos pobos, articular a cooperación internacional e a loita contra a exclusión social, e neste caso particular implica a profundización das relacións entre América do Sur e África»