É a economía Feijóo, é a economía (parte 4)

 

 presentación de  X.Cotelo.

Esta recente presentación gráfica (feita polo camarada Xosé Cotelo) do anterior decreto eólico sírveme para lembrarvos  o que se dixo varias veces neste blogue sobre que Galiza era a gran beneficiaria da resolución do concurso eólico, xa que o 14 por cento da potencia eólica no decreto eólico aprobado na lexislatura anterior (goberno bipartito) quedaba en mans públicas.
E que iso implicaba que Galiza e as galegas e galegos serían os grandes beneficiarios da anterior resolución.

 E que a consellaría de Innovación e Industria, liderada polo conselleiro nacionalista, Fernando Blanco, acordara admitir a trámite, trala resolución da comisión de valoración, un total de 2.290 megavatios eólicos, dos 2.325 que se poderían acoller. O 14,2% ( un total de 325,74) serían cedidos á Xunta de Galiza, xerando nesas circunstancias 30 millóns de euros por ano.

Que o PP o botase abaixo, coa súa chegada ao goberno galego, está influíndo xa na baixada dos orzamentos galegos.

Xa temos falado neste blogue, e non positivamente,  do proxecto de orzamentos que vén de ser presentado polo goberno da Xunta. Tampouco o BNG considera o presuposto do 2.010 bo para Galiza, xa que  reflicte á perfección a situación que as galegas e galegos padecemos desde a chegada do PP ao Executivo: a máis absoluta inacción e parálise dun goberno que carece de alternativas para enfrontar a crise.

Lembra o BNG que, fronte á forte campaña propagandística posta en marcha polo PP, cómpre dicer que éstes non son uns orzamentos sociais, xa que baixan as cifras de gasto dos servizos públicos esenciais como son Sanidade (un 0,8% menos) e Educación (1,1% menos).

Non son os orzamentos que a nación precisa neste difícil momento económico por varios motivos:

As cifras presentadas por Núñez Feijóo non van servir para modificar o modelo produtivo actual. Esquecen a economía do coñecemento e reducen o investimento en educación nun 16,1% respecto de 2009, asi como as partidas destinadas á investigación e desenvolvemento.

Os orzamentos galegos de 2010 non pulan polos sectores produtivos e, de feito, reducen os investimentos no Medio Rural (3,7%) e en Pesca (23,3%).

Tal e como ten denunciado o BNG, o Goberno quer perpetrar unha rebaixa do 11,1% nos investimentos e pretende agochala co “truco” de computar como investimento a privatización dalgunhas infraestructuras públicas e con estas previsións, recortes e rebaixas “non se sae da crise”.

As grandes cifras da Xunta para o ano vindeiro son a mellor proba da campaña de acoso e derrubo do PP contra o idioma, xa que reducen nun 0,3% as partidas de normalización lingüística.

Fica tamén demostrado que os populares minten cando falan de supostos “buratos” deixados polo goberno bipartito, xa que os seus novos orzamentos non consignan ningunha partida para cubrilos.

Fronte a este proxecto, o BNG quer dicer alto e claro que si é posíbel unha política orzamentaria que non abra máis a porta á privatización dos servizos públicos e que invista en xeración de riqueza e na formación do capital humano.

 

Deixa unha resposta