A coincidencia na procura do falso diálogo conservador na Galiza e en Honduras
Publicado en Galiza o 21/10/2009 02:53 por Xosé AntónPublica A Nosa Terra que Anxo Lorenzo, que o denominamos nalgunha ocasión o anxo exterminador do galego,
manifesta a súa vontade de reunión para que o portavoz da plataforma Queremos Galego poida transmitir directamente que accións e medidas do Goberno motivaron a manifestación do pasado domingo.
Pola súa banda, Rei lembra que Lorenzo coñece dabondo as peticións da plataforma Queremos Galego, xa que no pasado tivo reunións con varias organizacións que se integran na mesma.
Fran Rei asegurou que aceptarán reunirse co responsábel de Política Lingüística da Xunta de Galiza unha vez chegue a comunicación formal do goberno (anti)galego, xa que a vontade da plataforma é estar aberta a falar con todo o mundo.
Esta situación, salvando as diferenzas, sóame ao que está acontecer na Honduras do «dialogante» goberno golpista do empresario Roberto Micheletti, onde se ten coñecemento da presenza de mercenarios ex – paramilitares colombianos, os cales teñen como misión defender todo o aparello golpista, encabezado por Micheletti (tamén coñecido como Goriletti) e os militares que a golpe de fusil derrocaron ao presidente lexítimo Mel Zelaya.
En Honduras, despois do golpe de estado contra o presidente constitucional Mel Zelaya, o pobo non se amedrentou e comezou coas manifestacións en contra do goberno de facto, a pesares das nutridas patrullas de militares e policías represores que siguen invariablemente as columnas de hondureños indignados contra a cuadrilla de usurpadores da democracia, encabezada polo xa coñecido Goriletti. O pobo leva en pé días e días, sen descanso, porque a loita é xusta.
Tendo en conta esa situación, coa que non contaba o goberno da ditadura, Goriletti e os seus secuaces organizaron unha reunión con delegados de Zelaya. Mais este últimos saben que o goberno de facto só utiliza a apertura do falso diálogo como un simple mecanismo de distracción política e calculada demora para gañar tempo mentres segue atentando contra a liberdade de expresión e a emisión de pensamento.
Os golpistas, con e non só coas súas plataformas mediáticas, fan uso de manobras para gañar tempo, e prolongar a súa arbitraria permanencia no exercicio do goberno co obxectivo de retardar o retorno ao poder dos demócratas, das forzas políticas que pretenden a transformación social do país en positivo para beneficio dos seus habitantes, mentres amañan unhas eleccións que lles permitan aparecer diante da poboación do país e do entorno como uns novos demócratas, aínda que na realidade buscan un retorno ao pasado. Iso si, semellan estar moi dispostos a consensuar a forma de exterminio.
Por iso, faise difícil de entender que calquera especialista minimamente comprometido co galego aceptase o cargo de Secretario Xeral de Política Lingüística nun goberno ultra – conservador saturado de dirixentes tardofranquistas e falanxistas dos anos 90 que pretenden levar a nosa cultura á absoluta marxinalidade, despois de alcanzar o poder no chamado golpismo mediático (campaña mediática mais rastreira e suxa que se coñeceu no chamado periodo democrático).
Ese diálogo proposto semella a defensa mercenaria dun goberno que usa as estratexias de retardo, para apaciguar conciencias dos que se unen á causa da defensa lexítima do pobo, do seu lexítimo dereito a expresarse, á cultura propia e, como dicía Pilar García Negro, impedir que a grande capacidade simbólica que ten a lingua obre na dirección de reencontrarmos con nós mesmos. E logo que iso contribúa a poder ter un pobo manso, resignado e máis manexábel e reducido dentro do Estado.