Guillerme Vázquez na Asemblea Comarcal de Bergantiños
Publicado en A Costa da Morte o 11/10/2009 03:35 por Xosé AntónOnte venres, 09 de outubro, o portavoz nacional do BNG estivo na comarca de
Bergantiños para coñecer de preto o traballo do nacionalismo nesta bisbarra. Ás 21 horas Guillerme Vázquez participou activamente na asemblea comarcal do BNG de Bergantiños que tivo lugar no Pazo da Cultura. Lembrou que para unha organización política é moi importante a imaxe de marca. E que a do BNG está centrada en Galiza, defendendo os intereses colectivos das galegas e galegos.
Orzamentos do Estado
Comentou Guillerme Vázquez que os principais obstáculos para que o Bloque apoie as contas de 2010 radican en que ve “insuficientes” as partidas para servizos sociais, cobertura por desemprego e innovación; así como en que a reforma fiscal “non grava as grandes fortunas” e, en xeral, porque “non pagan quen máis ten”.
Transferencias e Novo Estatuto
“Nunca imos discutir que se negocien máis transferencias. O pacote que se está a negociar é, con todo, moi modesto. Non vexo moita ambición no Goberno”, dixo Vázquez. E engadiu: “En todo caso, o que necesitamos, máis que completar o vixente Estatuto, é dotar a Galiza dun Novo Estatuto, un Estatuto de Primeira, xusto o que vetou o PP na pasada lexislatura e que actualmente o PSOE tampouco semella apoiar coa súa actitude xacobina. Realmente o PP e PSOE son dúas gotas de auga idénticas.
“Sería ben, polo demais, que o Goberno galego utilizase as súas competencias, as que xa ten, no combate contra a crise económica. Sería ben porque iso é algo que non está facendo”.
Manifestación Queremos Galego
Outra das mensaxes do portavoz nacional á militancia de Bergantiños foi a adhesión á manifestación convocada por Queremos Galego para o 18 de Outubro e o chamamento á cidadanía para que “non se deixe enganar pola propaganda do PP” en materia idiomática .
“É necesario que a sociedade galega se mobilice e digo isto en Carballo, moi perto dunha cidade na que a estrema dereita sociolóxica se está a mobilizar todos os días contra a nosa lingua”, afirmou, ao tempo que considera “impensábel” que “por exemplo, nos EUA se estivese a despregar unha campaña para facer oficial o topónimo The Angels, no canto do orixinario Los Angeles”.
“A verdadeira imposición lingüística que se ten rexistado na historia de Galiza é a do castelán sobre o galego”, lembrou Guillerme Vázquez.
O premio Nobel a Obama
Guillerme Vázquez, facendo referencia ás conversas que mantivera pola mañá coa prensa, cuestionou os méritos do presidente norteamericano para recibir o galardón. Na súa opinión, a xestión de Obama non o valida “até o momento” para recibir tan alta distinción.
“Aínda non fechou Guantánamo, mantén tropas en Iraque e o Afganistán e vai abrir bases militares en Colombia. Non parece a mellor folla de servizos para ser acreedor ao Premio Nobel da Paz.