Archive for Outubro 3rd, 2009

Teatro e realidade social do oprimido

Pido desculpas pola falla de actualización destes días, mais até o luns, e como membro da A.C. Quinta Feira  estou participando nun obradoiro de  Teatro do Oprimido de Augusto Boal organizado por Acsur-Galiza e que constitúe unha das  bases do teatro social actual. Esta metodoloxía permite crear un espazo de traballo no que as persoas darán forma aos conflictos que viven coa sociedade.

Como  o que está o ocurrir co galego, oprimido polos ataques  continuados do PP e ao que se lle está a sumar, día si, dia non, o PSOE coa posibilidade de aceptar a derrogación da Lei de normalización lingüística que promete Feijóo para oficializar topónimos deturpados da nosa nación mentres non fan nada efectivo para frear o incremento do número de parados en Galiza, que  superou ao do Estado Español.

Para defender o noso idioma de tanto ataque masivo,  as mulleres e homes preocupados por estes anuncios de involución debemos mobilizarnos na defensa   da   lei   de   normalización lingüística na manifestación convocada para o vindeiro 18 de outubro pola plataforma Queremos Galego, que sairá ás 12 do mediodía da Alameda de Santiago de Compostela.