Visita de Evo Morales: o que non dixeron os medios de (in)comunicación
Publicado en Mundo o 16/09/2009 02:28 por Xosé AntónSegundo os medios de comunicación españois – moi concentrados en reflectir soamente aspectos folclóricos,
e mostras de agradecemento do presidente Evo Morales –o líder boliviano resaltou na súa visita que España ten moita experiencia en autonomías, polo que pedía as súas reflexións, o seu asesoramento, para implementar as autonomías en Bolivia.
O que non di esa prensa é que 6 de decembro deste ano, os bolivianos elixirán nas urnas ao presidente e ao vicepresidente do país andino, así como aos membros da Asemblea Lexislativa Plurinacional (nome que adoptará o Congreso boliviano no 2010 e do que o estado español debería tomar exemplo).
Tampouco se lle dou repercusión ás palabras do presidente de Bolivia, Evo Morales, cando acusou este martes a Estados Unidos de inxerencia no país andino ao financiar aos partidos opositores bolivianos na campaña electoral das eleccións presidenciais do próximo 6 de decembro.
Nin que o mandatario aymara asegurase que a delegación diplomática de EE.UU. no país suramericano conspirara contra a súa xestión e dixo ter información de que a Axencia de Estados Unidos para o Desenvolvemento Internacional (USAID) paga as campañas electorais dos seus adversarios.
Morales dixo que espera que a embaixada USA non estea implicada outra vez en accións políticas que non lle competen e que se necesita tomar medidas para acabar coas bases estadounidenses en América latina que tanto problema carrexa ao Sur.
Ante unhas seis mil persoas concentradas, non só bolivianos, senón tamén colombianos, ecuatorianos, venezolanos, cubanos, de case toda Suramérica e no medio dun clima festivo no que non faltaron danzas de homenaxe á Pachamama, o líder indíxena defendeu a rebelión permanente contra o saqueo dos recursos naturais no seu país e no mundo.
Morales comentou tamén ao seu homólogo español e ao empresariado o horizonte da súa política insignia, a nacionalización de recursos naturais e ratificou a disposición do seu Goberno para acoller e estreitar relacións con empresas españolas en pé de igualdade e respecto mutuo.
Os medios masivos de información españois, amosando o desprezo habitual aos presidentes do chamado eixo bolivariano, destacaron maioritariamente nas súas crónicas aspectos de pouco calado, como se fosen a prensa rosa, que pouca diferenza hai.