Hoxe iniciouse a campaña para retirar a simboloxía franquista da Laracha
Publicado en A Costa da Morte o 15/09/2009 01:00 por Xosé Antón
A asemblea local do BNG da Laracha iniciou unha campaña para que o goberno
conservador do concello da Laracha retire de inmediato a simboloxía franquista do noso concello. O primeiro paso consiste en entregar nos domicilios información sobre o que significa a Lei da Memoria Histórica, ademais dunha recollida de sinaturas para que todas as persoas que estean de acordo coa iniciativa nacionalista poidan manifestalo. A campaña comezou hoxe na capital larachesa, o domingo 20 deste mes estará na feira de Paiosaco e despois continuará por outros núcleos de poboación da localidade.
A Lei da Memoria Histórica, en vigor desde o 28 de decembro de 2007, establece que:
“As administracións públicas, no exercicio das súas competencias, adoptarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”.
Que fai o goberno (PP) do concello da Laracha?
Como se estivese reivindicándose como sucesor da extrema dereita golpista segue a homenaxear aos responsábeis da sublevación militar, honrando aos represores cos nomes de prazas e rúas da ditadura franquista na praza do concello, onde continua a placa co nome oficial de praza do Generalísimo Franco. O mesmo ocorre na vila de Caión, coas rúas Carrero Blanco e travesías da mesma.
Non debemos esquecer que a postura do PP local non é unha receita caseira, xa que o voceiro municipal do Partido Popular na Coruña, Carlos Negreira, afirmou que habería que reflexionar sobre a permanencia da estatua que hai na honra do xeneral golpista (e despois xefe de prensa e propaganda do réxime de Franco) Millán-Astray na cidade coruñesa o que ‘podería levar’ á conclusión de que debe manterse, malia a Lei de Memoria Histórica.
Para evitar que se siga honrando a eses represores golpistas o BNG esixe a retirada inmediata da simboloxía franquista do concello.