É a economía idiota, é a economía! (parte 3)
Publicado en Galiza o 17/09/2009 00:52 por Xosé Antón
O ex –presidente dos EE.UU. Bill Clinton é recordado por usar a frase »É a economía, idiota» para criticar ao
Presidente George H. W. Bush. Clinton enfocaba a súa mensaxe nos temas que lle importaban aos cidadáns, como o desenvolvemento económico, o sistema educativo e o servizo sanitario.
Esa frase debería adicarlla tamén a Núñez Feijóo, pois o seu executivo segue sendo un gris goberno paralizado no que só está a funcionar a súa plataforma mediática, a despilfarradora e extremista brigada de demolicións da autoestima d@s galeg@s e dos programas eficaces do anterior goberno bipartito da Xunta de Galiza. Para o desmantelamento das políticas transformadoras e para promover o racismo lingüístico teñen cartos dabondo; para as políticas sociais, educativas ou investimentos que garantan o benestar da poboación teñen o caixón cheo de telarañas.
Onte, o (seica) goberno da Xunta de Galiza avanzou que o orzamento de ingresos non financeiros da Xunta para 2010 caerá a niveis de 2006, un 13 por cento. A conselleira de economía, nunha reunión mantida cos voceiros de Economía dos tres grupos parlamentarios, prevé unha redución de 1.500 millóns, debido a unha baixada do 16,5 por cento dos ingresos a conta do Estado e outra do 33 por cento correspondente ao Imposto de Transmisións Patrimoniais.
O deputado Fernando Blanco (BNG) criticou que o Goberno galego non cumpra coas súas promesas electorais, que o avance do orzamento non inclúe alternativas para dar solución aos problemas do País agás a “resignación e reclamou que se reforce o gasto público (afecta positivamente nas maiorías sociais) e se aposte polo investimento produtivo. O deputado nacionalista debía referirse neste segundo apartado ao investimento previsto no desenvolvemento do concurso eólico que o PP paralizou.
Ese investimento era de 2.744 millóns de euros que, sumados aos 1.400 millóns de euros dos proxectos industriais asociados, xerarían arredor de 8.000 postos de traballo, aos que habería que sumar 3.100 empregos para a propia construción dos parques eólicos. O 50% dos beneficios que recibise o Goberno Galego irían destinados a obras e proxectos nos concellos directamente afectados polas instalacións e as comunidades de propietarios.
Salvando as grandes diferencias ideolóxicas, coinciden Clinton e Guillerme Vázquez cando este último afirma que o goberno do PP concibe “a sanidade ou o ensino como un negocio privado” e de ahí as súas actuacións “nun comezo de curso dos máis conflitivos en anos”.
O portavoz nacional aportou dados para respaldar a súa afirmación como o incremento de 15 unidades no ensino privado, mentres diminúen en 154 as unidades do ensino público, o peche de 23 escolas públicas ou a eliminación de 249 postos de traballo.
“En catro anos, o goberno de Feijóo vai destinar máis de 1.000 ME ao ensino privado, mentres que no público faltan profesores de apoio e prazas nos comedores escolares e eliminan a gratuidade dos libros de texto”, aseverou Guillerme Vázquez.
O líder nacionalista criticou con dureza a decisión do goberno popular de subvencionar con 258 ME -o 11% do total do orzamento de educación- os centros concertados e, en concreto, a liña de 3 ME destinados a centros que segregan aos seus alumnos por sexo. “Isto é ilegal porque incumpre a LOE e o decreto de admisión de alumnos segundo o cal non se pode discriminar a ningún estudante por razón de raza, relixión, crenzas ou sexo, pero tampouco me extrañan este tipo de políticas ideolóxicas do PP, de dereita, que encaixan ben con algunhas manifestacións dos seus dirixentes, por exemplo, defendendo a figura de Millán Astray”, afirmou o líder do BNG.
Co até agora dito, queda claro que, ademais dun goberno serio que non faga o espantoso ridículo do acomplexado executivo actual, Galiza precisa un novo Sistema Financieiro no que – lembran na Cutareira - sexamos nós quen recademos todos os impostos que soportamos galegas e galegos sen necesidade de que estes cartos vaian directamente a Madrid para que sexa logo o Estado quen nos devolva parte deles e que aínda por enriba que nos queiran facer crer que non somos capaces de subsistir por nós mesmos, e que dependemos totalmente das «esmolas» que nos concede o «papá Estado». O Estado recada en Galiza 4.500 millóns de euros máis do que destina á comunidade en concepto de financiamento para as competencias que ten transferidas.