É a economía Feijóo, é a economía!
Publicado en Galiza o 02/09/2009 20:20 por Xosé Antón
Unha xestión absolutamente desnortada, antigalega, que leva á confusión ao pobo, con aplicación de políticas
que resultaron ser unhas verdadeiras trapalladas, sen desenvolver ningunha acción de mellora da calidade de vida das galegas e galegos e aprobación do financiamento de políticas educativas ultraconservadoras son algunhas das cartas que lle pode presentar o actual goberno da Xunta de Galiza, cando comeza o novo curso político, ao Parlamento Galego.
Foi relativamente doado, co forte apoio da plataforma mediática conservadora (con La Voz de Galicia á cabeza) romper un xeito serio de goberno da anterior lexislatura. Agora o problema non é só saber que facer cos cachos, senón que, se non se che pasa pola cabeza volver unilos, saber deseñar e desenvolver un programa de goberno positivo para o país. Cada vez queda máis claro, xa o dicía Fernando Blanco, que a cidadanía galega percibe que a xeración TUCSIM do PP no goberno da Xunta segue en campaña electoral, que non goberna, pero paraliza as grandes accións do anterior goberno sen poñer ningunha medida alternativa eficiente sobre a mesa. Pois queda claro que a día de hoxe o Goberno TUCSIM segue sen reaccionar.
Señores TUCSIM, o seu presidente prometera que en 45 días o cobro das axudas para dependentes estaría arranxado. Non se fixo. E logo, xa non son necesarias?
Que pasa co crise do sector lácteo? Soluciónase co peche de granxas como dixo o actual conselleiro conservador de medio Rural? Paralizouse a creación do Grupo Lácteo Galego cando o PP derrogou o decreto eólico en contra dos intereses de toda Galiza. Para darllo aos seus amigos? Con todo o que pasou até o día de hoxe, os TUCSIM conforman un goberno da Xunta paralizado que só fai traballar a súa brigada de demolicións.
Así o percibe tamén portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pois considera que a economía será o eixo central para o nacionalismo neste novo curso político, marcado de xeito ineludíbel pola situación económica de crise e de aumento do desemprego que está a afectar á sociedade.
Lembra o portavoz nacional que cando o PP era oposición tiña receitas máis que abondosas para facer fronte a esta situación. Mais, agora non teñen ningunha medida concreta que trate de paliar cando menos os efectos desta crise.
A austeridade de Feijoo é inexistente
A austeridade de Feijoo é inexistente: están gastando máis que o goberno anterior e pola contra hai unha parálise absoluta”.o número de desempregados en Galiza alcanzara no mes de agosto as 195.241 persoas, ao aumentar nun 1,24 por cento.
Ante estas cifras, Vázquez criticou que a Xunta «non acometera ningunha medida» para frear o desemprego durante os catros meses que o PP leva á fronte do Goberno autonómico. Neste sentido, preguntouse «a que se dedicaron» os máis de 1.200 millóns de euros do Plan anticrise anunciado en xuño.
Outros temas que o BNG xulga importantes para este novo curso político son o das caixas de aforros galegas do que o Goberno galego sigue na indefinición o do Estatuto de nación, a defensa dos servizos públicos como a sanidade ou o ensino, a lingua ou o concurso eólico.