A Escola da Ignorancia como obxectivo prioritario do (des)goberno de Núñez Feijóo?
Publicado en Galiza o 20/09/2009 21:33 por Xosé Antón
Esta semana arrancou o curso e comeza con tensións producidas polos recortes sociais, recorte de profesorado, reagrupamento de alumnos, folgas ou mobilizacións nas EOI, incumprimentos no financiamento da Universidade…
Semella que o goberno da Xunta de Galiza, guiándose polas normas do capitalismo posmoderno, do
ultraliberalismo conservador, iniciou no noso país un peculiar axuste entre a produtividade e a educación pública. Se nos guiamos por esta premisa e pola diversa información publicada, é acertado dicir que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encabeza un ataque ao ensino público sen precedentes nos últimos anos, aplicando a teoría educativa do ultraliberal estadounidense Zbigniew Brzezinski, á que Jean Claude Michéa que lle chama “a escola da ignorancia”. Se o goberno dos TUCSIM consegue aplicar esa teoría educativa estariamos a falar dunha vindeira desintegración social para a maioría social na Galiza.
Dese xeito, por unha parte pretenderíase unha educación de excelente calidade para as elites sociais, outra de simples competencias técnicas medias que trate de adquisición de habilidades temporais para persoas temporalmente humanas, tan temporalmente humanas como lles duren as posibilidades de producir para o sistema. E…
unha terceira e máis numerosa, esa á que Jean Claude Michéa lle chama “A Escola da Ignorancia”, cun obxectivo terríbel: a produción sistemática de consumidores manipulables, inmaduros, outro das engrenaxes necesarias para que a roda da mundialización – globalización siga mantendo e avanzando o sistema que lle interesa á poderosa elite económica.
Para que esta situación sexa socialmente aceptada con “normalidade” na Galiza hai que dar varios pasos (moitos xa están dados):
O primeiro é que o poder económico, mediático e político coincidan simultaneamente no mesmo escenario durante o tempo necesario para cumprir os obxectivos que marca a ideoloxía Brzezinski.
Despois varios transversais:
a) Reducir o gasto social en termos absolutos nos orzamentos, eliminar os servizos públicos como servizos universais e deixalos en beneficencia. Se a poboación non se pode pagar os privados alcanzase unha rebaixa absoluta da calidade e unha degradación absoluta nos servizos públicos (benestar ao que antes si que tiña dereito). Prescindir ou paralizar servizos (alegando problemas xurídicos de diversa índole – escoller o que mellor cadre dunha lista que se considere acaída ás circunstancias) que cumprían funcións moi importantes. Por exemplo, para que as mulleres poidan conciliar a vida laboral e familiar.
Esa redución do gasto social maquíllase como austeridade dun goberno serio que non quere despilfarrar e, a través da plataforma mediática, repítese continuamente o que o poder emite até que cale na sociedade.
b) Eliminar a calidade educativa e os investimentos no ensino público, pechar escolas públicas, tensionar con imposicións de normativas gubernamentais que vulneran dereitos dos traballadores, eliminar postos de traballo, o que incide negativamente na calidade educativa. Adicar centos de millóns de euros ao ensino privado, entre eles varios millóns de euros para colexios que segregan ao alumnado por sexos mentres se aplican recortes no ensino público. Promover gastos superfluos en campañas e medidas destinadas a reducir a presenza da cultura e idioma propio nas escolas. Eliminar comedores escolares e outras medidas sociais de apoio. Seguir facendo uso masivo da plataforma mediática que o elevou de novo ao poder para manterse nel.
Cal é a razón de que os poderosos pretendan eliminar a calidade na educación e o benestar social?
A oligarquía tenlle medo á educación de calidade para a maioría social, porque eles queren o modelo de educación para a dominación, onde o pobo sexa un sumiso consumidor adestrado para ser facilmente manipulable.
Os informes dos expertos sinalan que coa nova economía deseñada para o benestar da oligarquía esixiranse poucos especialistas técnicos; a tecnoloxía permite que uns poucos especialistas desenvolvan os sistemas necesarios para o funcionamento das empresas, poucas e con poucos especialistas, grazas aos procesos de fusión empresarial. A longo prazo, este sistema económico non poderá absorber unha masa de cidadáns ben preparados. Dese xeito a escola de calidade será necesaria, pero só para uns poucos. O resto do sistema educativo, para este capitalismo inhumano, é mellor que non funcione. A conflitividade derivada dun sistema educativo xeneralizado e de alta calidade non podería ser soportada neste sistema económico, onde moitos individuos ben preparados deberían competir por moi poucos postos de traballo. Mellor deixalo todo en mans dun falso sistema de selección natural onde uns poucos exemplares excelentes da elite económica e social xestionarán o sistema. A educación universal e de calidade non é un obxectivo político na sociedade ultra liberal, conservadora ou mesmo liberal.
Esta argumentación non é unha película de ficción sobre a política educativa. Foi estudada e debatida, segundo os documentos sinalados na “escola da ignorancia” de Jean-Claude Michéa (profesor de Filosofía en Montpelliery) e trata sobre as elites económico-políticas da globalización.
Nesta publicación ( tocoume como tema a estudar en comunicación educativa) exponse que no próximo século, dúas décimas partes da poboación activa serían suficientes para manter a actividade da economía mundial para que a elite mundial manteña a gobernabilidade do oitenta por cento da humanidade sobrante, cuxa inutilidade fora programada pola lóxica liberal.
A proposta de reforma destinada a reconfigurar o aparello educativo foi obra do ultraliberal estadounidense Zbigniew Brzezinski co nome de “tittytainment” e que está configurado para o terceiro dos seguintes apartados dos niveles educativos deseñados:
1. Un sector de excelencia, destinado a formar ás distintas elites científicas, técnicas e de xestión ao máis alto nivel. Estas serán cada vez máis necesarias a medida que a guerra económica mundial se vaia recrudecendo.
2. Competencias técnicas medias que trate de adquisición de habilidades que, desde unha perspectiva capitalista, con saberes temporais (dos que despois se vai prescindir), tan prescindíbeis como os humanos que os posúan.
3. A Educación Lixo para a grande maioría, para a maioría social aos que o sistema destina a seguir desempregados (ou empregados en precario nos distintos traballos lixo). Nunca constituirán un mercado rendible xa que a súa exclusión social agudizarase a medida que os outros sigan progresando. É nesta escola para a maioría onde deberá ensinarse a ignorancia en todas as súas formas posibles. A escola da ignorancia tamén requirirá reeducar aos profesores, é dicir, obrigarlles a “traballar de forma distinta “, baixo o despotismo ilustrado dun exército potente e ben organizado de expertos en “ciencias da educación para adestrar ao alumno na perda da posibilidade de recoñecer instantaneamente a que é importante e o que é accesorio ou está fóra de lugar. É dicir, a necesidade de transformar ao alumno en consumidor incívico e, se é necesario, violento, sendo unha tarefa que expón infinitamente menos problemas. Neste caso, basta con prohibir toda institución cívica eficaz e substituíla por calquera forma de “educación cidadá” popurrí conceptual máis doado de difundir porque, en resumidas contas, non fai senón reforzar o discurso dominante dos medios e o mundo do espectáculo. Así pois, poderanse fabricar “consumidores de dereito” en serie, intolerantes e pleiteistas entre os do seu entorno social, no seu novo ecosistema e politicamente correctos.
Xa que logo, serán facilmente manipulables para que a oligarquía siga gozando do seu paraíso natural.