Trapalladas TUCSIM presenta…
Publicado en Galiza o 11/08/2009 00:50 por Xosé AntónO xa estreado ultraconservador goberno na Xunta, puxo como director da Axencia Galega das Industrias Culturais
(Agadic) a Xoán Carlos Fernández Fasero. Era o 3 de Xullo e só 20 días despois, o organismo emitía a primeira orde de axudas desta nova etapa co PP á fronte da Xunta: tres das partidas de subvencións foron reservadas á empresa do propio director. Para que se note que gobernan eles. Faltaría máis!
E como os poderosos son os que marcan o camiño a seguir ou moven os fíos do poder con este desgoberno, a Xunta aproba o ERE da empresa Caramelo, de Manuel Jove, malia que a CIG, o sindicato maioritario, afirma que os traballadores non lle deron o seu respaldo e recurrerán ante os tribunais a resolución do Executivo. A empresa cobrara 13 millóns de euros en subvencións da Xunta antes de iniciar os trámites para o Expediente de Regulación de Emprego e agora o goberno TUCSIM da Xunta aproba ese expediente (ERE) presentado por Caramelo, que afecta 237 dos 447 traballadores.
Pois xa que falamos de uso dos cartos públicos, ou sexa de economía, o (seica)presidente da Xunta de Galiza adiantou que o orzamento da Xunta para 2010 terá un orzamento inferior aos exercicios do anterior goberno bipartito.
Home claro, nun escenario de caída dos ingresos, cepíllase o decreto eólico de xeito insensato e perdes 2.744 millóns de euros máis 1.400 millóns de euros dos proxectos industriais asociados, co que se esfuman 11.100 empregos. Que esperabas Feijoocito?
Por se non chegara, dálles cartos a feixes aos colexios privados que discriminan ao alumnado por cuestión de xénero ou privatiza os servizos sociais. Así vai o país… e alguén terá que explicarlle ao pobo que as consecuencias das mentiras do PP na anterior campaña electoral poden baterlle na cara ao pobo como un pelotazo. Aínda que ao PP semella non importarlle, ou si lle interesa o pelotazo?
Como dicía o Portavoz Nacional do BNG, Guillerme Vázquez: A decisión do goberno popular de derrogar o concurso eólico non se sustenta na legalidade, senón que tenta facilitar un megapelotazo que se vai producir nun tempo e abre un proceso de inseguridade xurídica.
Guillerme Vázquez situou esta decisión do PP na súa política para restar capacidade de decisión a Galiza e advertiu de que en política, non todo vale e hai que dicirlle a verdade á xente, polo que retou a Feijóo a que explique a que intereses responde esta decisión.
A solución aos problemas de Galiza, para Núñez Feijóo, pasa derogar o decreto do galego xa que os pais prefiren un ensino en castelán.
Que entenderán estes elementos antigalegos por gobernar?