O imperio contraataca e o pobo hondureño resiste. O efecto das bases militares en Colombia, parte 2.
Publicado en Mundo o 27/08/2009 23:07 por Xosé AntónVideo 1 do programa Dossier presentado por Walter Martínez que explica de xeito sinxelo o asunto (25.08.09)
Video 2 do programa Dossier presentado por Walter Martínez que fala da reunión da OEA e dos efectos perigosos das bases norteamericanas no narcoestado colombiano.
Manuel Zelaya, presidente constitucional hondureño, debe volver ao poder inmediatamente e sen condicións, así o quere o pobo. Aos manifestantes non lles amedrentan as nutridas patrullas de militares e policías represores que siguen invariablemente as columnas de hondureños indignados contra a cuadrilla de usurpadores da democracia, encabezada polo empresario golpista, Micheletti.
O pobo leva en pé 60 días e non se cansan, porque a nosa loita é xusta, dixo o dirixente labrego Rafael Alegría nun dos seus discursos durante a longa camiñada de onte. Alegría estaba á fronte dunha extensa columna humana que se desprazou lentamente pola capital, Tegucigalpa.
A intensa actividade de onte mércores completouna unha caravana de vehículos que percorreu barriadas e avenidas de Tegucigalpa, iniciada apenas dúas horas despois de concluída a manifestación diante da embaixada de Estados Unidos.
O Golpe de estado en Honduras e o acordo militar subscrito entre os gobernos de Colombia e Estados Unidos, son feitos diferentes pero baixo unha mesma metodoloxía de inxerencia, de acordo coa análise do filósofo político, Miguel Angel Pérez.
A isto habería que unirlle a influencia da conexión israelí, pois cada vez é maior a asesoría de intelixencia militar e a importancia do armamento dese país en Colombia.
Na conferencia celebrada onte por membros do Parlamento Andino, o profesor Luís Bigott informou que as bases militares que os Estados Unidos instalarán en Colombia contarán coa presenza de elementos do servizo de intelixencia de Gran Bretaña e do Mossad de Israel, e os coñecidos contratistas (mercenarios) o cal significa que se conforman unhas estruturas completas para a dominación de América do Sur.
Tamén o presidente venezolano, Hugo Chávez, afirmara que o transfondo dos golpe de estado e as bases militares en Colombia é apoderarse dos recursos da rexión. EEUU ten un interese perverso nos cuantiosos recursos naturais e enerxéticos que posúen Brasil e Venezuela.
Sostivo que o interese, ademais do petróleo venezolano da Franxa do Orinoco, está no Amazonas e a reserva de petróleo que Brasil descubriu recentemente, o acuífero máis grande do mundo O Paraná-Río da Prata que está en catro países: Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai.
Eles saben, en palabras do presidente Hugo Chávez, que para tomar a Faixa do Orinoco deben facer moitas cousas. Unha delas tombar o goberno bolivariano, porque saben que nunca terían acceso ás grandes reservas de petróleo e de gas.
O presidente de Bolivia, Evo Morales, anunciou onte mércores que suxerirá no cumio de Unión de Nacións Suramericanas (Unasur) que se realice un referendo en América Latina para que sexan os pobos os que decidan se están ou non de acordo coa instalación de sete bases estadounidenses en Colombia.
“Se o presidente colombiano (Álvaro Uribe) non quere retirar as bases militares de Colombia, por que non ir a un referendo de Suramérica (…) Que os pobos decidan e non sexa o imperio que impoña esas bases militares en Suramérica”, dixo Morales.
O asunto desatou preocupacións ao longo da rexión e o ministro de Relacións Exteriores de Brasil, Celso Amorim, dixo o xoves que Colombia debe atender as consideracións dos seus países veciños. Brasil optou, ante a presenza cada vez maior de EE.UU. na rexión, por dar un xiro significativo á súa política de defensa.
Os motivos deste cambio foron explicados polo propio Lula: “As fronteiras terrestres, as augas xurisdiccionais e o espazo aéreo das dimensións dun país como Brasil demandan unhas Forzas Armadas moi ben equipadas e adestradas para a defensa dos intereses nacionais”.
Líderes rexionais reuniranse mañá venres en Arxentina para un cumio do grupo Unasur, onde os gobernos teñen previsto discutir o plan de utilización de bases en Colombia. Brasil invitou ao presidente estadounidense, Barack Obama, a asistir ao encontro para disipar as preocupacións sobre o tema.
Continúan as valentes manifestacións
As manifestacións contra o golpe militar ( do pasado 28 de xuño) en Honduras cumpren hoxe 61 días consecutivos, e os seus líderes aseguran que o reclamo de volta á democracia manterase o tempo que sexa necesario até lograr a restitución do fío constitucional. A dirixente indíxena Berta Cáceres explicou que entre as accións de resistencia pacífica prográmanse encontros educativos coa poboación dos barrios sobre o significado e consecuencias da asonada militar do 28 de xuño pasado.
“Esta é unha batalla de cada día e estase consolidando o triunfo do pobo”, dixo o coordinador xeral da Fronte Nacional contra o golpe de estado, Juan Barahona.
Igual ca marcha de onte, a semana pasada realizouse unha de máis de catro horas de duración e percorreu a capital para esixir a restitución do estado de dereito e do presidente constitucional, José Manuel Zelaya.
Achégase o triunfo do pobo, porque a resistencia non é só na capital, senón nos 18 departamentos do país, dixo Barahona nun mitin, celebrado a uns 300 metros do cuartel xeral das forzas armadas.
Namentres, a “xustiza” fascista segue ditando sentenzas contra as persoas detidas a semana pasada durante as manifestacións pacíficas na capital, a cal os avogados da defensa anunciaron apelarán por inxusta.
Membros da Fronte de Avogados contra o Golpe anunciaron que apelarán a sentenza, pois consideraron que a fiscalía non achegou probas contundentes nin tomou en conta as torturas sufridas polos detidos.
Dos presos políticos pola ditadura, 11 atópanse en condicións infrahumanas na Penitenciaría Nacional Marco Aurelio Soto.
“Estes compañeiros exercían o seu dereito á manifestación pacífica en Tegucigalpa; con todo están acusados por delitos como roubo, sedición e dano á propiedade privada e pública”, advirten.
Agregan que se descoñece cantos máis detidos ou procesados hai no país, pois en moitos casos os axentes policiais adoitan negar a existencia de detidos.
Estes feitos, son parte da guerra psicolóxica e xudicial que emprende a ditadura, para amedrentar ao pobo hondureño e conter a resistencia popular, en uso do lexítimo dereito constitucional á desobediencia civil contra un goberno usurpador da democracia.
Indican desde os colectivos contra o golpe de estado que polo simple feito de reclamar en forma pacífica o retorno á orde constitucional, moitos cidadáns recibiron salvaxes malleiras e torturas.
O goberno golpista prepara novas detencións de opositores mediante procesos xudiciais amañados e causas inventadas, denunciou a Fronte Nacional contra o Golpe de estado, en comunicado, informou Prensa Latina.
Docentes contra o golpe
Bertín Alfaro, que é o presidente do Sindicato Profesional de Docentes de Honduras (o gremio máis grande e organizado da resistencia contra o golpe de estado) advirte que Estados Unidos é o autor da asonada militar. E que uns 2000 hondureños estanse adestrando en Nicaragua para unha defensa armada (consideran que ruta diplomática xa se esgotou xa que o prezo desa estratexia foi ducias de persoas asasinadas, vintenas de persoas desaparecidas, centos de persoas feridas e miles detidas).
Honduras é un país moi pequeno. E o pobo sabe moi ben quen son os principais golpistas. Tamén se sabe que o asesor de seguridade de Roberto Micheletti, Billy Joya, e os seus sinistros cómplices, contan cunha lista de morte que inclúe máis de cen dirixentes populares. Nesas circunstancias non consideran posible evitar a violencia armada. Os dirixentes do movemento popular en Honduras non van esperar a brazos cruzados mentres os escuadróns da morte do réxime golpista asasinen e intimiden ás súas familias baixo a vista compracente do goberno de Estados Unidos.
Alfaro témelle a esta opción xa que o pobo debe resistir de forma pacífica até lograr a restitución do presidente Mel Zelaya.
O golpe marcou unha gran crise na vida democrática de Honduras, seguida dunha flagrante violación aos dereitos humanos. Os traballadores da educación asumen un rol protagonista, sumados á resistencia. Entre os obreiros, os mestres e os campesiños hai unha consigna que se grita permanentemente, “Aquí ninguén se rende”, até que se restableza a orde democrática.
Bertin Alfaro afirma que o golpe de estado foi perpetrado pola Igrexa, a Corte, as Forzas Armadas, os medios de comunicación influentes e os políticos tradicionais. Pero os autores intelectuais do golpe atópanse no norte do continente.
Logo da resolución da OEA todos os países apoiaron a Zelaya. Estados Unidos fixo pouco e nada; é o único país que ten unha relación permanente cos golpistas.
Voces contra do golpe
Centos de cidadáns hondureños que se opón ao réxime de facto de Roberto Micheletti e ás súas políticas de represión, asistiron este domingo ao concerto “Voces contra o golpe”, realizado en Tegucigalpa, no que demandaron a restitución da orde constitucional na nación, interrompido o pasado 28 de xuño, cando forzas militares golpistas derrocaron ao presidente lexítimo do país, Manuel Zelaya. Interviñeron grupos de teatro, cantantes e agrupacións musicais de Venezuela, Arxentina, Nicaragua e hondureños.
“Voces contra o golpe”, actividade que foi organizada pola Fronte Nacional de Resistencia contra o Golpe do 28 de xuño pasado, levou a cabo á beira da Universidade Nacional Autónoma de Honduras, en Tegucigalpa, coa finalidade de garantir a asistencia gratuíta. Este centro de educación superior foi testemuña recentemente da represión policial.
A orde para deter a Mel Zelaya dérona os militares estadounidenses
O presidente de Venezuela, Hugo Chávez, asegurou a semana pasada que a orde para que detivesen ao seu par hondureño, Manuel Zelaya, a madrugada do 28 de xuño pasado (cando foi secuestrado e expulsado do seu país), deuna os militares estadounidenses, non os locais.
“A orde para que as tropas detivesen esa madrugada a Zelaya (…) deuna os xefes militares ianquis na base Palmerola”, denunciou o mandatario quen asegurou que a información foille fornecida por militares hondureños que pediron o anonimato.
A información deuna nun contacto telefónico coa estatal Venezolana de Televisión (VTV).
Instan á Casa Branca a que force a retirada do poder dos golpistas
Países como Venezuela e Arxentina, e até o propio Zelaya, instaron á Casa Branca a que exerza máis presión sobre o goberno de facto de Tegucigalpa, para lograr o seu retiro do poder.
Os países máis influentes como Estados Unidos “poden facer un pouco máis” para restablecer a democracia en Honduras, dixo o chanceler arxentino, Jorge Taiana.
Con todo, o goberno de Estados Unidos (para facer o paripé) reuniuse cunha delegación do goberno de facto de Roberto Micheletti, como parte do plan do mandatario costarriqueño, Óscar Arias, para “restaurar a democracia” en Honduras.
Así o afirmou o portavoz do Departamento de Estado USA, Ian Kelly, quen ademais adiantou que “dentro do contexto desas reunións haberá un grupo de funcionarios do Departamento de Estado que vai conversar con eles, sempre dentro do contexto de intentar mover esta situación cara a unha resolución pacífica, cara á restauración do poder democrático e constitucional en Honduras”.
Igualmente Kelly aclarou que o aceptar esta reunión non implica que o goberno estadounidense recoñeza o réxime de facto de Micheletti.
O presidente golpista hondureño, Micheletti, afirmou que o seu goberno usurpador poderá “subsistir totalmente” sen relacións diplomáticas cos países que conforman a Unión de Nacións Suramericanas (Unasur), en resposta á serie de expulsións de diplomáticos hondureños que foron descoñecidos e expulsados polas nacións suramericanas por responder ao seu goberno e non a Zelaya.
“Non nos preocupa que nun momento determinado eles non recoñezan o noso goberno, porque non temos unha razón que nos motive a buscar unha relación” coa Unasur, “pero si con Estados Unidos”, afirmou o mandatario golpista.
Debemos lembrar que expertos en política internacional din que as transnacionais de Estados Unidos son as que se beneficiaron durante décadas dun sistema de concesións tributarias de parte do goberno de Honduras totalmente favorable a elas para así acumular indebidas ganancias multimillonarias ano tras ano. E que Estados Unidos equipou o exército hondureño para asasinar, desaparecer e encarcerar á heroica resistencia popular hondureña. É Estados Unidos que interveu constantemente nas políticas dos gobernos de Honduras en contra dos intereses da maioría empobrecida.
E agora Barack Obama, oportunista e hipócrita consumado, mófase de que el non pode apertar algún botón para apoiar ao presidente constitucional, Manuel Zelaya, cando llo piden os países da Organización de estados Americanos.
En canto ao non recoñecemento á súa xestión de parte da comunidade internacional, Micheletti dixo que é unha “posición temporal”, pois os gobernantes actuais de Sudamérica van concluír os seus mandatos e os seus sucesores poden ter unha opinión diferente (sempre que gañe a dereita de eses países as eleccións).
A OEA perde credibilidade pola paciencia ante os golpistas
Aínda non existe disposición para que sexa aceptado plenamente o acordo de San José, dixo onte a misión da Organización de Estados Americanos (OEA) encabezada polo secretario xeral, José Miguel Insulza, tras soster un encontro co gobernante hondureño de facto, Roberto Micheletti, quen á súa vez reiterou que este país pode saír adiante sen apoio da comunidade internacional.
O embaixador de Venezuela ante a Organización de Estados Americanos (OEA), Roy Chaderton Matos, sostivo que a lentitude da OEA fronte ao Golpe de estado contra o presidente Manuel Zelaya pon en xogo a credibilidade e fortaleza da OEA.
“Hoxe estamos enfrontados á lentitude do tema, porque é evidente que esta xente (Goberno de facto) o que está tratando é gañar tempo (…) e chegar ao feito cumprido dunhas eleccións e non teñamos mais remedio que lexitimar ou recoñecer os resultados dun proceso electoral que desde xa cualificamos como viciados”, advertiu.
Sostivo ademais que esta lentitude “obrigará á resistencia hondureña a tomar eventualmente outros camiños se a súa paciencia e conduta cívica non é retribuída polos resultados da xestión diplomática”.
“Entón acá está en xogo non soamente a fortaleza, senón a credibilidade da OEA e a Carta Democrática e de todos os que formamos parte desta orquestra onde cada un ten os seus propios instrumentos e con eles acompaña as pezas musicais de liberdade e democracia que debemos tocar”, puntualizou o diplomático venezolano.
Micheletti quere en novembro unhas eleccións amañadas que o perpetúe no poder
O ministro de Relacións Exteriores de Arxentina, Jorge Taiana, advertiu que non se recoñecerá a goberno algún en Honduras que xurda das eleccións previstas para o 29 de novembro a través dun proceso conducido polo réxime de facto encabezado polo empresario Roberto Micheletti.
“Certamente é fundamental que as persoas que detentan o poder de facto comprendan que non vai haber un recoñecemento de ningún goberno xurdido de eleccións conducidas por un goberno golpista”, dixo Jorge Taiana antes de que o réxime de facto hondureño anunciase a ruptura das súas relacións diplomáticas con Arxentina.
“O restablecemento do presidente constitucional Manuel Zelaya en Honduras transcende longamente a súa situación interna por máis dramática que esta sexa. É un feito que afecta a todos os países porque (o golpe) crearía un precedente inaceptable para os países que queremos consolidar as democracias na rexión”, subliñou.
O 13 de agosto pasado o goberno de Cristina Kirchner cesou nas súas funcións á embaixadora hondureña en Arxentina, Carmen Eleonora Ortez Williams, por apoiar o golpe de estado no seu país e tras aceptar un pedido nese sentido do deposto presidente Zelaya.
A economía na zona pode verse afectada?
Todo indica que si. O caso de Honduras xa se comentou nun artigo anterior neste blogue. E a Colombia?
Pode perder moitos ingresos. O ministro venezolano do Poder Popular para o Comercio, Eduardo Samán, reiterou que os produtos comprados por Venezuela a Colombia poderanse substituír na súa totalidade. Para iso contan con Brasil, Arxentina e cos gobernos progresistas que conforman o ALBA.
Unha delegación de empresarios brasileiros e outra arxentina xa iniciaron visitas, nese sentido, a Venezuela
“Se o goberno de Colombia non desiste de instalar esas bases militares, consideramos que nun ano podemos ter substituída case a totalidade (das importacións)”, sinalou o titular de Comercio, este xoves, e manifestou que se espera, nos próximos seis meses substituír cerca do 60% das importacións que se fan desde Colombia.
O presidente da República, Hugo Chávez, instou ao chanceler Nicolás Maduro a estar preparado para a ruptura das relacións con Colombia, xa que a situación actual é perigosa para Venezuela:
O estado colombiano non está interesado “en acabar co narcotráfico, porque é unha nación que vive diso. Viven dunha narcoeconomía”. Colombia transformouse nun narcoestado e nunha base de operación ianqui que nos ameaza a nós e a todo o continente, expuxo o xefe de Estado venezolano.