La Voz de Galicia, Facebook e a Cia. A continua manipulación, as mobilizacións de sectores da dereita e as mentiras en contra de Hugo Chávez.
Publicado en Galiza, Mundo o 30/08/2009 01:39 por Xosé AntónLa Voz de Galicia e a continua manipulación. Agora fai de altofalante da ultradereita colombiana en contra do presidente venezolano, Hugo Chávez.
Amosáronme un recorte do periódico “ La Voz de Galicia” no que, como noutras ocasións, se deturpaba a realidade. O artigo titulábase «Chávez amenaza con reventar hoy la cumbre de los países sudamericanos». Daba a impresión que o perigo estaba no discurso a favor do debate na Unión das Nacións Sudamericanas do presidente venezolano e non na instalación das bases USA que rexeita a grande maioría dos países suramericanos, menos os gobernos de Colombia e Perú (con gobernos seguidistas, serviles de EE.UU.)
Uns gobernos rechamantes os de estes dous países. Perú até ten asilados a varias persoas que teñen abertos expedientes xudiciais nos seus propios países por presunta corrupción. Os seus presidentes son considerados uns lacaios de Estados Unidos polos sectores da esquerda política do hemisferio sur e, lembran varios analistas e até dirixentes políticos, que integrantes do Goberno de Uribe están apresados por narcotraficantes, nun país onde ser sindicalista ten perigo de morte (durante o 2008 foron asasinados 76 sindicalistas en todo o mundo, 46 desas mortes ocorreron en Colombia). Esta situación sitúa a ese país como o máis perigoso para desenvolver calquera actividade sindical.
Diso nada se dicía, mais ao final do tendencioso artigo a “Voz” publica unha “verdade a medias”: que en internet se xesta unha marcha mundial “ No más Chávez” convocada en todo o mundo para o vindeiro 4 de setembro. Pero non aclara quen convoca e a través de que medio. Calquera pode decatarse que non hai nada inocente nese velenoso artigo cheo de desinformación!
Se nos mergullamos pola internet, encontraremos suficientes datos: organiza esta marcha a organización dereitista colombiana «No Más Chávez» a través das redes sociais do Facebook e Twitter. O obxectivo é desprestixiar ao Presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez.
Porque esta campaña se fai a través do Facebook? Porque a CIA investiu nela moito antes de que chegase a converterse nunha das redes sociais máis populares de Internet? Porque «La Voz de Galicia» fai de altofalante da ultradereita colombiana?
A función dos poderosos medios de (in)comunicación
A esquerda sempre considerou que a grande maioría dos poderosos medios de comunicación de masas tiñan e teñen a función principal de defender os intereses económicos dos poderes económicos e políticos da dereita.
O que uns comprenderon antes, a outros levounos máis tempo. A experiencia vivida nas eleccións ao Parlamento Galego fíxonos decatar como a mentira, a manipulación ou as verdades a medias da prensa oligárquica facían dubidar á xente, confundila para acabar cun goberno que, en varios aspectos, fixo políticas revolucionarias de transformación social a favor do noso pobo.
Esta prensa oligárquica, como nun golpe mediático antidemocrático, como si se desenvolvese un plan de guerra psicolóxica contra o inimigo, influíu no resultado do proceso electoral galego. Chegamos a unha nova e perigosa etapa histórica onde, como lembrou Suso Seixo na homenaxe a Moncho Reboiras, hai unha forte campaña de manipulación, ocultamento e desprestixio do nacionalismo, a través dos medios de comunicación do sistema, controlados polo españolismo, tanto de dereitas como de esquerdas, destacando especialmente nesta laboura La Voz de Galicia.
Agora ese medio de “información” publicou o venres (o mesmo día da reunión de UNASUR) que o presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez Frías, ameazaba con rebentar o cumio dos países suramericanos.
Debemos lembrar que un dos máis interesados no eficiente funcionamento deste organismo rexional é Venezuela, co seu presidente á cabeza.
A realidade e a manipulación
Tamén non debemos esquecer que o presidente Chávez, igual que outros países de Suramérica, consideraba necesario discutir a estratexia guerreira dos Estados Unidos na rexión, logo de desvelar as intencións do goberno norteamericano coa instalación das sete bases militares en territorio colombiano. Estas bases permítenlle aos EE.UU. tomar control dos recursos naturais e enerxéticos dos que carece a súa economía a mediano prazo e que abundan nos países que fan fronteira con Colombia.
O presidente da Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), o nicaraguano Miguel D»Escoto, pronunciouse este pasado venres desde Bolivia en contra da presenza de uniformados estranxeiros en Latinoamérica. D»Escoto lamentou que o goberno de Colombia preste o territorio para as bases militares estadounidenses.
O titular do periódico “ La Voz de Galicia” (de xeito similar á prensa da ultradereita como El Tiempo, da familia do ex ministro de defensa colombiano, Santos; ou El Nuevo Herald, de Miami) deturpaba a realidade dando a impresión que o perigo estaba nunha actitude radical do presidente venezolano e non na instalación das bases USA que rexeita a grande maioría dos países suramericanos, menos os gobernos de Colombia e Perú. Este último país até ten asilados a varias persoas que teñen abertos expedientes xudiciais nos seus propios países por presunta corrupción. Ademais, os seus presidentes son considerados uns lacaios de Estados Unidos polos sectores da esquerda política do hemisferio sur.
A estratexia dese xornal semella ser similar á que expuxo a analista internacional Yarisma Pérez Aparicio, cando advertiu que o conservador goberno de Colombia pretendía sentar a Venezuela no banco dos acusados durante o cumio extraordinario de Unasur (que tivo lugar este pasado venres en San Carlos de Bariloche, Arxentina) coa finalidade de distraer a polémica instalación de bases militares estadounidenses en territorio neogranadino e a ameaza que significa para toda a rexión.
Segundo a analista, o goberno colombiano tamén di que a guerrilla é sinónimo de narcotráfico, pero a maioría dos integrantes do Goberno de Uribe están apresados por narcotraficantes.
Puntualizou que para ninguén é un segredo que «o goberno é o creador do paramilitarismo en Colombia, entón de que Estado, respecto e democracia estamos falando», preguntouse.
Tamén adiantara que, durante o Cumio de Unasur, Uribe ía ser un incontido acusador de Venezuela e de Ecuador.
O traballo de Uribe e dos seus funcionarios que o acompañan vai ser desprestixiar a Venezuela», advertira a analista durante o programa Espertou Venezuela, que transmite Venezolana de Televisión.
Pois semella ser ben similar a función do incontido acusador ao da voz indeppendente, que en lugar de transmitir de xeito obxectivo a información que reciben do que acontece no mundo, parece que filtra os contidos segundo se axuste á liña editorial imposta polo dono do medio.
A pesar do titular de “La Voz de Galicia”, Uribe está pagando o erro de asinar en segredo o acordo das bases militares con Estados Unidos.
Ao final o presidente colombiano intentou manexar con tacto a situación porque, se rompese a unidade en Unasur, os gobernos como os de Lula, en Brasil; Evo Morales, de Bolivia, Rafael Correa, de Ecuador; Cristina Fernández de Kirchner, en Argentina ou Michelle Bachelet, en Chile, culparíano a el e non a Chávez e tomarían, cada un ao seu xeito, represalias.
Todos saben o que dixo hai nove anos o norteamericano senador republicano Paúl Coverdell (un dos creadores do plan Colombia) para convencer aos remisos demócratas: “para controlar a Venezuela é indispensable ocupar militarmente a Colombia”. (COVERDELL, Paul «Starting with Colombia»; Wáshington Post, April 10, 2000; p. A 21). Ligazón
“ No más Chávez”
Ao final do tendencioso artigo informa dunha verdade a medias”: que en internet se xesta unha marcha mundial “ No más Chávez” convocada en todo o mundo para o vindeiro 4 de setembro.
Mais, que hai detrás de todo iso?
A través das redes sociais do Facebook e Twitter, un grupo de colombianos xunto a cidadáns venezolanos contrarios ao Goberno da República Bolivariana de Venezuela, están convocando de forma descarada a unha marcha mundial de desprestixio contra o Presidente da República Bolivariana de Venezuela, Hugo Chávez Frías, o vindeiro 4 de setembro de acordo a información apuntada en varias axencias de noticias.
Segundo o diario bogotano El Tiempo (os donos son a familia do ex ministro de defensa de Colombia, o ultraconservador Juan Manuel Santos) o vindeiro luns 31 de agosto realizarase unha reunión preparatoria na sede da Fundación Un Millón de Voces (organización que en febreiro de 2008 e tamén por medio do Facebook, convocou a unha marcha en contra das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia)
A marcha do 4 de setembro foi convocada pola organización dereitista colombiana «No Más Chávez».
A iniciativa pautada para as 12:00 do mediodía está sendo promovida e publicitada polas redes sociais Facebook e Twitter. Atacan ao presidente Hugo Chávez polo profundo respecto e pola defensa da soberanía nacional e da autodeterminación dos pobos que fai en cada un dos seus discursos. O proceso revolucionario, ten incidencias e repercusións positivas no mundo, se non fose así non se realizaría esa mobilización.
Cabe destacar que o xornalista español Pascual Serrano describiu como foi utilizada esa rede polo goberno de Colombia para coordinar a xornada mundial contra as FARC que en 2008 marcou o comezo da ofensiva propagandística contra a guerrilla que aínda continúa. E que hai moita evidencia de que Facebook foi instrumentalizado pola CIA.
O xornalista Ernesto Carmona advertiu, por exemplo, nun artigo de opinión que a Axencia Central de Intelixencia (CIA) investiu en Facebook moito antes que chegase a converterse nunha das redes sociais máis populares de Internet.
E non é para menos, a través da Axencia Bolivariana de Noticias sabemos que o Facebook converteuse nunha eficaz ferramenta comunicacional para o reencontro de amigos e familiares, pero tamén para organizar, coordinar e difundir campañas de descréditos en contra de grupos, institucións, personalidades e até gobernos como a que se intenta crear en contra de Venezuela e o Presidente Chávez:
Un dato relevante sobre o Facebook foi feito polo investigador Walter Goobar, de MiradasAlSur.com, quen asegura que “é en realidade un experimento de manipulación global e tamén é unha sofisticada ferramenta financiada pola CIA, que non só a utiliza para o recrutamento de axentes e a recompilación de información ao longo e ancho do planeta, senón tamén para montar operacións encubertas’.
Unha moi fundada voz de alerta sobre a propiedade CIA do Facebook entregouna o xornalista británico Tom Hodgkinson, no documentado artigo “With friends like these …”, publicado no diario londinense The Guardian o 14 de xaneiro de 2008.
Hogkinson destaca que despois do 11 de setembro de 2001, redobrouse o entusiasmo pola alta tecnoloxía que xa tiña capturada á comunidade de intelixencia de EEUU desde que dous anos antes creara o fondo de capitais “In-Q-Tel”, para oportunidades de investimento de risco en altas tecnoloxías.
Para o xornalista Hodgkinson, os vínculos do Facebook coa CIA pasan por Jim Breyer, un dos tres socios crave que investiu nesa rede social 12,7 millóns de dólares en abril de 2005, tamén asociado do fondo de capital Accel Partners, membro dos directorios de xigantes como Wal-Mart e Marvel Entertainment e ademais ex presidente de National Venture Capital Association (NVCA), caracterizada por investir en talento novo.