En contra dos intereses galegos: irresponsábel derrogación do decreto eólico
Publicado en Galiza o 07/08/2009 00:43 por Xosé Antón
O PP, con esa irresponsábel decisión política que nin os empresarios galegos entenden, pretende primar os intereses
das grandes operadoras foráneas, amigas do Partido Popular, por riba dos intereses de Galiza e do beneficio dos seus cidadáns. Como advirte o deputado nacionalista e anterior conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, “esa irresponsable decisión política vai xerar inseguridade xurídica entre todos aqueles posíbeis inversores aos que se lles está enviando unha mensaxe moi perigosa, pois en calquera momento, por unha decisión política, poden ver truncados os seus proxectos e as súas apostas polo País”.
Con esta insensata decisión pasamos de ser, en poucos meses, unha potencia enerxética a un pais continuamente derrogado camiñando cara o abismo, coas bendicións e apoios da Voz de Galicia e coa abstención e o voto inconsciente de moit@s galeg@s.
Que perdemos na Galiza coa derrogación do decreto eólico?
Galiza era a gran beneficiaria da resolución do concurso eólico, xa que o 14 por cento da potencia eólica no
decreto eólico aprobado na lexislatura anterior (goberno bipartito) estaba en mans públicas.
O que implicaba que Galiza e as galegas e galegos serían os grandes beneficiarios da anterior resolución ( cando a Consellaría de innovación e industria estaba gobernada polos nacionalistas).
A consellaría de Innovación e Industria acordara admitir a trámite, trala resolución da comisión de valoración, un total de 2.290 megavatios eólicos, dos 2.325 que se poderían acoller. O 14,2% ( un total de 325,74) serían cedidos á Xunta de Galiza, xerando nesas circunstancias 30 millóns de euros por ano.
No reparto (da anterior lexislatura) o grupo máis beneficiado era Eólica Galenova -filial de Caixanova-, con 235 megavatios; seguido de Aucosa -que integra varias conserveiras-, con 216 megavatios; de Norvento, con 193,8 megavatios; e de Ventos Cooperativos -que encabezaba Feiraco, apostando polo necesario grupo lácteo galego que tanto necesita Galiza-, con 192.
Así quedara o concurso:
Acciona Eólica Galicia (72,75 megawatios), Andavia Renovábeis (50), Aucosa Eólica (216), Cupa Renovábeis (118), Enel Unión Fenosa (15,1), Engasa (1,5), Enerxías Renovables de Galicia(142), Eólica Galenova (235), Eólicos Touriñán (15), Fergo Galicia Vento (22), Fisterra Eólica (174), Gamesa (42), Hidrofreixa Eólica (17,5), Inesgal (36), Montouto (20,25), Norvento Eólica (172,8), Norvento (21), NEO (125,7), Olivento (13,02), Proxecto Engadir (50), Puentegasa (173,4), Sistemas Energéticos Ortegal (24), Tablicia (6), Total Eólica (41,5), Ventauría Enerxía Rural (160,2), Vento Ártabro (76), Ventos Cooperativos (192), Ventos de Beitureira (8) e Viraventos (50).
O investimento previsto no desenvolvemento destes parques era de
2.744 millóns de euros que, segundo informara o nacionalista Fernando Blanco, anterior conselleiro no bipartito, sumados aos 1.400 millóns de euros dos proxectos industriais asociados xerarían arredor de 8.000 postos de traballo, aos que habería que sumar 3.100 empregos para a propia construción dos parques eólicos. O 50% dos beneficios que recibise o Goberno Galego irían destinados a obras e proxectos nos concellos directamente afectados polas instalacións e as comunidades de propietarios.
O conselleiro de Innovación e Industria destacara que, desa participación pública que os promotores lle cederían ao INEGA, o 40% repercutiría directamente nos concellos afectados e o 10% nas comunidades de propietarios dos terreos. O consellerio tamén destacara que a práctica totalidade dos proxectos recollía unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual de entre o 1% e o 3%, que equivale a 15,6 millóns de euros estimados anuais para os propietarios.
É ben lembrar as palabras do conselleiro de Innovación e Industria daquel momento: “todos, e cando digo todos, digo todos” os membros da comisión de avaliación -tamén, polo tanto, os representantes das consellerías de Política Territorial e Medio Ambiente que abandonaron a comisión avaliadora- acreditaron o “rigor” dun concurso que atendeu a unha “escrupulosa legalidade, obxectividade e transparencia”.
Semella que a Voz de Galicia, actuando como verdadeira plataforma mediática do PP, pretende que nos esquezamos diso, enchendo de veleno as “informacións” deturpadas que publica (como en plena campaña electoral).
A historia de Galiza sempre foi a dun país produtor pero sen que os cidadáns do noso propio país se puidesen aproveitar desta condición. A resolución pagaba parte da débeda no aspecto enerxético, facendo das galegas e galegos os grandes beneficiarios, os gañadores do concurso eólico.
É de resaltar o forte pulo que se lle daba ao “gran proxecto lácteo” da Galiza na concesión de 192 megavatios á sociedade Ventos Cooperativos. Ao mundo cooperativo do sector lácteo abríronselle moitas portas grazas ao concurso eólico, unha capitalización que lle permitiría consolidar esta iniciativa nos catro anos da actual lexislatura. Mágoa que a chegada do PP ao goberno da Xunta truncase a positiva transformación do medio rural galego.
Subliñaban naquel momento, desde as cooperativas promotoras, que ese era o maior exemplo de redistribución de riqueza en Galiza. De xeito concreto, desde Feiraco apuntaban que se trataba dun inédito recoñecemento do papel que tiñan no desenvolvemento de Galiza os propietarios de explotacións rurais, traballando en favor do mantemento e conservación do territorio.
Alén do grupo leiteiro, propoñían outros proxectos ambientais e enerxéticos sustentábeis, así como a creación do chamado Instituto de Desenvolvemento do Campo. No proxecto estaban as cooperativas leiteiras Feiraco, Icos, Irmandiños e Colaga, que en conxunto reúnen a representación de máis de dez milleiros de explotacións agrogandeiras no país.
Na plataforma mediática mentireira publicouse que se ocupaba parte da Rede Natura cando na realidade (sen
deturpacións mediáticas interesadas) había 22 parques que quedaron fóra por estar en Rede Natura. Algún cuantificou que os 2.300 MW implicarían a instalación de 15.000 aeroxeradores”, cando en realidade estaban estimados uns 1.000.
Agora todo queda no aire, mellor dito, no vento máis descontrolado, ou controlado desde fóra e, igual que coa política de eliminación do galego, asumindo unha óptica de colonizados.