Demolición das Galescolas: galiñas para os nenos e para os maiores gaivotas
Publicado en Galiza o 18/08/2009 23:36 por Xosé AntónConfírmase que co cambio de goberno na Xunta de Galiza pasamos a un sistema radicalmente distinto na educación de
0 a 3 anos. Até se cambia o nome de Galescolas polo de “A Galiña Azul”. Dese xeito tamén desaparece a bandeira galega do logotipo malia que a bandeira é o símbolo principal de Galiza. Se cadra o conservador conselleiro de educación prefería “ La Gallina Blanca” que aínda era máis interesante, pero xa o tiñan outros.
O responsábel de Educación, Jesús Vázquez Abad, destacou que a nova imaxe das (ex)Galescolas ía dirixida aos nenos e estaba cargada de significado. É ten moita razón, coa nova liña “retro” do actual goberno conservador, nas Galescolas cambia o moderno concepto de Educación por Amaestramento.
Pasamos dunha casa común con sorriso acolledor e bandeira galega a unha galiña vestida de presidiaria, o que significa retrasar, como pouco, 40 anos en calidade educativa. Os mesmos 40 anos que pasaron desde que Carlos Casares escribira unha serie de contos titulados «A galiña azul», dos que a Xunta colle a imaxe. Non se sabe cantos cartos van malgastar niso, cando hai necesidades que cubrir no ensino, mais só o cambio da cartelería da rede de escolas infantís custará 22.000 euros + IVE ás galegas e galegos. Un verdadeiro despilfarro nun momento que a Xunta está a reducir investimentos irresponsablemente no ensino público e pechando escolas.
Mais estamos noutros tempos, ou deberiamos estar, e non parece axeitado reconverter as escolas en galiñeiros onde gardar nenos.
Salta á vista que os cambios non están guiados por criterios pedagóxicos de ningún tipo. Son, como quixo Núñez Feijóo, unha volta ao pasado, un paso máis do actual (seica) goberno da Xunta para facer pasar á historia a rede de Galescolas e voltar ao modelo anterior das garderías ou “aparcanenos”.
O PP pretendía que as Galescolas fracasasen grazas ao ataques mediáticos e non o conseguiron. Despois cambiaron por un ataque directo ao BNG, con forte apoio da Voz de Galicia, pola cuestión do idioma e polos mandís. Seica ter idioma propio e que as nenas e nenos tivesen mandís para non mancharse producía esaxerados e partidarios sentimentos nacionalistas por metro cadrado.
Pero coas galescolas apostouse pola educación de calidade, deseñáronse para ser un espazo educativo integral, no afectivo e no cognitivo, onde, a través de profesionais do ensino infantil, se aplican as teorías pedagóxicas máis actuais.
E agora co PP no goberno – veremos que pasa – poden camiñar cara a privatización (empezando por algúns servizos externos) poñendo como escusa a falla de cartos e dificultosa xestión.
Dicía, na presentación da nova imaxe da rede de escolas infantís, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que coa nova simboloxía preténdese fomentar o pensamento propio. Tamén semella estar ela bastante acertada: poñen ese símbolo que nos leva a pensar no do seu propio partido. Pensamos na camisa azul, na aguia coas frechas, na gaivota azul e, para que as nenas fomenten ese pensamento propio, comezamos por amosarlles, na saída do bo camiño, a pita encarcerada. E ese camiño, a onde nos leva? A meta, cal é? Pois calquera pode visualizar que a meta, a salvación deste mundo cruel está na gaivota voando coas ás despregadas.
Se non fose o custo económico que nos supón os cartos destinados á renovación da imaxe da rede de escolas infantís e o autoodio que nos impregnan aos galegos co seu xeito de actuar, podería dicirse que as trapalladas dos TUCSIM rozan, nesta mala comedia, o ridículo.
A finalidade do PP resúmese é desmontar todo o traballo feito polo anterior goberno bipartito onde o BNG destacaba claramente: actualmente, existen 25 escolas infantís de titularidade da Xunta e 85 de titularidade do Consorcio. Ou sexa, o Bipartito en case 4 anos fixo máis do triplo de escolas infantís (ex-galescolas) que o PP en 16 anos de goberno. Capacidade conservadora de facer algo en positivo: cero. Pois daquela a usar a ultraconservadora brigada de demolición, que para iso gañaron, ou que?