Outra vez o urbanismo provoca unha moción de censura, esta vez en Gondomar. Moción=corrupción
Publicado en Galiza o 07/07/2009 01:02 por Xosé AntónAfirma o aínda alcalde nacionalista de Gondomar, Antón Araúxo,que esta moción baséase en argumentos
inconfesables que non se poden plasmar no papel. O alcalde entende que esta moción de censura é legal pero non ética, xa que se basea en feitos moi graves. Ademais, non dubidou en acusar ao PP, ao PSOE e a Move Gondomar de asinar o documento por “intereses persoais” relacionados co urbanismo. Asevera Araúxo, nunha noticia publicada en GZnación que todos os que a asinaron forman parte da «trama de especulación urbanística que se veu tecendo nos últimos anos en Gondomar».
GZnación informa que a recualificación de centos de miles de metros cadrados, xunto coa legalización dun hotel paralizado – que é propiedade do que será rexedor se prospera a censura -, poderían ser os motivos que levaron á presentación da moción de censura. O Plan Xeral de Ordenación Municipal impulsado polo PP en 2006-2007 prevía que máis de 600.000 metros cadrados pasasen de ser terreo rústico a urbanizábel. Coa chegada do BNG ao Executivo local, todo quedou paralizado.
Este xornal electrónico di que son moitos os que ven cuestións urbanísticas detrás da moción e que teñen que ser intereses moi fortes. E que, desde que saltou a noticia das intencións da oposición, a indignación medrou en moita xente de Gondomar. Para canalizar as protestas, vén de nacer unha plataforma cidadá baixo o nome «Moción=Corrupción«.
O PP e PSOE outra vez unido por uns ou outros intereses. E xa van varias! Mentres as direccións políticas do PP e do PSOE caladiños como petos.
E non sería necesario realizar as investigacións pertinentes, por parte da fiscalía, que permitan clarexar e paralizar estes escándalos político -urbanísticos?
Mañá 7 de xullo o PP voltará á alcaldía logo de perder as eleccións municipais de 2007. Falta por saber por canto tempo.