Os falsimedia fan que a sociedade baile ao son que toca a dereita oligárquica
Publicado en Galiza o 08/07/2009 01:46 por Xosé Antón
De xeito que considerariamos incrible hai anos, hoxe os grandes medios de comunicación están de gardacostas, cando non lles marcan o camiño, da dereita estatal máis rancia e do fascismo internacional, se non son o mesmo monstro con dúas cabezas.
Os oligarcas (oligarquía, en ciencia política, é unha forma de goberno en que o poder supremo está en mans dunhas poucas persoas) donos de propiedades, de grandes acumulacións de diñeiro ou tamén de medios de comunicación poderosos que lles fan de plataforma mediática para adquirir maior poder son posuidores de forza política grazas ás súas fortes influencias, amosando estándares éticos posiblemente dubidosos.
Para mostra sirvan as empresas de información que fixeron o imposible para xustificar o golpe de estado en Honduras, primeiro, e agora para encubrir e/ou xustificar aos golpistas responsables dos asasinatos e outros crimes perpetrados no país centroamericano. Eses medios de comunicación controlado por capital privado colocáronse á beira dos golpistas en Honduras. Outros fixeron á vista gorda e poñían no mesmo nivel aos golpistas (oligarquía e militares) e ao goberno lexítimo.
Na escena internacional só TeleSur e emisoras de ideoloxía similar cumpriron cunha política editorial digna (axudar a formar cidadáns críticos, informados e participativos dentro da sociedade) e digna de eloxio ao informar de xeito obxectivo do que estaba a acontecer alí. Se non fóra por Telesur ou Venezolana de Televisión, que retransmitiron o que sucedía e achegaba esa información pola rede a outros medios de comunicación alternativos do mundo non teriamos información veraz e oportuna do ocurrido en Honduras. Por poñer un exemplo de recente actualidade.
Que susto si accedías á CNN, BBC, Globovisión, Televisa, xornais da dereita ou outras canles ou axencias de ampla cobertura mediática que tanto gostan pola Europa “civilizada”. Nalgunhas noticias, ou eran invisíbeis ou semellaba que os asasinados e feridos estaban na mesma balanza que os asasinos ou ideólogos do golpe de estado.
E si imos achégandonos cada vez máis á esfera do mundo e a vista se pousa no noso país? Xa non nos lembramos da famosa campaña electoral galega onde houbo un pulso claro entre un Goberno bipartito democraticamente elixido de Galiza e uns poderes fácticos de carácter económico e social? Da campaña de desprestixio contra o BNG con difamacións e calumnias da plataforma mediática conservadora que conseguiu a desmobilización dos sectores sociais obxectivamente interesados en que se aprofundaran as políticas transformadoras impulsadas polo nacionalismo desde a súa chegada ao Goberno en 2005?
Algúns medios da dereita foron cómplices ou parte dun plano de actuación moi suxo que se baseaba en espallar falsedades sobre determinados membros do BNG, para incidir no electores con finalidade de fomentar a abstención e desmobilizar aos votantes de esquerda e nacionalistas. Mentres, non falaban amplamente dos supostos casos de corrupción do PP investigados polo xuíz Garzón. Nin agora falaron que a recualificación de centos de miles de metros cadrados, xunto coa legalización dun hotel paralizado – propiedade do que agora é rexedor de Gondomar ao prosperar a moción de censura do PP máis o PSOE contra o BNG- podería ser o motivo que levou á presentación da moción de censura.
O Plan Xeral de Ordenación Municipal impulsado polo PP en 2006-2007 prevía que máis de 600.000 metros cadrados pasasen de ser terreo rústico a urbanizábel, pero nada con “sustancia” se dixo neses grandes medios de (des)información masiva.
Esa voz ebria de megalomanía e odio a Galiza que practicou un golpismo mediático para tentar acabar BNG aínda non saciou os seus apetitos destructores. Semella que pretenden denigrar todo o que lles “cheire” a nacionalismo.
Será por iso que A Mesa pola Normalización Lingüística emitiu un comunicado atendendo ás informacións publicadas antonte por La Voz de Galicia e a TVG. Nese comunicado A Mesa lamentaba a forma tendenciosa de ofrecer unha información por parte da TVG que daba a entender que recibiu un trato de favor por parte do bipartito ou das consellarías xestionadas polo nacionalismo, o cal falta á verdade.
Onte foi o BNG, hoxe a Mesa, mañá pode ser a CIG, pasado mañá calquera dos colectivos que defenda os intereses colectivos das galegas e galegos, da cultura do noso país. Como dicían os estudantes en Honduras, menos mal que aínda nos queda a rede para seguir vivos. E podemos engadirlle estar sensibilizados, formados, informados e socialmente activos…