O grupo lácteo era a solución en clave de país, mais…
Publicado en Galiza o 31/07/2009 01:44 por Xosé Antón Hai días que era noticia continuada as protestas e tratoradas dos produtores lácteos contra as grandes distribuidoras
presentes en Galiza co fin de denunciar o dumping e a masiva importación de leite de Francia e doutros países de Europa que chega a poñer en dúbida a calidade do leite. Con iso os sindicatos pretendían chamar a atención dos consumidores para que pensen que cando veñen mercar a estas grandes distribuidoras están contribuíndo a que desfagan o que queda do noso sector lácteo.
A solución deseñada na anterior lexislatura era a constitución do Grupo Lácteo Galego. Aínda que a crise económica e as dificultades para obter financiamento impedían avanzar todo o que se necesitaba, o anterior goberno galego conseguiu sentar á mesa a entidades moi importantes. Ao mundo cooperativo do sector lácteo abríronselle moitas portas grazas ao concurso eólico, unha capitalización que lle permitiría consolidar esta iniciativa nos catro anos da actual lexislatura. Mágoa que a chegada do PP ao goberno da Xunta truncase a positiva transformación do medio rural galego.
O deputado do BNG no Parlamento Galego e anterior conselleiro de Medio Rural no goberno bipartito, Alfredo Suárez Canal, afirmou hai tempo que a constitución do Grupo Lácteo Galego ía ser unha realidade nesta lexislatura, posto que co goberno bipartito sentáranse as bases para xerminar un proxecto empresarial competente (os cambios estruturais levan o seu tempo, sobre todo para articular unha solución estrutural nun sector lácteo pirateado dende os países fortes de Europa co permiso do goberno español- en mans socialistas- e do silencio cómplice das sucesivas Xuntas do PP).
Coa chegada do BNG á Xunta, o mundo cooperativo do sector lácteo conseguiría, grazas ao concurso eólico, unha capitalización que lle permitiría consolidar esta iniciativa nos catro anos da actual lexislatura. Suárez Canal falaba do proxecto “Ventos Cooperativos”, que foi presentado ao concurso eólico polas sociedades Icos e Os Irmandiños, con sede en Chantada e Ribadeo (Lugo), por Feiraco, ubicada en Ames (A Coruña), e Cooperativas Lácteas de Galicia (Colaga), de Silleda (Pontevedra). Estas catro cooperativas galegas uníronse ás compañías tecnolóxicas Eolia Renovables e Croquis Enerxía para acudir ao concurso eólico impulsado polo anterior Conselleiro de Innovación e Industria e actualmente deputado nacionalista, Fernando Blanco, e conseguiron a adxudicación de 192 MW, distribuídos en catro parques de 48MW de potencia cada un.
Dese xeito, afirmaba Suárez Canal, o sector estaba en disposición de dar ese salto cualitativo para consolidar o grupo lácteo galego na actual lexislatura, xa que o mundo cooperativo fixo un proxecto moi ben valorado na articulación eólica, cun resultado moi positivo para cooperativas cunha ampla representación non sector, que lles ía aportar unha capitalización moi relevante, e non só en clave de sector(normalizarse a relación entre produtores e industrias lácteas), senón tamén de País, co respaldo necesario por parte das consellarías de Medio Rural e de Innovación e Industria da anterior Xunta de Galiza.
Cando o PP se alzou co poder, despois dunha campaña plagada de mentiras e espalladas na súa plataforma mediática, o novo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, descartou, xa nas primeiras declaracións públicas, que a Xunta do PP impulse a creación dun grupo lácteo de capital galego, considerando non conveniente ‘o intervencionismo’ que suporía que a Administración autonómica asumise ese papel. Viuse que Juárez non sabe que facer coas explotacións agrarias: a primeira medida que propuxo o conselleiro do PP foi pechar e facilitar o abandono das explotacións: Facilitar o abandono das explotacións considérao o máis intelixente.
E as protestas comezaron… Convocáronse polos sindicato Labregos de Galiza tratoradas para tentar lograr que as administracións garantiran un prezo que cubra os custos de produción dun litro de leite e o traballo d@s gandeir@s, así como medidas que freen as prácticas de dumping e a «inundación» de materia prima foránea. O obxectivo das organizacións é que os gandeiros teñan garantida a recollida da súa materia prima e que a poidan vender a prezo de mercado. De igual xeito, demandaban que as Administracións reforzasen o control e a inspección das importacións e das distribuidoras – á que acusan de realizar prácticas de dumping. Esta situación demostraba, en palabras dos diversos sindicatos galegos, que é máis importante que nunca a creación dun grupo lácteo galego propio e potente A única solución que se lle ocorre á actual Consellaría de Medio Rural é chamar ao ‘acougo’, cando máis de 60.000 explotacións gandeiras desapareceron no país dende 1993, segundo datos dos sindicatos.
Na actualidade unicamente sobreviven 14.000 granxas leiteiras. Mentres a portavoz do BNG neste sector, Tareixa Paz, aseguraba que as demandas de sindicatos e cooperativas agrarias “concordan” coas necesidades actuais do sector que, ao seu xuízo, pasan pola “intensificación” das axudas do Igape e a creación de novas liñas que permitan aprazar o pago das débedas contraídas polos gandeiros, Feijóo, presidente do goberno tardofranquista da Xunta de Galiza, so sabía responder con “apartheids lingüísticos” lexislando contra o galego, semellando que pretende pasar a barreira do conflito ao exterminio para facer méritos en Madrid.
No momento no que estamos na actualidade, se o PP reabre o concurso eólico para favorecer “pelotazos privados e de paso botar abaixo a posibilidade de constitución do Grupo Lácteo Galego quedará moi claro que, como dixen noutra ocasión, a realización do programa político do PP baséase en destruír país con accións infames que aparecerán publicadas como grandes logros gubernamentais na súa poderosa plataforma mediática cun claro obxectivo: voltar á Galiza do atraso e controlada por uns poucos oligarcas.
Estamos nun mundo ao revés, sen dúbida. Igual que no caso da financición das CC.AA. que lle oferta o estado a Galiza. Se a oferta de financiación que o Estado lle fixo a Galiza é negativa para o noso país, porque Feijóo se abstivo en Madrid en vez de votar en contra? O (seica) presidente conservador non foi quen de desmentir as informacións que apuntan a que Mariano Raxoi impuxo a abstención á Xunta de Galiza para que o PP parecese unido, pois había comunidades conservadoras que quería votar a favor. Outra traizón que o PP comete contra os intereses de Galiza, e xa van ben delas en tan so 100 días de desgoberno dos TUCSIM