O Claustro do IES Agra de Leborís da Laracha en contra da agresión ao galego

 

A noxenta intención do (des)goberno (anti)galego de Núñez Feijóo  de desprestixiar a lingua galega  está a producir críticas e rexeitamentos masivos na  sociedade galega. A última reacción en contra da exterminadora política linguística  do PP produciuse hai uns días: o profesorado do IES Agra de Leborís da Laracha adoptou enviar un documento (aprobado no claustro do 30 de xuño de 2009)  á Consellería de educación no que manifestaba o seu rexeitamento á consulta que a Consellería está realizando nos centros educativos sobre a utilización das linguas no ensino.

 O claustro afirma no escrito o seu total e profundo rexeitamento á consulta ás familias, que considEu quero o galegoera precipitada, tendenciosa, partidista e totalmente innecesaria. O claustro asevera que a consulta ten motivacións políticas e non pedagóxicas, ademais de ser intencionadamente enganosa. Tamén lembran que o actual “goberno” da Xunta de Galiza pretende, ao abeiro dunha enquisa falta de todo rigor, levar a cabo un ataque dunha grande  magnitude á nosa lingua.

 Documento aprobado no Claustro do 30 de xuño de 2.009

“O Claustro do IES Agra de Leborís, en relación á consulta ás familias sobre a utilización das linguas no ensino que a Consellería de Educación está realizando nos centros educativos, quere manifestar o seguinte:

 1.         No noso traballo como docentes constatamos que o ensino en galego non só non supón ningún atranco para o desenvolvemento do alumno/a, senón que favorece a aprendizaxe doutras linguas: o alumnado galego sitúase por riba da media na competencia en lingua castelá (INFORME PISA) e ten mellor dominio do inglés cá media española.

2.          O Decreto 124/2007 do uso do galego no ensino, actualmente en vigor, pretende conseguir que o alumnado acade a mesma competencia nas dúas linguas da comunidade, o que non é posible se non se imparte polo menos o 50%  das materias en galego.

 3.        Esta consulta, dirixida aos pais/nais ou titores legais do alumnado, repartida nos centros e cuxos resultados influirán en futuras leis sobre o uso do galego no ensino e, por tanto, en toda a sociedade e no futuro da nosa lingua, deseñouse á marxe da comunidade educativa, desoíndo opinións de sindicatos, asociacións de profesores/as e numerosas entidades de todo tipo. As súas motivacións son, por tanto, políticas e non pedagóxicas e obvia os Proxectos Lingüísticos, traballados e elaborados polos centros e aprobados nos consellos escolares, órganos de goberno nos que están representados todos os membros da comunidade educativa, incluídas as familias.

 4.        A enquisa é intencionadamente enganosa xa que marcar a opción “en galego” ou “todo en galego” refírese en realidade só ás materias aquí mal chamadas “troncais”, que son as que hoxe xa habería que impartir en galego (50%). Non suporía, por tanto, que todas as materias se impartisen en galego, a pesar de que isto se deduza dunha primeira lectura. Esta ambigüidade fará que moitas familias que están de acordo con que a metade das materias se imparta en galego non marquen a opción que realmente o contempla.

Alén diso, o feito de que nin sequera apareza a opción de 100% das materias en galego impide que as familias que desexen este modelo poidan facelo constar na consulta.

Todo isto invalida o proceso e amosa o seu carácter tendencioso e manipulador.

 

5.         Estas e outras imprecisións de redacción da enquisa, xunto a outras cuestións como a falta de rigor na distribución e na protección de datos, o apresuramento nas recollas, as variadas e improvisadas instrucións enviadas aos centros, os impedimentos para que os Equipos de Normalización Lingüística realicen as funcións que lles corresponden (a pesar da relevancia dun asunto que non afecta só ao alumnado actual, senón a toda a sociedade e ao  futuro da nosa lingua), fannos considerar que se pretende usar os centros educativos como intermediarios (nun momento de máximo volume de traballo) para concederlle á consulta unha fiabilidade e un amparo legal dos que parece carecer.

 

6.          Por último, non deixa de ser triste que un goberno que nos representa a todos/as,  ao abeiro dunha enquisa falta de todo rigor, pretenda levar a cabo un ataque desta magnitude á nosa lingua.

 

Por todo o anterior, queremos expresar o noso total e profundo rexeitamento a esta consulta, que consideramos precipitada, tendenciosa, partidista e totalmente innecesaria.”

 

Deixa unha resposta