No perigoso camiño da privatización dos Servizos Sociais

O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, integrado pola Xunta de Galiza e por 267 concellos galegos (entre eles o concello da Laracha) foi a fórmula xurídica escollida por Vicepresidencia da Xunta de Galiza (anterior goberno Bipartito) para unha xestión moderna e innovadora dos servizos sociais que o Goberno dos TUCSIM pretende agora  desfacer para privatizalo. Semella que o señor Feijóo non atopa tempo para gobernar, pero si que o ten para desmontar, entre outros,  uns servizos sociais públicos e de calidade  que tanto necesitan as persoas para mellorar as súas condicións de vida. 

A Laracha foi un dos  múltiples exemplos de implantación de políticas sociais (licitación do Centro de Día- Residencia,Obradoiro da Risa Galescola, Comedor sobre Rodas, aplicación das Políticas de Igualdade de Xénero…) produto  dun esforzo económico e organizativo realizado polo Consorcio de I+B de Vicepresidencia da  Xunta de Galiza, sin parangón na historia do País. Capítulo aparte  merece o programa TEMPOS DE MULLERES do Consorcio de Vicepresidencia da Xunta de Galiza, que naceu coa vontade de fomentar os espazos de encontro das mulleres. Sabendo que a formación é cada día máis importante, nas dúas  edicións realizadas na Laracha, as actividades desenvolvéronas as equipas de Igualdade do Consorcio a través da rede galega de Oficinas de Igualdade e Benestar coñecidas co nome de Oficinas I+B. Colaboraron, na nosa localidade, as asociacións Quinta Feira e A Cutareira, ofrecéndose unha oferta moi ampla e diversificada que remataron  cun éxito incuestionábel e sabor agridoce na última. Supoñíase que co cambio de goberno (e logo confirmouse)  a brigada de demolición dos TUCSIM tentarían voltar ás políticas do pasado: privatizar e facer que se fai. 

O modelo escollido pola anterior Xunta (BNG+PSOE) permitía garantir a prestación de servizos de calidade con niveis suficientes de cobertura, a flexibilización de acceso e do uso dos recursos sociais e a mellora dos dispositivos de coordinación. Garantíase o acceso igualitario de todas as galegas e galegos a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recursos suficiente e equilibrada territorialmente que contribúa a reforzar a igualdade de oportunidades. Buscouse mellorar as condicións de vida das persoas con especiais necesidades de protección social.

En definitiva, dende ese departamento da Xunta tíñase apostado pola posta en marcha de políticas sociais do século XXI, modelos innovadores que apostaban decididamente pola iniciativa pública e por un compromiso de xestión en clave de País.

Co “novo” e escuálido goberno conservador na Xunta, e atendendo aos datos expostos polo deputado do BNG, Carlos Aymerich, non se recoñeceu nin unha soa prestación social nova, resolvéronse apenas 800 solicitudes dende que se puxo a (des)gobernar (cando a media co bipartito era de 2000 aos mes). Se este goberno reaccionario traballase ao mesmo ritmo do anterior goberno democrático da Xunta, a día de hoxe deberían ter resoltas máis de 6.000 expedientes de solicitudes de prestación social.

Segue o artigo explicando que se manteñen paralisadas as probas selectivas do Consorcio e residencias para a terceira idade como a de Vimianzo, xa rematada, e fican á espera de que o goberno do PP teña a ben dotala dos meios humanos precisos para entrar en funcionamento. O mesmo caso no que se atopan moitas Galescolas e Centros de Día esquecidos por un goberno que non agacha a súa preferencia polo sector privado.

É acertado o artigo de Aymerich, aínda que neste último parágrafo entendo que queda curto, xa que a actual Xunta de Galiza non é que non agache a preferencia polo sector privado, é que busca a privatización dos Servizos Sociais inutilizando o Consorcio Galego de Servizos Sociais!

Se partimos da lóxica premisa de que os servizos sociais deben ser universais, igualitarios e públicos, coa política do PP ábrese un camiño de incerteza para os servizos sociais, cun uso interesado dos servizos sociais privatizados. A privatización impide o acceso igualitario de todas as galegas e galegos a uns servizos sociais de calidade, a través dunha oferta de recursos claramente insuficiente, absolutamente descordinada e desequilibrada que coarta a igualdade de oportunidades.

A privatización dos servizos sociais produce ademais unha gran opresión ás mulleres, tratando como normal a manifesta e provocada desigualdade. Na Laracha e nas distintas asociacións locais, vendo as actuacións dos «novos» responsábeis políticos de San Caeano,  percibiuse con claridade que o goberno conservador non entende que os servizos de benestar social de calidade sirven como axuda para transformar e democratizar a sociedade. Non entende ou non quere.

 

Deixa unha resposta